Chegou decembro e con el as agardadas obras de restauración do antigo mercado dos Pendellos de Agolada. Catro anos e sete meses despois de iniciarmos a andadura de "Amigos dos Pendellos" vemos por fin como se empezan a mover as pedras para devolverlles a galanura de antano. Son o primeiro paso. Nesta fase inicial executarase a sexta parte (200.000 €) do proxecto acordado pola Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. No ano que comeza prevese investir 500.000 €
Con neve e auga e temperaturas moi baixas, os obreiros xa acometeron obras de desescombro e desmontaxe de tellados, trabes e pontóns.
As obras afectan a catro edificios: tres pendellos-comedor que serán habilitados como mesóns e o edificio (antiga caseta-almacén) da foto que precede que se destinará a retretes públicos para dotar ao recinto dun servizo imprescindible do que nunca gozou o mercado.
Confiamos en que esta intervención en edificios emblemáticos do paseo da Parranda sirvan para ilusionar á poboación local na que abundan os descridos. Na Asociación existe a crenza de que se os organismos se implican, este recinto aportaralle a Agolada beneficios diversos nos planos económico, turístico, cultural, etnográfico, social e urbanístico. Os Pendellos son o casco histórico-monumental de Agolada.
Na foto inmediatamente superior aparece o pendello-comedor do Cureixas. De momento non se contempla a súa reintegración á superficie orixinal (fóralle seccionado un terzo lonxitudinal para anchear a Parranda actual).
Interior do pendello-comedor do Sarandeses, que fora mandado erixir polo escribano D. Manuel Ramón de Barrio e Losada. Será restaurado nesta fase. Polo de gora serve de almacén de materiais e de lareira onde se quentan os obreiros.
Congratúlome e comparto con todos vos esa boa noticia.
ResponderEliminarEstou seguro de que estes días sentiredes ledicia por ver como os vosos esforzos van tomando forma e, por fin, empezan a verse xermolar os froitos (ainda que sexa no medio da neve).
Unha aperta dende Antas
Debedes de estar ben contentos despóis de tanto esforzo.
ResponderEliminarAgora esperemos que as obras vaian ben e que se consiga o obxectivo.
A gozar do momento, que xa vos toca. Agardamos impacientes polo resultado
ResponderEliminarSaúdos, Busto
O lume aceso é o mellor sinal de que volve a vida aos Pendellos.
ResponderEliminarParabéns a todos.
Esperemos aue a lareira non escaralle o pendello. Naveiro-fillo dende malaka.
ResponderEliminar