16 de agosto de 2009

MOSTRA DE ARTESANÍA 2009 NOS PENDELLOS (I)

Os días 10, 11 e 12 pasados, Agolada viviu, segundo o meu parecer, a mellor edición das 13 Mostras de Artesanía celebradas nos Pendellos. O éxito estivo refrendado pola asistencia de artesáns, pola cantidade e a variedade de actos e sobre todo polo numeroso público que acudiu ao longo dos tres días.
Teño expresado con anterioridade que este evento foi a mellor idea que partira das instancias oficiais para darlles uso aos Pendellos. Igualmente me pronunciei sobre a conveniencia de reflexionar arredor da pretendida "Romaría Medieval", carente de contido e anacrónica. A Asociación Amigos dos Pendellos participou neste evento a petición do Concello, quen puxo o edificio do futuro Centro Expositivo das Feiras á nosa disposición. Na planta baixa exhibíronse imaxes antigas do recinto e esculturas de Daniel García Quinteiro (homenaxe póstumo ao noso amigo e compañeiro na directiva da Asociación). No primeiro andar expuxemos obras pictóricas de Xulio García Rivas, Paco Lareo, Luís Viñas, Fernando Oro, Saúl Otero..., cerámica de Buño e instalamos unha pequena sala de proxección.
Ao longo das tres xornadas proxectáronse diferentes vídeos e documentais sobre o patrimonio aqualatense:
- Cruceiros e Cruces de Agolada.
- Pazos e casas fidalgas de Agolada.
- Agolada desde as orixes.
- O Farelo, o noso monte máis emblemático.
- As tabernas de Agolada (Aportación de Bico da Balouta).
- A Cultura castrexa en Agolada.
- O Patrimonio Natural de Agolada.
- Documental de Agolada realizado por TVE (Centro Rexional de Galicia).
- Mar de Pedra.
- A boa caligrafía (curtametraxe de Alex Sampaio, con esceas rodadas nos Pendellos).
O edificio, recentemente restaurado, era tamén motivo de exposición e mereceu os parabéns unánimes. O público acudiu en masa e gustou dos espazos recuperados. Ou esa foi a impresión que eu advertín. No libro de visitas que inauguramos os diferentes apuntamentos de bastantes visitantes que quixeron deixar a súa impresión, anímannos a seguir na tarefa de reivindicar a completa rehabilitación d'Os Pendellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario