A paraxe que acolle este fermoso exemplar de cruceiro ten o curioso topónimo de Talladente, que corresponde a un outeiriño que se eleva entre os lugares de Vilariño e A Igrexa, á beira do vello camiño que comunicaba varias aldeas da parroquia co templo monacal das monxas bieitas. Na actualidade o camiño desapareceu baixo un espeso manto de matogueiras que dificulta o tránsito e engalana a paisaxe con policromías e texturas varias.
O cruceiro pertence á tipoloxía máis frecuente no concello (plataforma, pedestal cúbico achaflanado no bordo superior, fuste prismático biselado, capitel de moldura múltiple e cruz de sección cadrada biselada e con brazos rematados en punta de diamante. A cruz carece de iconografía).
O cruceiro necesita unha urxente e sinxela reparación consistente en apuntalar con cuñas o capitel e a cruz e encintalas cun morteiro adecuado e conseguir así a perfecta verticalidade. Tanto o varal como a cruz están sensiblemente inclinadas e no estado actual pouco han durar en pé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario