Ton van Vliet le este blog desde a súa Holanda natal porque de cando en vez ofrézolle comentarios a algunha das súas fotos. É como poñerlle letra á música que el compuxo naqueles xa lonxanos anos 1978-1980. Hai uns días, o común amigo Alfonso Sucasas pasoume un CD de Ton van Vliet coas fotos dixitalizadas, polo cal volas podo ofrecer con mellor calidade que as que tiña e que foran fusiladas directamente desde o papel de brillo.
Coas fotos dixitalizadas de Ton podería facer series: os nenos, os bares, os labores agrícolas, o pastoreo e o gando camiño dos pasteiros, as romarías, as simboloxías relixiosas, os amigos, a xente... Eran eses os temas que capataron a atención daquel mozo holandés que viña acompañado polo seu compatriota Jeroen e aparecía extrapolado neste finisterrae para sorprenderse cun mundo que o facía retrotraerse no tempo. A súa mirada de estranxeiro reparaba en infinitas curiosidades que a nós, por cotiáns, nos nos ocupaban o interese.
Ollade o neno da imaxe. Táboas, grade, varredoira, e forquilla son un decorado de excepción. A pose do neno é un escorzo de aprendiz de labrego que navegou leiras de trigo seiturado nas oleaxes das restrebas. A ollada perdida no futuro impensado, os brazos e un xeonllo amparándose en senllos dentes da grade e unha perna estribada nun travesaño lateral. Alí estaban o ollo e a cámara de Ton van Vliet para deixarnos memoria do neno de Vilariño nunha pose antolóxica.
Grandiosa a foto, tendo en conta ademais que daquela non había cámaras dixitais. Un "crack" o teu colega.
ResponderEliminarSen dúbida é un gran fotógrafo, sabe captar a esencia das cousas e dar testemuña dun tempo, dun lugar, e dunha cultura seguramente ben diferente da súa.
ResponderEliminarAparte do neno chámanme a atención os apeiros de labranza: A grade de pau na que xoga, a gancha, forquita, ou como lle chamedes e a vasoira de xesta (aquí "vasueiro").Hai ben tempo que non vexo unha...
Habería que recuperar esas fotos en formato de libro pola mestría e o valor etnográfico que teñen.
ResponderEliminarTampouco sobrarían os teus comentarios explicativos.
En Arbo chámanlle vasoura á varredoira.
Eu nunca mirei unha forca con dentes opostos como a da foto.
Enfin, unha foto artística e etnográfica.
E como mirar outra época, outro tempo. Eu tamén é a primeira vez que vexo unha forcada destas, coñecias con un dente oposto pero non con dous.
ResponderEliminartendo en conta as que lle vin aqui mesmo, e dende logo esta, non queda mais que repetir que é un enorme fotógrafo.
ResponderEliminarEu vexo unha foto ben bonita e vexo ademais palabras que morren. Pensade nos obxectos que se ven e nas palabras que os designan e que hoxe xa non se usan.
ResponderEliminarIso non é só unha foto; é un dicionario.
A foto é ben interesante, a min todo o relacionado con fotos así sempre me gustan. Bicos.
ResponderEliminarMoi fermosa a foto, fai lembrar outros tempos, eu lémbrome ós meus avós pasala grade nas leiras. Está ben recupralas e non perdelas, pero que non haxa que voltar a usalas. Sería mala señal.
ResponderEliminarUn saúdo.