8 de xaneiro de 2009

850. NATUREZA ENCORSETADA

A natureza é certamente sabia. Ten unha capacidade de mutación e adaptación ao medio e ás circunstancias admirable. Sabemos do prodixio dun bosque que renace das súas cinzas e pinta de verde a aridez queimada da terra moribunda. Coñecemos árbores que estenden as raíces decenas de metros na procura do manancial e do alimento.
Pero non deixamos de soprendernos ante casos tan insólitos coma os da tribu Padaung de Thailandia (onde habitan as "mulleres xirafa"), ou os costumes de alongarse os beizos da tribu africana Mursi, o costume oriental de aparentar pés diminutos (os chamados pés de loto)... Seica o fan por unha estética que a nós se nos antolla inimiga da boa saúde e do noso concepto de beleza.
Que un pescozo se estire deica os 30 centímetros en imposibles cervicais, que un beizo nacido para bicar sobreviva aplanado por un prato circular, que alguén poida camiñar cos pés entalados e dobrados unha vida enteira de tortura, son conceptos inconcebibles desde a nosa perspectiva occidental.
Hai uns meses, o amigo e compañeiro José Antonio Rodríguez pasoume as dúas fotos de abaixo, onde aparece unha conífera plantada nunha maceta improvisada nun vello bidón usado anteriormente no transporte de leite.


Alí, en Muimenta (Lalín), á beira do camiño, foi medrando caladamente ante as miradas despistadas dos transeúntes. As raíces perforaron o enferruxado fondo do bidón para ancorarse á terra nutricia. Os anos déronlle corpulencia ao tronco e este excedeu o bidón, rebordándoo e adaptándoo coma un corsé natural.
Quizais a natureza humana non sexa tan distinta. ¡Cantas veces temos que superar os corsés físicos e outros que impoñen as sociedades anquilosantes e esclerotizadas, que as hai!

4 comentarios:

  1. Si, nos primeiros casos que ti señalaches todos se fixan. Pero á hora de fixarse na paisaxe ninguén nomea nada, coma se non existise. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Efectivamente todo é cuestión de estética. En pro dese concepto fanse cousas que semellan ben raras. Pero non somente noutras culturas (cos magníficos exemplos que aportas); tamén na nosa hai tendencias que pouco teñen que ver coa "naturalidade", como esa teima da delgadez levada a extremos de enfermedade no caso das modelos.
    En calquera caso supoño que se unha muller xirafa ou un membro da tribu Mursi nos vise aos "civilizados" embutidos nos nosos traxes, metidos dentro dun coche na cidade en hora punta...seguro que pensaba que os tolos somos nos.
    Conclusión: que a natureza sí que é sabia; pero a sabiduría humana -por moito que leva adiantado- ainda vai en primeiras raias.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  3. A natureza humana pode ser sabia, de feito o é, pero gracias a estudos e a nosa capacidade de razonar. A pena é que eses razoamentos non sempre se usan correctamente. Mentras a natureza sempre fai o que lle corresponde.
    Quizáis neste caso pasouse un pouco o arboliño, pero é ben curioso. A ver canto aguanta o bidón do leite.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar