1 de outubro de 2007

PASTORES AO ENXOITO

Un día de hai preto de tres anos marquei como obxectivo percorrer e coñecer este territorio aqualatense, inventariar canto houbese de interese, servir de notario do devir desta esquina pontevedresa lindeira coas provincias de Lugo e A Coruña. Armado de paciencia e paixón, percorro os camiños do verán poeirento, aspiro a mornura de ouro que trae o outono, adéntrome nos bosques que o inverno ispe e marca con rigor para chegar á primavera dos ríos de xílgaros e maceiraos.
Nese ir e vir repetido, baixo as sombras das carballeiras ou sobre o carrelo peiteado dos outeiros, vou descubrindo as marcas que a humanidade deixou sobre a epiderme deste fragmento privilexiado de planeta turquesa. Marcas da acción humana que perseguiu adaptar o medio adverso para facelo máis habitable, construcións para vencer o ventimperio, para identificar a tribo nas congostras do mundo.
Na foto, un refuxio de pastores, erguido nun vértice que se pecha entre valados. Semella un diminuto dolmen para vivos. Aí leva ben anos abeirando aos pecoreiros de antano, entre Ventosa e Laxosa.

4 comentarios:

  1. Que tesouro, Busto! Non lle contes a ninguén a localización exacta, e ten tino que pase por alí a desbrozadora... Eso pasou en Quinzán, na miña aldea, cos restos castrexos...
    Grazas por compartires os teus tesouros.
    Bicos!

    ResponderEliminar
  2. ¡Quen podera pisarche a sombra!
    Paréceme sublime a túa iniciativa. Fai xa uns anos vivín unha historia parecida con un grupo de xente formidable, alá no concello de Carballo. Íamos lugar por lugar, casa por casa na procura deses tesouros. Nunha ocasión, chovendo, guiados por un lugareño subimos ata o cume dun monte porque alí había restos dun cruceiro. Ao final resultou ser un punto geodésico:-(
    Unha aperta sinceira.

    ResponderEliminar
  3. Demostras un corazón e un amor por esa terra que só pode igualar a singularidade dese acubillo de pegureiros.
    Graciñas por mostrarnos ese recanto do planeta turquesa.

    ResponderEliminar