2 de xullo de 2009

AUGA DE DOZÓN

Na noite serena
de Dozón, espida,
agurgulla clara
a auga durmida
e en regos moi longos,
buscando a mariña,
vai bicando aldeas
pola amañecida.
Alí, entre carballos,
fontela divina,
do seo da Virxe
parece nacida;
e corre lixeira
como a denociña
mais logo remansa
no corgo e na pía.
Por entre as toxeiras,
alancando axiña,
xogando cos coios,
furando nas silvas,
descende á veiga
e rega as cortiñas
coa seiva que nutre
as terras de vida.
A Fonte do Rei,
así coñecida,
engorda o caudal
preñado de ninfas,
coas augas miúdas
das suaves chuviscas
e as doutros regueiros
herdeiros das xistras.
En Rebordecovo
a lúa escintila,
no cerne da fraga
a auga buliga
facendo camiño,
rebuldeira e fría,
sucando lameiros
na verde campía.
Entra en Vilanova
con xeito de amiga,
cantaruxa leda
por entre as ruínas,
lembranza de Wamba,
testemuñas vivas
da orixe lendaria:
súa terra nativa.
Nun fondal ameno
da aldea sombriza
vai preto ao mosteiro
das benedictinas,
que aquí atoparon
do ceo a cantiga
no "ora et labora"
na "Salve Regina".
E ao pasar o templo
da sagra abadía,
detense en relanzos,
suspira e medita
arredor do castro
dos celtas druídas.
Aínda n'As Nogueiras
seu halo palpita!
A choutar alegre,
escorre e rebrinca,
esvara nas lousas,
nas pedras luídas,
achégase ao muíño
e rompe en caída
con doce salseiro
e recendo a fariña.
Coa foula no lombo,
cal neve branquiña,
peregrina e bule,
rosario de pingas,
estoupa en fervenza
con forza rodicia,
deixando pegada
na rexa Galicia.
Os regatos todos
coas augas xunguidas,
en pleno balbordo
un pranto desfían;
e o río despide
Dozón con morriña,
colmado de bágoas
de soles e brisas.
Poema composto en maio de 1993, despois dunha xornada memorable vivida na parroquia de Santa María de Dozón e coa ascensión ao santuario d'A Pena de Francia.

5 comentarios:

  1. Sin duda hai poesía nas palabras, pero tamén a adiviño nas imaxes. E digo que nas imaxes a adiviño, xa que -amigo Busto-...non podo cargar tantas xuntas!!!

    (O meu remolque é pequeno, ainda que o tractor ben podía con máis carga).

    Apertas dende o Farelo de Antas

    ResponderEliminar
  2. Pobre Chousa que perde parte da gracia do posteo, anque para min o poema di máis.

    ResponderEliminar
  3. Verbas e imaxes profundas e fermosas. Moitas grazas. Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  4. Fermosa conxunción de imaxe e texto.
    Feliz verán!

    ResponderEliminar