13 de marzo de 2008

HÓRREOS EN VAL (AS TRABANCAS)

Na arquitectura popular, a estampa dos hórreos capta axiña o interese dos estudosos e visitantes. Para quen os ten á beira todos os días forman parte da rutina cotiá e poucas veces detén a mirada neles. Hai meses lin na prensa un estudo que alertaba da progresiva desaparición destas construcións tan singulares. Eu mesmo podo constatar tal feito nos concellos de Agolada, Rodeiro, Lalín e limítrofes. Nada me sorprende, pois esta arquitectura perdeu a súa función primitiva. E na actualidade apenas se usan. E o que non se usa, remata por caer.
Nesta zona non é característico encontrar eiras comunais onde se agrupan hórreos, como sucede en varios lugares da provincia de Ourense (A Merca, Lindoso...) ou mesmo en varios lugares de Pontevedra (Pedre, Combarro...). Por iso me sorprendeu este lugar da foto, onde nun espazo moi reducido aparecen xuntos catro hórreos, cada un na súa eira. Son hórreos sinxelos, de dous claros, con idénticas facturas, remates moi semellantes e orientacións dispares. Están na aldea de Val (As Trabancas). Un poste de formigón, os cables, unha antena de televisión e unha farola colocada sobre o lateral do hórreo que está en primeiro plano, rompen a harmonía do conxunto e a fisionomía orixinal desta arquitectura.

4 comentarios:

  1. Son moi bonitos os horreos,eu tengo un na finca,pero es de cemento.Ya me gostaría a mí que fora de pedra o de madera!
    De todos modos,no lo tiramos!

    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Sen faltarlle a ninguén, ao falar de hórreos, teño que dicir cun dos conxuntos máis fermosos que temos en Galiza atópase na parroquia de Santiago de Louro; no concello de Muros. Hai moitos é todos son de boa pedra. Alí chámanos cabaceiras, se ben pronúnciase cabaseiras.Un dos hórreos máis grandes de Galiza é o da rectoral da parroquia de Lira(Carnota), se ben alí atopei tamén co hórreo máis pequeno, que esta situado nunha eira fronte a casa rural "Xanela da Lúa". Resulta que tres irmáns herdaron un hórreo de tres claros, e a hora de facer as partillas non se lle ocurreu mellor cousa que dividir o hórreo e levar cada un deles un claro...o minifundismo de sempre.

    ResponderEliminar
  3. Teño que corrixirche o de Lindoso. Lindoso está en Portugal e non en Ourense.
    Teño visto conxuntos de hórreos mui bós nos concellos de Avión e Melón.
    O cuco de Pambre fala da partición de hórreos entre familiares e podo dar fe diso que o avóM ten unha metade dun canastro e a outra é dunha curmá.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  4. E verdade que, o non usarse, os horreos desaparecerán salvo que haxa axudas por parte da administración para os gastos de conservación dos que aínda están en bo estado.
    Na miña aldea desapareceron casi todos, porque3 se facían de pedra (os pés) e o resto de madeira. Asi que apodreceron o mais deles e podense ver algúns torcidos a punot de derrubarse. Contaronme que hai ben anos, esa madeira pintábase de cor encarnado, ou azul añil principalmente.

    ResponderEliminar