21 de novembro de 2007

PEXEGUEIRO NO OUTONO

O outono é un prodixio de cores ocres, pardas, vermellas e amarelas. Cores cálidas que paradoxalmente prometen xistras e invernía. Son as cores da despedida, da follaxe que esgota ciclo. Follas murchadas, caducas, abandonadas pola seiva que se retrae nun rito biolóxico sabio e antigo.
O día de San Martiño andei pola beira do rego do Rodo de Carmoega, onde a fonte do Cabo cantaruxa menos que antano. O pexegueiro da foto invitoume a captar o orgullo cromático que lucía para deixar memoria del neste caderno.
En Carmoega, terras baixas de Agolada (318 m. sobre o mar), nun ubérrimo val que rodea o Arnego, os pexegos teñen meles e azucres cristalizados, froita de memoria persa como o seu nome científico recorda Prunus persica.
Así o vin e así volo deixo, vestido de cores e luces de San Martiño.

8 comentarios:

  1. Gústame moito esta foto.
    (Supoño que, visto o meu blog, non sorprenderá a ninguén esta afirmación)

    ResponderEliminar
  2. Ata o de agora estaban fermosas as árbores coas cores do outono pero a chuvia está tirando as follas.

    ResponderEliminar
  3. cantas cores,gustame, gustame.moitos saudos.

    ResponderEliminar
  4. gracias polo outono, manolo. é unha sorte para os ollos que nos agasalles con estes meles. no nadal vou unha semana a casa pero boto en falta o cheiro húmido dos ocres, os paseos polo monte, a follasca nos pés. aquí, nas illas, o clima impide ese gozo ao que antes estaba afeita, aínda que tamén hai paisaxes incribles.
    unha aperta

    ResponderEliminar
  5. se miras a foto de lonxe, ou cos ollos achiscados, é lume.

    ResponderEliminar