8 de decembro de 2007

PORTADA ROMÁNICA

Ofrézovos unha imaxe da portada lateral norte da igrexa románica de Órrea, nuna perspectiva inédita, enmarcada pola vexetación do outono. Esta porta era a que comunicaba a igrexa coas dependencias monacais.
Este templo é o expoñente mellor conservado da arquitectura románica no concello de Agolada.
No testamento de Odoario, no ano 774, xa se cita a igrexa de Órrea. Do actual edificio e da fundación do mosteiro de monxas bieitas descoñécese a data exacta. Sábese que é anterior a 1171, ano no que a súa abadesa figura nun documento de venda de propiedades ao mosteiro de Sobrado dos Monxes. Nun privilexio do rei Alfonso IX, en 1202, menciónase ás monxas de San Andrés de Órrea, que anos máis tarde manterían un longo preito coas do mosteiro de San Salvador de Chantada pola posesión do Couto de Vilar, na parroquia de Ventosa, que lles foi favorable.
(Información histórica recollida do libro "A comarca do Deza" de Armando Vázquez Crespo e Daniel González Alén).

Ningún comentario:

Publicar un comentario