Cando alguén se digne escribir sobre as proezas do campesiñado galego, que conseguiu sobrevivir e criar familias numerosas nunha loita permanente coa terra e as adversidades, esa historia terá todas as características da literatura epopeica. Así eran os labregos, así era meu pai e os pais dos meus amigos, os meus veciños. Homes de face curtida, acartonada pola intemperie e as suores, mans enormes e callosas, corpo lanzal sen concesións para adiposidades, cabeza toucada por boina ou chapeu, sempre ao enxoito de chuvias e radiacións solares. Titáns no agro empuñando a rabela do arado, nas encostas dos montes amparando da carga do carro, nas estivadas cavadas a legón, empuñando a fouce para barbear o monte, engavelando herba ou molime en galletadas descomunais, carrexando cestas de herba verde desde o prado da sega, agatuñando aos carballos para podalos, pelando a cortiza das sobreiras...
As mulleres labregas teñen protagonizado outra historia de traballos e sacrificios semellantes ou superiores. A Ilíada e a Odisea xuntas. A muller gobernaba a casa, traballaba no campo en tarefas de menos forza pero non de inferior esforzo, ocupacións que soía acompañar con embarazos, partos e crianza dos fillos. Non sei se coñecían a expresión "sentirse realizadas". Quizais non lles quedaba tempo para pensar niso.
Para simbolizar tanta heroicidade escollín tres imaxes tomadas por Ton van Vliet en Esperante (Agolada), Santa Mariña (Antas de Ulla) e Muimenta (Lalín) a finais dos anos 70. A elocuencia das imaxes fai superfluas as palabras.Deixo aquí expresados o meu recoñecemento e homenaxe aos labregos de Galicia e moi especialmente aos meus pais, que nunca tiveron vacacións nin souberon de luxos, pero criaron seis fillos e a todos lles procuraron estudos, a catro deles universitarios.
Suscribir estas tuas palabras fáiseme doado, e recoñecer as imaxes tamén.
ResponderEliminarPor máis lonxanas que semellen no tempo, so temos que voltar un chisquiño a vista para lembralas. Por iso convén non esquecer nunca de onde vimos e quen somos.
Doadamente podo verme eu mesmo sobando un carro de toxos, estendendo na herba ou cargando un feixe dela no lombo. E se non era eu, seguramente era meu pai ou miña nai. Heroes.
Que ben recolleu Ton von Vliet, dende a súa base na Ponte Vilariño, a vida labrega galega! Reflectiu o que era e logrouno artisticamente. Os meus parabéns!
ResponderEliminarNo tocante a heroes, houbo; sempre hai quen fai moito máis e mellor cós demais. Con todo, eu penso que o que había era moita necesidade e que cadaquén foina levando como puido.
Bonita homenaxe aos labregos galegos a miña admiracións xa tiñan, porque as poucas veces que probei a rabela do arado, o gabilo, a forcada a ligoña etc., deixaban as miñas mans ensanguentadas e o meu lombo desfeito; que duro era traballar desde a saída do sol ata a postura, viña sendo das 6 da mañá ata as 10 da noite. Ó único bo era non ter stres, menos cando as tres da mañá viña o trono e tiñas o trigo arraiado. Desde o Pico Sacro.
ResponderEliminarDeixoche un saúdo despois de pasar un rato ben agradabel por esta casiña túa de letras e imaxes.
ResponderEliminarAs fotos, impresionantes.
Hei volver, co teu permiso.
Fermosa as fotos de Ton van Vliet.
ResponderEliminarTamén é fermosa a túa homenaxe aos labregos.
Pola miña banda os meus pais non tocaron o campo e só os meus avós maternos andaron nel os anos que non estiveron emigrados.
Solo decirche Manolo que me levas o tempo da miña crianza y mocidade...grazas
ResponderEliminar