30 de xuño de 2009

INAUGURACIÓN OFICIOSA DA CAPELA DAS VIRTUDES

O pasado mes de xuño resultoume inusitadamente azaroso no persoal e no profesional. Por iso andaron as bitácoras en abandono e descoido involuntario. Esta vez non foron as vértebras delicadas as que puxeron trabas á devoción que me move no andar desta crónica aqualatense.
O mesmo azar antes expresado impediume asistir á inauguración oficiosa da Capela das Virtudes co concerto da Coral Polifónica de Agolada no primeiro día das festas patronais. Por iso teño que recorrer a imaxes alleas para facerme composición do evento.
Ver este lugar, emblemático para Agolada, sempre entrañable, recuperado para a vida e para a cultura cólmame de satisfacción. No persoal e no colectivo. Espazo rescatado agora, do que se adonaran antano as silveiras e os sabugueiros, e no que prendera a desidia e a resignación. Tantos anos de ruína non permitían dexergar un futuro esperanzador. Pero aí estaba a reivindicación cidadá, o labor desinteresado que quere poñer ilusión alí onde escasee. E así se conqueriu o resultado actual. Sirva, pois, o exemplo deste edificio como modelo do moito camiño que queda por percorrer e dos moitos froitos que Agolada pode colleitar.
O pobo é un ente abstracto que se dilúe no anonimato e na masa. Pero cadaquén é un ser dotado de idendidade e personalidade. Eu apelo a ese cadaquén. Para sumar, nunca para detraer. Que non nos suceda como ás galiñas, que desfán coas patas o que poden facer co pico, ou viceversa. Agolada necesita da axuda de todos nós, da de cadaquén, por pequena que pareza.

2 comentarios:

  1. Ten que ser unha ledicia enorme ver o traballo ben feito, saber que se vai por bo camiño. Pero como ben dis, non chega con iso, hai que seguir por ese camiño, e recuperar todo o posible.

    Grazas por mostrarnos a túa vila, que dende logo algún día farei unha escapadiña para ver "in situ" os pendellos.

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Parabéns Busto! Excelente traballo o que estades a facer dende a asociación. Viva a xente d'Agolada!

    ResponderEliminar