6 de decembro de 2008

A "CARRETERA", O PASEO

En 1920 rematábase o tramo Lalín-O Marco da estrada N-640, sen alquitranar. A principios dos anos 60, xa sobre o asfalto, os viandantes aínda eramos donos do espazo preparado para o paso dos vehículos. Mesmo xogabamos ao fútbol porque era o único lugar onde non se formaba lama cando chovía. Para porterías bastaban dúas pedras en cada extremo do campo acotado ao chou. Se viña un coche, o ruído do motor delatábao na distancia e daquela retirábanse pedras e rapaces para deixar franco o paso ao vehículo. Cando este pasaba reiniciábase o encontro. Certa vez un veciño advertiu á miña familia de que eu corría perigo de ser atropelado pois nalgunha ocasión que me tocou ser porteiro mentres o balón andaba en campo contrario eu deitábame sobre o asfalto morno que o sol quentara. Velaí a razón de que nunca aprendera a xogar ao fútbol.
A imaxe que me serve de pretexto para a entrada reflicte o antedito: eramos donos do asfalto, raras veces pasaba un coche. De aí que converteramos a estrada no mellor paseo. Aquí estabamos de domingo, unha nena loce traxe de primeira comuñón. Protagonizan a foto as tres mozas do centro: Saladina de Facundo, Alfonsina de Blanquito e Pacita de Prudencio. Os demais forman parte do decorado de fondo. Por certo, non creo recoñecer a ninguén máis.

4 comentarios:

  1. Nesa mesma carretera ó seu paso por Antas eu xa non lembro ter xogado nela (e que eu son un pipiolo). Antes todo ó contrario, foi unha vía que tiven prohibido cruzar eu so ata que miña nai considerou.
    (E teño que dicir que non sempre respectei esa lei, xa que curiosamente unha boa parte dos meus amigos vivían do outro lado, i esa transgresión valeume máis dun castigo sin poder sair da casa en días sucesivos).

    ResponderEliminar
  2. Como me gusta esta foto! Un bonito paeo por aqueles tempos. Esta imaxe recórdame ao meu álbum familiar, unha estampa na que aparece a miña nai sendo moi noviña e cun vestido case idéntico. Aqueles esperados paseos de domingo...
    Saúdos, Manolo.

    ResponderEliminar
  3. Si, eu tamén teño paseado e xogado moito na carretera, que, por certo, estaban construíndo o ano que eu nacín, asi que ten os mesmos anos ca min.
    Lembro os paseos que dabamos con Dona Aurita, a última mestra que tiven na miña aldea.
    A ela(que faleceu fai moitos anos) débolle media vida, xa que, polo seu empeño saquei unha beca que me permitiu comezar o bacharelato en Lugo. ¡Que anos!

    ResponderEliminar
  4. Ha, ha, bo xeito de non aprender a xogar ao fútbol !.
    Eu xogaba ao fútbol ( e derivados ) nos solares que quedaban baleiros na rúa de Vigo onde vivía e lembro esa rúa sen empichar por muitos anos e case libre de coches pero non apta para xogos infantís.

    ResponderEliminar