Esta saída ao campo estivo precedida por dúas xornadas maratonianas nas que se traballou a parte teórica a cargo dos seguintes relatores: Marcos Valcárcel, Román Rodríguez, Xoán Carlos Rodríguez Porral, Xulio Carballo Arceo, Ramón Blanco Chao e Xabier Vázquez Pumariño.
O día amencera coa seiva fecunda das chuvias deitada nas herbas para enxaugar pegadas e amolecer as enerxías dos camiñantes.
A empinada muralla do castro requería un primeiro pulo.
Dona de amplas e fermosas panorámicas, representa unha das mellores fortificacións castrexas da comarca por tamaño e por situación estratéxica.
Exterior da muralla (cara SW) do castro de Agoleta (Asorei), castro que fora estudado por Florentino López Cuevillas e que Antonio Presas vén de estudar e rectificar a planimetría existente ata o de agora.
Explicación diante da entrada ao castro, na cara leste do mesmo. Trátase dunha entrada dobre, que se bifurca a dereita e esquerda e conta cun terraplén que a defende ao frente.
Antonio Presas diríxese ao grupo para falarnos das lendas e das características morfolóxicas das murallas e da eira do castro.
Desde Agoleta fomos visitar a necrópole megalítica do Campo do Camballón a cabalo dos concellos de Lalín e Vila de Cruces.
Na foto da esquerda vemos unha das vinte mámoas que compoñen o conxunto.
Cámara dolménica dunhas das mámoas escavadas. Practicamente a totalidade das mámoas desta necrópole foron violadas ao longo dos séculos XVIII e XIX.
Tamén reparamos nos bufardos graníticos que destacan na parede da palleira da mesma casa de Mosteiro, que fora antano parada de cabalos.
Explicación no interior do castro de Galegos, un castro de dimensións inferiores aos dous anteriores e cunha morfoloxía diferente por ser un castro de ladeira.
O didactismo e erudición de Presas variaba constantemente da arqueoloxía á xeografía, á botánica, á etnografía, á xeoloxía e xeomorfoloxía co que conseguía engaiolar a nosa atención e espertar un permanente interese.
Nas caras norte e oeste do castro aínda se poden observar fragmentos da muralla pétrea que remataba a coroa perimetralmente.
Desde Galegos principia o Sobreiral do Arnego e na contemplación de sobreiras, trobiscos, abrótegas e as "dehesas" do val de Carmoega chegamos á area recreativa do Arnego na propia parroquia de Carmoega, único punto que tocamos do concello de Agolada.
Foi este o momento de repoñer forzas e de demorarnos durante algo máis dunha hora entre risas e conversas.
No adro da igrexa de Santa Baia de Palio, da que xa falei nunha entrada anterior.
Na cima desta paisaxe, baixo a vexetación arbórea está o castro de Palio, que non fomos visitar porque o tempo non daba para ver todo.
Desde a ábsida da igrexa de Palio tomei esta foto da cunca do Arnego que se adentra con movementos de serpe no Sobreiral. Ao outro lado están as terras de Agolada de cuxos horizontes destaca á esquerda Pena Maior e á dereita o castro Marcelín.
Preto da Ponte das Abellas, sobre o Rego Albela, Presas levounos a ver unha terraza fluvial que está a máis de cen metros de distancia e uns quince de altura sobre o Albela.
Explicounos o proceso de formación da mesma polo proceso de erosión, transporte e sedimentación.
Cantos rolados na leira devandita, que evidencian a terraza fluvial.
Camiño do castro de O Castelo (Cadrón).
Restos da muralla que rodeaba o promontorio granítico, situado nun interfluvio do Albela. As defensas deste castro son naturais pola zona que rodea o río. A muralla actuaría como elemento defensivo complementario e principal na cara sur.
No interior da eira do castro.
Esta flor do trevo estaba no campo de mámoas do Camballón. A súa beleza de primavera mollada ben xustificaba esta foto.
Xibarda ou xibardeira (ruscus aculeatus) , planta arbustiva endémica da zona do Sobreiral. Está tomada no castro de Galegos. Ten as follas rematadas cunha espiña e presenta un froito globular de cor vermella. Vulgarmente coñécese como rascacús.
Lique no chan do castro de O Castelo.
Escoria de ferro en Muimenta. Encóntrase no lugar coñecido como o Escourido. Testemuña a existencia dunha antiga fundición de ferro preto do rego Albela.
Nos cómaros do camiño obsérvanse con facilidade as escorias.
A visita rematou no castriño da Barreira (Goiás). Crese que foi construido sobre unha mámoa. Na foto, Presas sostén un anaco de alterita, material que abunda no entorno do castriño. A presenza deste material permite especular coa posibilidade dun pequeno castro especializado na produción de cerámica.
Fermosas fotos, fermosísimas. Sinto non poder ir a xuntanza, non sabes canto
ResponderEliminarSin duda ese curso foi do máis interesante, observando a testemuña gráfica que nos amosas.
ResponderEliminarUnha aperta no día das letras
Bonito xeito de pasar o día.
ResponderEliminarIso é o que se di aprender de forma amenizada.
Debeu ser un día marabilloso. Bicos.
ResponderEliminar