2 de decembro de 2008

VACAS

A vaca é o símbolo da paz. Val máis o que significa unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: " O arbre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o arbre xenealóxico dun aristócrata". A vaca esquenceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis. O can será o amparo dos ricos, que defende a propiedade do amo e ladra aos pobres que van polos camiños. En troques a vaca é o amparo dos pobres libres. Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os "concursos de Beleza". A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila. As "señoritas" que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a dor dunha familia labrega cando lles morre unha vaca. Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida. A vaca é a ama de cría da Humanidade. O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estampariamos somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuída. O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa ergueremos un gran monumento cunha vaca de bronce dourado. Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa. O día que saibamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida. (Castelao, Sempre en Galiza)
A mansedume da vaca galega captada por Ton van Vliet ilustra involutariamente as proverbiais palabras que escribira o insigne rianxeiro.
Son estas as vacas da gándara, recias e solemnes, parsimoniosas, silentes e resignadas. Sempre me sorprendeu o estoicismo das vacas, maiormente as que tiraban dos apeiros de labranza. Van Vliet ficou abraiado ao velas utilizar como tracción mecánica nos trabrallos agrícolas, en Holanda xa non se lembraba tal cousa.
Así nolas presenta: na saída das cortes, polo medio da aldea, turrando da grade, pacendo tranquilamente, camiño do prado, no regreso cara o solpor das canadas cheas de leite e luz vespertina.

3 comentarios:

  1. E así era (hoxe menos). Ata tal punto que a vaca compartía vivenda co dono ata fa non moitos anos.
    Polo número de vacas podíase calcular a "potencialidade" dunha casa de labranza... a vaca érao todo.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Galicia e as suas vacas ían emparelladas ata hai ben pouco.
    Nunca se lles dará ás vacas o recoñecemento que merecen.
    Outra vez tan que ser un ollar estranxeiro o que nos descubra a esencia galega.

    ResponderEliminar
  3. Cando eu na cidade dixen que chorara pola morte dunha vaca, ríronse de min, cando lles dixen que non quería ter porcos porque choraba cando os mataban tamén se riron, non se daban conta que as vacas nolo daban todo, os porcos tamén, pero ademais, e posiblemente non saiban, que o porco aínda lle ten máis cariños ao amo que o can, seica é porque é menos intelixente e vese máis indefenso. A sensibilidade cóllese nacendo e vivindo no campos non vendoo pola pantalla tonta. Sáudos a Agolada.

    ResponderEliminar