8 de setembro de 2008

807. DE HÓRREOS E CRUCEIROS

O pasado domingo a bicicleta levoume polas veciñas terras de Camba. A mañá era unha cantiga, orquestra de paisaxes entre suaves vales e horizontes de montaña antiga.
Parei a coñecer algunhas aldeas, sempre cheas de contrastes. Conviven a cara e a cruz, presente e pasado. E o futuro adivíñase incerto e difícil. A min dóeme especialmente observar o declive demográfico e a desfeita aquitectónica das aldeas da miña terra. Dóeme por non termos acadado a tempo a clarividencia necesaria para harmonizar progreso e tradición.
Vede as imaxes destes dous hórreos deglutidos vorazmente polas fauces do formigón, do ladrillo e do pretendido progreso. O dous sucumbiron baixo un mesmo tellado. O de arriba tiña unha fermosa factura, paulatinamente mutilada e deturpada.
Xusto enfrente destes hórreos a soberbia casona de perpiaños con capela adosada (foto de abaixo) mira con tristeza o esperpento maiúsculo.
No cabo da aldea un inusitado cruceiro volve a sorprenderme e prodúceme sensacións enfrontadas. Un pé de muíño sérvelle de basamento a un poste de carballo cunha sinxela cruz cravada.
O cruceiro protagoniza a encrucillada e capta axiña a atención pero ten un aire de chapuza trapalleira que non resistiu a tentación, bastante frecuente por certo, de espoliar un muíño para exhibir inapropiadamente o pé da moa.

1 comentario:

  1. Amigo Busto, sobre o segundo hórreo deglutido que ti nos amosas teño eu unha anécdota que fala ben ás claras desa mágoa que ti apuntas de que o noso pobo non tivera ocasión de saber conxugar progreso e tradición.
    Un día que eu pasaba por alí e parei a fotografialo tamén, atraido por esa rechamante aberración, unha señora entrada en anos que por alí pasaba díxome: " Ai, mozo, eu non sei como raio vos gusta a todos tanto ese hórreo que tantas fotos lle facedes. Alá mais enriba da aldea hainos ben mellores!".

    ResponderEliminar