28 de maio de 2009

PADRÓN. PEDRÓN DE OURO 2009

Mini e Mero e Mariana Ploae-Hanganu fan unha ofrenda floral a Rosalía de Castro, diante do monolito que o concello de Padrón dedicou á poetisa na casa de A Matanza.
Bico da Balouta puxo a música de gaita coa Marcha do Antigo Reino de Galicia.
Foi o domingo 24 de maio, no mes das Letras. A fundación do Pedrón de Ouro, presidida por Manuel Caamaño Suárez, entregaba na Casa-Museo de Rosalía de Castro o Pedrón de Ouro a Mini e a Mero, membros fundadores de Fuxan os Ventos e posteriormente de A Quenlla. O seu labor como músicos, investigadores, divulgadores, profesores e dedicación á cultura galega e á defensa da lingua de nós foron méritos que se destacaron neles para a concesión deste merecidísmo galardón.
Eramos moitos os amigos e persoeiros de diversos ámbitos (a cultura, a literatura, a música, a política, o académico...) os que quixemos acompañalos e honralos como merecen.
David Otero, membro numerario da Fundación do Pedrón de Ouro, nunha apaixonada intervención exalta e reivindica a lingua galega perante os retrocesos que a ameazan e loa as traxectorias vitais dos homenaxeados Mini, Mero e Mariana Ploae-Hanganu.
Reserva un momento para a lembranza de Avelino Abuín de Tembra, que presidira a Fundación ata o seu recente pasamento.
Mariana Ploae-Hanganu, profesora da Universidade Romanesa de Bucarest, onde realizou un gran labor de estudo e difusión das linguas galega e portuguesa, recibiu o Pedrón de Honra. A imaxe recolle un instante da súa alocución.
Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio) pronunciou unhas emotivas e emocionadas verbas de agradecemento e reivindicou a cultura e a lingua galegas.
Mini (Xosé Luís Rivas Cruz), coa súa solemne e poderosa voz, teceu un marabilloso discurso do que quero salientar a súa confesión pública de eterna amizade con Mero, mesmo contra os que desexen destruíla.
Logo falaron a dúo, coa música, con versos de Manuel María e un romance popular.

Pechouse o acto co himno galego, cantado polos presentes e acompañado polo Gaiteiro Nubeiro (Raúl Galego) e por Manuel Varela (de A Quenlla e Bico da Balouta).
Rematado o acto, seguiron os saúdos e as apertas dos amigos.

A xornada continuaría ata pasada a media tarde cun ágape no hotel-restaurante Scala de Pazos (Padrón).
Na imaxe superior, Don Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao e presidente de Honra da Fundación Pedrón de Ouro, imponlle a medalla da Fundación Castelao a Mariana Ploae-Hanganu.
A sobremesa estivo amenizada pola música e a palabra. Arriba canta Tino Baz co acompañamento ao acordeón de Manuel Varela.
Miro Casabella, relembra "O meu país". A min volvéronme as lembranzas da manifestación de Loño, da primeira vez que o vira.
Músicos singulares. Gaita: Raúl Galego, Bombo: Mini, Pandeireta: Mero, Tamboril: Avelino Pousa cos seus 95 anos (mágoa que o atril oculte o tamboril).
En días e lugares coma este é fácil reafirmarse no amor a esta Terra e á lingua na que se expresa.

3 comentarios:

  1. Mimadriña, cacho documental fixeches!!!.
    Seguro que o evento o merecía e a ocasión tamén.
    Sempre me aleda moito ver ao meu meste gaiteiro Varelita apretando no fol ou temperando no acordeón (ou era ó revés?).

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. A miña admiración por serdes o cerne da nosa lingua e da nosa cultura. Dese o Pico Sacro

    ResponderEliminar
  3. Notábaseche a emoción, e transmítes a túa admiración que fas compartir, tés razón que así é facil reafirmarse no amor a esta terra e á lingua nosa.

    e mira tí onde fun atopar ó meu bo amigo o gaiteiro nubeiro

    ResponderEliminar