23 de novembro de 2007

O FARELO, UN ESPLÉNDIDO MIRADOR


Este promontorio granítico, que marca os lindeiros das provincias de Lugo e Pontevedra, xa delimitaba no pasado os confíns do condado de Deza. É unha prolongación da Serra do Faro e forma parte da dorsal galega.
Desde a súa cima a vista é moi agradecida e a mirada esténdese pousando nos cumios alonxados e nas aldeas diminutas que dormitan aos seus pés.
Acompaño dous mapas do profesor e xeógafo de Lalín, Antonio Presas (con quen comparto centro de traballo e afeccións), onde se poden observar as enormes distancias que se albiscan desde esta impresionante atalaia, que abarca media Galicia nunha ollada radial que supera os 107 Kms. en liña recta deica Pena Trevinca. No segundo mapa aparece representada a hidrografía de regos e regueiros que nacen nas entrañas de feldespato do maxestuoso domo e esvaran polas vagoadas xabreiras deica fertilizar os vales e as chairas.
A foto coa paisaxe nevada é da autoría do amigo David Utrera Iglesias. É de hai dous anos e nela vese en primeiro termo a aldea de Bidueiros, moi próxima a Agolada.

9 comentarios:

  1. a min gústanme as paisaxes nevadas e ainda mais as de galiza.eu tamen teño moitas fotos do Faro nevado, pero como esas ningunha. moitos saudos.

    ResponderEliminar
  2. Duas preguntiñas:
    ¿Que altura ten o monte?
    ¿Sabes se hai algunha ruta de sendeirismo que pase pola sua cima?

    ResponderEliminar
  3. Unhas vistas espectaculares, sí señor. Cómpre subir en día claro (e soleado, que fai un frio de mil demos).
    E, co permiso do autor do blog, respóstolle ao raposo sobre o da ruta:
    http://www.concellodeantas.org/quevisitar/rutas
    /ruta.php?idruta=1

    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Grazas a todos polos comentarios.
    Eu engádolle a Chousa que tamén hai un itinerario interesante desde a Aldea do Monte (Ventosa) ou seguindo os cortalumes desde O Marco. Máis completo é empezalo nun dos sitios e rematalo no outro. Desde San Martiño, en Antas, hai unha ruta moi atractiva que vai por onda O Rancho e sobe por Santomé, ou ben desviarse para ver a Torrevella e a Torrenova.
    A altitude do monte é de 954 m. sobre o mar.

    ResponderEliminar
  5. Farelo virá polo de faro como altura de monte. Pero tamén chámanse farelos ás folerpas de neve. Calquera dos nomes lle viría ben.

    ResponderEliminar
  6. Busto, chousa da alcandra: grazas pola información.

    ResponderEliminar
  7. A verdade é que fai no Farelo vai un frío de mil demonios. Eu vou con frecuencia e neste tempo, en días claras e ata as 10.00 ou a partir das 17.00 horas da tarde, hai lugares onde non hai quen pare!.
    Refléxase esta aspereza do tempo nos toxos que por aí lles chamamos toxos "carrapochudos" (a determinada altura e expostos ao frío e o aire parecen esponxas), e teñen unhas espiñas "temerosas".
    tamen os pinos non medran, nin por aposta! e xa non digamos a paisaxe dos penedos expostos a cambios bruscos de temperatura.
    Por certo con respecto ao topónimo nesta zona tamén dicimos "esfarelar" cando unha pedra rompe con facilidade (como un terrón de azucar)
    Un saúdo Fernando

    ResponderEliminar