19 de xaneiro de 2008

TOSTA DE SANTANDRÉ

Desde épocas ben remotas os nosos antepasados aprenderon a domesticar os ríos para tirarlle proveito á enerxía cinética e potencial da auga. E construíron as tostas, entre outros enxeños. Con elas conseguían elevar o nivel da auga para desvialo por unha canle (levada, agolada) cara a un muíño ou un batán. Igualmente lles servía para canalizar a auga para o regadío de prados ou cultivos. Do tipo desta última función é a que vos presento na foto. É a tosta de Santandré, en Carmoega, na zona onde o Arnego se acubilla baixo os sombreiros das corticeiras (quercus suber).
As tostas crean espazos singulares nos ríos, augas gordas que escachan ao despenarse e erguen un balbordo de frescura que se espalla pola ribeira. E os ollos recréanse nas fervenzas de escumas irisadas.

5 comentarios:

  1. Non sabia do nome da tosta. Coñezo un " peirao " no concello lindante ao meu.

    ResponderEliminar
  2. A foto é realmente preciosa, e eu, como paideleo non coñecía o nome de tosta.

    ResponderEliminar
  3. eu tampouco oira o de "tosta" pensei que a eso se lle chamaba "caneiro", pero caneiro foi unha palabra que coñecín xa de maior, non cando aprendin a falar galego, de nena.
    Un post bonito e educativo. :)

    ResponderEliminar
  4. E mirade de que modo tan axeitado se fixeron ese tipo de obras, que non somente non foron agresivas ó ecosistema fluvial; se non que o dotaron de hábitats moi óptimos: augas fondas e lodosas no que é a parte superior da tosta, onde as troitas adultas se moven "coma peixe na auga"; e osixenadas correntes por baixo das fervenzas que favorecen o alimento dos alevíns.

    Moi bonita foto!

    ResponderEliminar
  5. Na comarca do deza a palabra tosta é moi usual, eu sempre a escoitei. Estes aproveitamentos do caudal do río non teñen nada que ver coas obras faraónicas de hoxendía. Unha verdadeira mágoa.

    ResponderEliminar