13 de febreiro de 2008

NON O ABANDONES

Hai uns anos non sei qué organismo oficial fixo unha campaña publicitaria para convencernos da conveniencia de non abandonar os cans á beira dunha estrada ao chegar o período de vacacións. Invocaban como principal argumento a amizade leal e a fidelidade do animal cara o amo: "El nunca o faría".
Hai uns día na Lareira de Santiso, Vanessa contábanos o caso do descastado do Cholo, un palleirán que tiñan na casa e que un mal día desapareceu sen saberse cómo. Pasado un tempo, volveron velo cruzando un paso de cebra en Melide. Berráronlle chamándoo polo nome e o can mirou indiferente e continuou o seu camiño.
É un caso que por atípico case parece incrible. Un can que abandona a seguridade dunha casa que sempre o acolleu, non é frecuente. E chámanos a atención. ¿Por que un amigo fiel, de sempre, da noite para a mañá se vai como fariña no vento e non volve?
Matinando sobre este tema acordeime de Félix María de Samaniego e da súa fábula, que vos ofrezo traducida:

DOUS AMIGOS E O OSO

A dous amigos aparecéuselles un oso:
un deles, moi medroso,
nas pólas dunha árbore asegúrase,
o outro, abandonado á ventura,
faise o morto repentinamente.

O oso achégaselle lentamente;
mais como este animal, segundo se conta,
de cadáveres nunca se alimenta,
sen cheiralo rexístrao e toca,
chéiralle os narices e a boca;

non lle sente o alento,
nin o menor movemento;
e así, foise dicindo sen receo:
"Este está tan morto coma o meu avó."

Entón o covarde,
da súa grande amizade facendo alarde,
da árbore se desprende moi lixeiro
corre, e abraza ao compañeiro,

pondera a fortuna
de telo atopado sen lesión algunha,
e ao fin dille: "Que saibas que notei
que o oso che dicía algún recado.

- Que puido ser?"
- "Direiche o que foi;
estas dúas palabriñas ao oído:
Aparta a túa amizade da persona
que nas dificultades te abandona."

Sen tratar de facer comparanzas entres estes dous casos, si me gustaría facer unha reflexión que é denominador común de ambas historias: inexplicablemente un amigo fállanos e cáusanos desacougo, dor, tristeza. Quizais non fosen eses amigos tan leais como supoñiamos. Porque "un amigo debe ser coma o sangue, que sempre acode á ferida sen esperar a que o chamen".

8 comentarios:

  1. As historias de deixar tirados aos cans non son do meu agrado. Os que deixan os animais tirados por aí, deberíaselle pór unha multa.Moitos bicos

    ResponderEliminar
  2. Como deixei posto na Lareira, aínda que é unha cousa pouco corriente, non me causa extrañeza.
    Vése que non era can de cadea. Os cans tamén teñen o seu carácter.
    E tamén pode ser que entendamos a fidelidade dende o noso punto de vista nada mais, e non dende o punto de vista do can...
    O mesmo pasa cos amigos: queremos que reaccionen como o fariamos nós. E cada ún eche cada un.

    ResponderEliminar
  3. Non entendo moito de cans (en realidade, o que se di entender...entendo de poucas cousas); pero efectivamente sempre hai perspectivas diferentes. A saber cal era a do can en Santiso!

    (Gustoume a traducción de Samaniego)

    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Espero que non veña a conto este posteo por abandono dun amigo.
    Amigos de verdade hai poucos.

    ResponderEliminar
  5. É posible que a maior dor polo abandono dun amigo se deba a que batemos de súpeto coa realidade de que non era o que nós pensabamos. Non sei se é egoísmo, pero é malo de levar.
    Aínda que soe a mimo, teño que dicir que eu atopei neste blog, e nalgúns outros que visito con frecuencia, uns lazos de amizade cos que cada día me sinto máis arroupada. Se cadra é tamén un xeito de amizade...
    Apertas, compañeiro!

    ResponderEliminar
  6. Os amigos son poucos, poucos os que che demostran que o son cando é necesario

    ResponderEliminar
  7. aqui tamen temos desas campañas pero a xente do meu tempo sempre lembramos unha de fai 30 anos ou asi que levaba unha canción que -non sei por que- quedou na memoria colectiva. Comezaba dicindo: "Boby, mi buen amigo, este verano no podrás venir conmigo" e tal.

    ResponderEliminar