24 de abril de 2008

QUILITO E CHISPAS

Este caderno naceu coa sana e modesta intención de servir como unha referencia entre os que amamos Agolada. A terra e a xente que a habita. O fotógrafo holandés Ton von Vliet entrou por dereito propio na historia deste humilde e descoñecido concello do interior, despois de retratarnos en branco e negro a finais dos anos 70. As súas imaxes son agora, despois de trinta anos, o mellor álbum da nosa historia recente.
Nas fotos desta entrada recolleu a dúas persoas con moitos paralelismos nas súas vidas: naturais da parroquia de Ventosa, empregados de Hidroeléctrica do Arnego, habilidosos, entrañables, amigos, usuarios de ciclomotores e con apodos orixinais: Quilito e Chispas.
Manuel Costa, Quilito, na foto superior, era un home que destacaba polas súas múltiples habilidades mecánicas e polo seu carácter afable. Durante bastantes anos gobernou día e noite a minicentral eléctrica do río Arnego na Ponte Vilariño, descabalando machetes, revisando amperímetros e voltímetros, engraxando alternadores, limpando a folla na presa baixo chaparróns outonais. Quedáballe tempo para parrafear cos amigos nas tardes de sombra morna e para ofrecerse como anfitrión a Ton e a Jeroen cando os coñeceu no Merendeiro do Arnego, onde soía xantar.
Chispas era o apodo de Belisario, axudante de Quilito, dáballe relevos e conversa simpática. Era solteiro e atendía diversos oficios, maiormente o de electricista, de aí o sobrenome de Chispas.
Ao velos retratados por Ton, comprobo a calidade do fotógrafo, que soubo captar unha parte da humanidade e carácter dos dous amigos que faleceron hai xa algúns anos.

7 comentarios:

  1. Pobre Chispas. Dicía sempre "Dios dea suerte, e ela que veña". Así é a vida!!.

    ResponderEliminar
  2. E logo esa minicentral non tería como "accionista" á familia Fente de Antas?

    Por certo, vexo que o alcume de Chispas gusta en Agolada eh...

    (Como van esas cervicais?)

    ResponderEliminar
  3. Tom é un pedazo fotografo, diso non hai dúbida. Es o gañador de dous premios, pasate polo meu blog recollelos. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  4. Abofé que Quilito e mais Chispas nunca pensaran chegar tan lonxe. Agora xa todos facemos memoria deles.
    Como visitante “40.000” veño de gañar dous queixos e unha ducia de ovos da rectoral de Aquam Latam.
    Grazas Busto polo magnifico traballo (e polo agasallo).
    Longa vida a “AQUAM LATAM”.

    ResponderEliminar
  5. Gañache un premio no meu blogue por este incriblo blogue que tes, espero que o pases a recoller canto antes.

    ResponderEliminar