13 de outubro de 2007

PONTÁDEGO NA PONTE DOS CABALOS?

A esta mesma hora en que escribo parte unha expedición desde Agolada ata a Ponte dos Cabalos. Son os asistentes á IX Xuntanza Xeracional (agoladense), que queren coñecer ou volver visitar esta paraxe chea de historia e atractivo. Impedimentos varios non me permiten estar con eles físicamente. Espero que saiban que si estou no sentimento. Por iso colgo agora esta entrada.
O marco que aparece na foto está á beira da calzada medieval que dá acceso á Ponte dos Cabalos, a menos de trinta metros da ponte. Polo ben elaborado que está, polo rebaixe e porque presenta ocos cilíndricos para aloxar un eixe, a min antollóuseme excesivo para ser o marco dunha chousa de monte. Pero o pensamento fóiseme ata épocas pretéritas e intuín que poidera tratarse do marco dunha cancela que pechase o paso da ponte. E por qué pechar o paso da ponte? É ben sabido que os señores feudais que mandaron erguelas, dispuñan logo que se cobrase unha peaxe por usalas. Ese imposto era coñecido co nome de pontádego. Por iso as pontes soían ter portas ou cancelas, que só se franqueaban cando se abonaba o pago correspondente.
Non sei se a miña intuición foi excesiva, pero o certo é que se subsistiron outros elementos medievais no mesmo lugar, por qué non un dos marcos da cancela de acceso á ponte. En calquera caso isto permítenos revisar a historia da ponte medieval mellor conservada que posuimos conxuntamente os concellos de Lalín e Agolada.

1 comentario:

  1. Pois polas características que estás a describir eu creo que ten moita posibilidades de ser unha cancela para pechar a ponte. Ei de confesar que me encanta o teu blogue. Ir descubrindo pouco pouco Agolada.

    ResponderEliminar