10 de febreiro de 2008

E SEGUEN AS HOMENAXES

Vázquez Pintor recibirá a 'Letra E' da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Sabe o compañeiro Pintor da alegría que sentimos os amigos por tantos recoñecementos que ultimamente lle choven en forma de premios literarios e homenaxes de asociacións. Todos, merecidos, fan xustiza a unha vida dedicada á literatura e á cultura coa paixón e vehemencia que o caracterizan. Xuntos temos andado moitos camiños nunha xeira que dura xa máis de trinta anos e os que virán.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) outorgará este ano á súa Letra E a Xosé Vázquez Pintor. Así se aprobou na Asemblea Xeral de Socios que se celebrou en Santiago e na que se presentou unha proposta de actividades para este ano, informou o presidente Cesáreo Sánchez. A Letra E entregarase nun acto de homenaxe que se celebrará en Melide, terra natal do autor, o próximo 7 de xuño. Dentro deste acto, o escritor é honrado coa Letra E, coa plantación dunha árbore simbólica elixida polo autor e coa inauguración dun monolito conmemorativo ou dun espazo público co seu nome. Recoñecemento a unha carreira consolidada. De Vázquez Pintor destacan os seus colegas non só o feito de ser "gran poeta e narrador", senón tamén unha traxectoria "longa e consolidada" con "importantes froitos". Nacido en 1946, o escritor exerce como profesor de Ensino Medio en Pontevedra e desenvolve a súa actividade cultural en diferentes campos. Como poeta, publicou 'Gándaras', 'Terra e pan', 'Ou espertar tamén é noso', 'Ofidios de diario', 'Na vertical da noite', 'Non corazón mancado', 'Rotazón violeta' e 'Banzados'. De narrativa, asinou as obras 'De ida e volta', 'Lume de biqueira', 'Quen faga voar' e 'A memoria do boi', e de ensaio, 'Os vellos oficios' e 'A tribo sabe'. Tamén cultivou o teatro con 'A fraga encantada', 'A sombra da memoria' e 'Teatro do patacón'. A Letra E sumarase a outros galardóns como o Eduardo Pondal, o Ciudade de Ourense, Esquío, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester e ata o Premio da Crítica Española. Deste xeito, recollerá o bastón de remuda de Manuel Lourenzo, homenaxeado pola AELG o ano pasado, e pasará a formar parte dunha nómina de autores como Avilés de Taramacos, Bernardino Graña, Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, Luz Pozo, Xosé Chao Rego e Salvador García-Bodaño. Ata agora, a Letra E só foi entregada a título póstumo nunha ocasión, en homenaxe ao poeta Uxío Novoneyra.
Na foto superior aparece na súa casa de Agolada co retrato do seu pai ás costas. Na foto de abaixo vemos un dos seus poemas, dedicado á lingua galega. Pertence ao poemario "No corazón mancado". O ramalliño da dereita é unha aperta de buxo. Esta cartolina foi un agasallo do escritor aos asistentes á homenaxe que lle tributou a asociación cultural O Cacarexo de Cangas do Morrazo. Desde hai días colga do taboleiro que teño onda o escritorio.

7 comentarios:

  1. A humildade disfrazada de palabra.
    A súa prosa e poesía é coma un zume de vitaminas para o corazón "mancado" do home. Anque tamén é verdade que o compromiso de Vázquez de Pintor coa súa terra vai máis alá do seu verbo porque nace da vontade da propia natureza, do seu corazón. Un dos mellores escritores galegos. Un amante da galiza, un labrador de palabras...
    As veces que tiven a oportunidade de disfrutar da súa compañia foi un goce escoitalo falar.
    Espero que podamos voltar a vernos no vindeiro verán por terras da AQUAN LATAM e tamén na súa compañia, apreciado Sr. Busto.
    Apertas desas de Buxo que tanto lle gosta repartir o escribano maior do reino da Poubea de Buxán

    ResponderEliminar
  2. Homenaxe ao esforzo e ao compromiso!!!.

    Unha aperta grande
    :)

    ResponderEliminar
  3. Bonitas verbas as que lle adica Dorvisou. Un labrador de palabras. Xenial metáfora.

    (Foches a Ramil esta fin de semana?. Eu tiña previsto ir; pero xa se sabe: o home pon, o tempo dispon e chega a muller e... )

    ResponderEliminar
  4. A min paréceme estupendo que llo den a el. Bicos

    ResponderEliminar
  5. son dani. de corazón moitas felicidades polo blog esta máis interesante co meu, pero so queres visitar a dirección é www.asbeirasdoarnego.blogspot.com

    ResponderEliminar
  6. Poucas noticias me alegran tanto coma esta. Pintor, toda unha vida de paixón e de bondade ben merece esta e outras homenaxes.

    Noraboa ó amigo Pintor e parabéns á AELG pola súa decisión.

    ResponderEliminar
  7. ¡como me alegra a noticia!, teño que chamalo, felicitalo e parolar un chisco con calmiña.
    o certo é que se non leo o teu blog quedo sen enterarme desta agradable e merecidísima nova.
    unha aperta!!!
    bea (toxomar)

    ResponderEliminar