3 de novembro de 2007

FERVENZA DE O ÉZARO (DUMBRÍA)

O río Xallas ten o xeito máis espectacular de se despedir. Aquel que lambe suavemente os peares de Brandomil, estoupa nun balbordo de cachoeira ao caer no Pozo do Coadoiro. Aquí entrega as limpas ninfas ás cantareiras sereas do Atlántico que veñen repousar na recollida ría de O Ézaro, mar que se espella na mole granítica do Penafiel e no Alto das Bestas.
O lugar é/era un monumento da natureza. A caída do río viuse truncada no ano 1988 pola construción do encoro de Santa Uxía, de uso privativo de Carburos Metálicos entón, e de Ferroatlántica na actualidade. Por mor diso a fervenza só pode verse, imaxino que bastante desvirtuada, dúas horas os domingos. Migallas.
Catro anos antes puiden retratarme nesta paraxe sen saber que pouco tempo máis tarde nos ía ser roubada esta marabilla, enmarcada polos concellos de Dumbría e Carnota e que olla de cerca o olimpo galego: o mítico monte Pindo.
Visto desde a distancia dos anos, un sente mágoa por esta perda e pregúntase cántos lugares de Galicia estaremos a estragar por sucumbir aos engados do neoliberalismo e ao capitalismo sen escrúpulos. Agora mesmo véñenme á memoria as canteiras de lousa do Courel...

4 comentarios:

  1. fixeronse moitas animaladas con paisaxes naturais ben fermosos

    ResponderEliminar
  2. Moitos rios foron estragados por encoros o minicentrais; o do Caurel non ten nome; moitas zonas costeiras sucumbiron as urbanizacións desaforadas coa permisividade dos políticos de turno.
    No Morrazo, por exemplo, o antiguo camiño para ir a Cabo Couso quedou pechado por unha urbanización e agora so podes ir ata o cabo se te deixan pasar os donos dos chalés.
    E todo esto en nome do ¿progreso?.

    ResponderEliminar
  3. eu tamén estiven na fervenza antes da súa domesticación; infelizmente, non teño foto :-(

    ResponderEliminar
  4. Eu estiven fai mais ou menos un mes. Agora incluso teñen unha pasarela de madeira que chega a escasos metros da cascada. Co pobre que quedou o sitio sen agua, intentan mostrar algo parecido o que foi fai anos.

    ResponderEliminar