Ramil e Basadre son parroquias de Agolada, ribeireñas do Ulla, territorio fronteirizo definido polo río e polas liñas invisibles que marcou a administración. Aquí conflúen tres concellos (Santiso, Palas de Rei, Agolada), cadanseu de súa provincia (A Coruña, Lugo e Pontevedra, respectivamente).
A natureza foi pródiga con estas paraxes e creou unha terra ubérrima e pintoresca, fertilizada e bendicida polas augas brincadeiras do Ulla. O río acapara aquí todo o protagonismo: chega a Ramil dando pinchos de bravura sobre o leito rochoso de As Torrentes e remánsase preto das casas para respectar o silencio dos sonos noitébregos. Aquí faise adulto e dono dun espléndido bosque de galería no que sobresaen as sobreiras (quercus suber). É esta unha árbore tan vistosa como selectiva, escolle os recantos de máis agarimo para enraizar, sabe das correntes atlánticas que soben desde a Arousa para temperar as meteoroloxías da montaña. A presenza da árbore é unha constante en toda a ribeira do Ulla deica este tramo, mais en poucos lugares acada categoría de bosque. Ramil, Basadre e Mácara forman parte dese grupo afortunado que pode presumir de bosque de sobreiras, de moreas de cortizas e da mellor cerna para as lareiras.
tamén rio Ulla abaixo na zona de Sexo e Agra, concretamente xunto á ponte Belmil, hai un monte moi prolixo en sobreiras, aínda que hoxe despois dos devastadores sucesivos lumes fican poucos pés.
ResponderEliminar