11 de febreiro de 2008

KAYAK NAS TORRENTES

O pasado domingo lucía un espléndido sol primaveral. As árbores da ribeira do Ulla peneiraban a luz sobre o río das fervenzas e acubillaban aos canoístas e ao público congregado na orela.
Outros, no tendido de sol, atendían desde o muro de contención dunha antiga agolada.
As Torrentes son un enclave de excepción, onde o Ulla se encaixa entre os concellos de Antas de Ulla e Palas de Rei e Agolada, formando un canón natural por onde a auga baixa a pinchacarneiros e crea salseiros de encaixes camariñáns.
A ameaza da construción dunha minicentral eléctrica, co conseguinte encoro, mobilizou á un grupo de xente que se organizou na Plataforma pola Defensa do Alto Ulla, co apoio de moitos grupos ecoloxistas e asociacións veciñais. A súa loita foi longa e con aires épicos. Entre os actos reivindicativos deste lugar, naceu o descenso en kayak, que aquí é un deporte de risco e de grande atractivo visual para o público.
Sempre acudo a este evento con máis ilusión ca tempo. O resultado do que puiden captar, aquí volo amoso. Precísase tempo e paciencia para situarse nos lugares máis espectaculares e coincidir no momento de paso dos canoístas.

O balbordo dos cachóns mestúrase co bater das pas e das canoas contra as rochas. Sorprendéronme estes dous canoístas ao baixar unha cachoeira emparellados, estribándose o un no outro para non volcar.
Na foto da dereita atopei este muro do que non tiña noticia, está no concello de Palas de Rei, na banda dereita do río. Semella o acceso á plataforma dunha ponte inexistente. Curiosamente, na marxe esquerda non puiden distinguir que continuase. É probable que se trate dos restos dunha ponte desaparecida hai moitos anos.
Outra das cousas que me sorprendeu foi o inxente traballo da Plataforma pola Defensa do Alto Ulla, nas tarefas de roza de camiños e as marxes do río. Os camiños recobraban o aspecto que terían nese pasado no que as aldeas buligaban de vida, ou xente, que vén a ser o mesmo.
Velaquí un carreiro de pescadores totalmente expedito, un paseo fluvial natural, sen cemento nin farolas. Como debe ser, preto do antigo balneario de Frádegas, o cal tamén clama por unha man amiga que o rescate do abandono.

6 comentarios:

  1. Busto,
    busqueite en ramil pero non te atopei.
    fermosas fotos

    ResponderEliminar
  2. Eu sempre quixen ir en kaiak, pero aínda non tiven a oportunidade. Debe ser moi divertido. As fotos están chulísimas.Moitos bicos

    ResponderEliminar
  3. Despois de ver as tuas fotos e os comentarios ainda sinto máis non poder ir.
    Tampouco pasei mal a fin de semana,pero tiña previsto ir e leveime unha decepción.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Preciosa reportaxe, grazas por publicalo dá gusto ver o río coa xente loitando coas correntes

    ResponderEliminar
  5. O río sen encoro ten vida e pódese desfrutar en kaiak ou paseando.
    Mui boa reportaxe: sentida e con cariño.

    ResponderEliminar