2 de novembro de 2007

RIO LENTISCO

Hoxe veño de recibir un correo do amigo Secundino Lorenzo, autor da mellor web dedicada aos ríos galegos, comunicándome o cambio de enderezo da súa páxina (A vida nos ríos galegos). Deixo actualizada no blog a ligazón e dedícolle esta imaxe dun río pequeno que percorre o concello de Agolada. Poderiámoslle chamar o terceiro río, despois do Ulla e o Arnego.
O Lentisco nace na Rega da Virxe bebendo no horizonte do Picolongo e descende a Couso para mover muíños e fertilizar as dondas veigas de Cristín e A Guillerma. Precipítase na fervenza de Buxel e os rodicios consecutivos aproveitan o seu pulo mozo e vigoroso. Cóase entre Outeiro e Traspenas de Artoño, avanza polo Galiñeiro e acada A Baíña por A Braña (na foto). De aquí segue polo fondo de Brandariz e encontra as aceas de Ouro. Encalexado entre Val de Sangorza e Castro de A Baíña, intérnase na fraga da Fontevella e apura o paso para renderse ao Ulla nunha aperta de remuíños líquidos que ecoan polas valgadas de O Sexo.

4 comentarios:

  1. Esta é unha lección de xeografía poética: unha asignatura que debería ser obrigatoria.
    Para min que despois deste escrito o río Lentisco anda máis cantareiro.

    ResponderEliminar
  2. Moitas gracias Manuel pola dedicatoria, pura poesía...
    O río Lentisco seguro que o merece.
    http://www.rios-galegos.com/omeurio.htm
    Un saudo.

    ResponderEliminar
  3. Ata nos ríos máis pequenos había troitas, non fai moito tempo.
    Concordo con paideleo, os rios galegos asignatura obrigatoria, xa.

    ResponderEliminar