2 de xaneiro de 2009

PENDELLOS DE ACIVEIRO

Aciveiro (Forcarei), Terra de Montes, a terra de San Gonzalo das Penas, a do amigo Rochi, a de Xosé Luís Barreiro Rivas, a de Chano Piñeiro, a de Avelino Cachafeiro (o famoso gaiteiro de Soutelo). Aciveiro é un fitotopónimo que alude á abundancia pretérita de acivros nesta zona de media montaña (entre 700 e 800 m. sobre o nivel do mar). Aquí, nas estribacións da Serra do Candán nace o río Lérez que levará as súas frescas augas ata a mesma capital da provincia.
En Aciveiro atoparon retiro os monxes bieitos a mediados do século XII. No devir do tempo o mosteiro pasou á orde do Císter.
Aciveiro ten no seu mosteiro o mellor referente (hoxe convertido nun magnífico establecemento de turismo rural). Tamén nos seus canteiros antepasados e nas súas paisaxes. Mais eu vou centrar a miña atención nunhas humildes construcións que están preto do mosteiro cara o poñente: os pendellos que acolleron unha feira, fundada polos propios monxes, que se celebrou ata principios dos anos 60 do pasado século, o terceiro domingo de cada mes.
Desaparecida a feira, os pendellos empezaron a languidecer e as silvas apoderáronse do antigo mercado. Pero aí seguen as ruínas, esperando a que alguén as considere merecentes de mellor destino. O patrimonio etnográfico debe ser atendido en xustiza aos esforzos de quen o ergueu. E algún uso e rendemento aínda se lle pode tirar.
Son poucas construcións, algúns pendellos comedor, algunhas casetas, un pendello-expositor e un longo muro que era a traseira dos pendellos con mostrador. Caeron os tellados e os monolitos que os sustentaban no frente. Aínda se observa con claridade o contramostrador ao pé das paredes pétreas.
Hoxe, de viaxe de regreso de Pontevedra, parei coa intención de saber máis da extinguida feira de Aciveiro. Saber que aínda quedan os restos do vello mercado e camiñar entre pedras que saben de tratos e parrafeos, de tratantes de As Santas e Garabás, da memoria que gardan os veciños de Vilaverde... foi reconfortante e aleccionador.



3 comentarios:

  1. Está clariño que para ler un pentagrama hai coñecer o código. Ninguén coma ti para saber interpretar as notas desa sinfonía de Aciveiro.

    (Observo como o paso do tempo come eses pendellos que seguramente noutrora tiveron principal esplendor e relevancia; pero a pesares de tal dureza e abandono percibo unha beleza que permanece viva e altiva. É como se a natureza fose morniña no deterioro...)

    ResponderEliminar
  2. Ten razón Chousa, así nese estado de abandono, ten outro tipo de beleza e misterio.
    Aquí en Areas, Ponteareas temos unha capela en estado parecido a eses pendellos. Ten un algo.

    http://areasfs.blogspot.com/2008/04/capela-da-pesqueira.html

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Que recordos!
    Desde Laro iamos sempre polo día 8 de setembro. Botabamos alí o día e eu brinquei neses espazos ano tras ano.

    O mosteiro era noso, os pendellos, o prado do cura onde botabamos partidos multitudinarios, os paseos polas carballeiras, ...

    Ás veces ata me dá pena ver o mosteiro "privatizado"; é coma se me sacaran parte dun territorio que era meu, libre. Pero peor sería que caese.

    Saúdos

    ResponderEliminar