12 de xaneiro de 2008

O CUARTEL DA GARDA CIVIL

Para saber da importancia dunha cousa din que o mellor é quedar sen ela. Logo é cando un se decata do valor do que perdeu. Isto é o que lle pasou ao pobo de Agolada co cuartel da Garda Civil (o que vemos na foto de Fidel Torreiro Sarandeses, tomada en 1980). Supoño que coma en todos os cuarteis terá habido tamén os seus erros e haberá xente que prefira que desaparecese. E pode ser así nunha análise simplista. O certo é que a xente deste pobo cando soubo que ía quedar sen cuartel reaccionou (ben é certo que tímida e inxenuamente) para que non levasen aos gardas de Agolada.
O cuartel inaugurouse en 1961. A presenza da Garda Civil no concello é moi anterior. Xa existiran destacamentos en Borraxeiros e Ventosa. E o final da presenza deste corpo na capital municipal ocurriu polo ano 1981, a pesar das peticións do concello e das manifestacións do pobo queimando rodas e leña e cortando o tráfico na estrada que vai a Lugo.
A partir desa data, o edificio quedou abandonado e camiñou cara a ruína. Hai un ano foi demolido despois de que o Ministerio de Defensa llo cedese ao Concello. Na actualidade o solar alberga os alicerces do futuro auditorio, tan necesario e demandado.
O campo que hai diante do cuartel era unha superficie encostada, coas laxes vistas e nel celebrábase a feira do gando e facíanse as mallas no verán. O monte Farelo e un ceo de cinza sérvenlle de decorado de fondo ao edificio.

4 comentarios:

  1. Pois aquí aconteceu o contrario. O cuartel do Porriño era unha ruina e fixeron un novo pouco antes do ano 80. Aínda lembro explorar as obras.

    ResponderEliminar
  2. Nada permanece, meu fillo, todo cambia, neste caso parece que ó final ides quedar contentos.

    ResponderEliminar
  3. Para o pobo é unha perda moi importante, lóxicamente, é símbolo da decadencia, seguramente perdedes poboación e non hai industria ningunha, e as cousas van desaparecendo.

    Pero, qué queres que che diga, se non están non andan a multar, jajajaja.

    Un saúdo e ¡hai que levantar o pobo!. No meu tamén imos perdendo, Renfe quedouse no chasis, ..., aínda que agora cos novos gobernantes locais parece que estamos recuperando a modiño.

    ResponderEliminar
  4. O Cuartel de Antas ainda segue coa bandeira izada. Non ten unha dotación moi numerosa que se diga (tan so 3 Gardas); pero algo é algo.
    A construcción ten moita similitude coa que se ve na tua foto. Imaxino que serían cortados polo mesmo xastre.

    ResponderEliminar