13 de xaneiro de 2008

BANDA DE MÚSICA DE VENTOSA (I)

A Comisión das Festas do Faro de Ventosa leva anos editando un caderniño que combina publicidade con datos históricos, xeográficos, arqueolóxicos, etnográficos, costumistas... da parroquia. Dun deses caderniños entresaquei datos e foto para este artigo. Ventosa é unha parroquia que sente orgullo de si mesma e exprésao de variadas maneiras: organizando as mellores festas da contorna, restaurando e protexendo o patrimonio común, honrando aos seus personaxes máis ilustres, etc.
Ventosa tamén se sentía orgullosa de contar cunha banda de música desde 1862, cando a fundara o mestre Cuñarro. Durante case un século percorreu as romarías da bisbarra e extinguiuse en 1959. Case todas as casas da parroquia tiveron algún músico na banda ao longo dos 97 anos da súa historia. O grupo completábase con músicos das parroquias veciñas.
A foto desta entrada foi realizada nas festas de Berredo en 1947. Nela aparecen, de esquerda a dereita, na fila superior: Evaristo de Buxel, Urbano Pulido, José (clarinete) de Buxel, Pepe de Miguel, Santiago de Berredo, Eliseo (músico de A Baíña), Miguel (clarinete), Maracas (Quincoces), Valadoiro, Manolo do Fino, Antonio Lamela, Germán do Rufino e Romeiro.
Na fila inferior: Cunqueiro, Evaristo, Castromil, Raposo, Cacharro (Tripolín), Clemente, Fraga, Salvatierra, Manolo Cureixas, Cándido Franqueira, Juan de Aián.
Foron directores desta banda ao longo da súa historia: Tío Juanito do Lamela, Alfredo Salvatierra, Arturo Teller Chipeller, José Fernández Alvarellos, Clemente Fernández Lamela, Manolo do Cureixas, José Miguel, Luís Araque e Emilio da Concha.

3 comentarios:

  1. como me gusta cando alguén rescata do pasado os feitos onde se reflicte a ilusión e a vida dos que xa non están. E se se lle pode por cara... moito mellor!

    ResponderEliminar
  2. Debe ter moitos anos, a foto debe ser antiga, pero deben tocar moi ben. Moitos saúdos

    ResponderEliminar
  3. As comisións de festas merecen sempre moitos parabéns. Case sempre eran (e en moitos casos seguen sendo) os mesmos, e case sempre tiñan (e teñen) que aturar unha morea de reprimendas.
    Eles tamén fixeron posible a pervivencia da cultura do país.

    E non vou falar das Bandas de Música populares, que se non alóngome moito, pero eses músicos (algúns de macheta) merecen monumentiños e monumentazos.

    Unha aperta

    ResponderEliminar