26 de xaneiro de 2010

DITOS INOCENTES E A MANTENTA

A tradición oral do pobo, anónima sempre, foi acuñando motes, pseudoxentilicios e ditos que servían de identificadores parroquiais, berro festivo ou de desafío en feiras, festas e romarías. En varios casos estes identificadores dirixíanse a provocar aos das parroquias veciñas para exercer unha rivalidade incomprensible desde a perspectiva actual.
Reproduzo aquí algúns ditos e refráns que me enviou o amigo-colaborador "Chaira do Medio", que el lembra dos anos que pasou en terras de Agolada.
Sempre ben intencionados, pretendemos recoller esta tradición oral que xa forma parte da nosa historia non tan lonxana, e que para nada pretende reproducir insultos ou ferir sensibilidades.
Os de Berredo, burros;
os de Órrea, gorriós;
ventosinos, cadelos finos,
patacas e zucha
metidas na ucha;
os de Brántega, croieiros;
os de Artoño, fariñeiros;
os de Baíña, carrapelos;
os de Sangorza, rateiros.
os de San Paio, carpaceiros;
os de Carmoega, fariñeiros;
os de Esperante, cucos;
os de Vilariño, cereixeiros;
os de Merlín, lagartos;
os de Santa Comba, pombos;
os de Tuiriz, sardiñeiros,
e os de Val, ratos.

Os de Cangas parten as barandas;
os de Cancelas parten as canelas;
os de Rodís, carrachas nos cadrís.
espantapegas, de Lamas;
mirandelas, de Cadrón;
cerraportas, do Castelo;
estafetas, de Muimenta;
pantrigueiros de Meixomín;
fidalguería, de Parada;
cagarría, de Alperiz;
besta roxa, de Laxosa;
picapeidos, de Gurgueiro;
ladroízos, de Goiás
encubridores, de Santón;
abolleiros, os de Ponte;
mangueiraos, de Carballeda

Palio, Rodís e Raña, as tres parroquias
máis ruíns de España.
Palio, Raña e Rodís,
as tres aldeas peores do país"
"Palio, Raña e Rodís,
os tres lugares máis ruís do país."
(variantes aportadas por Antón Torreiro)

Os de Lamas mataron a besta,
os de Cadrón comérona fresca,
os do Castelo mandaron recado
que lles gardaran a croca do rabo,
os de Muimenta a gritas e gritas,
que lles gardaran a merda das tripas.
Velaquí unha nova aportación, de Luz Méndez, sobre as veciñas terras de Santa Mariña de Pescoso en Rodeiro:
Eu coñezo esta sobre os veciños da parroquia de Santa Mariña (de Pescoso), Camba:
Uiuiui do Curruliño, (Corroliño)
Bolborotos os do Coto,
Manteigheiros de Suíme,
Lambecazolas de Quintá,
Ghaliñeiro de Santa Mariña,
Raposados de Pescoso,
Matalobos de Paredes,
Rataraghillada de Sa,(Saa)
Tastarañas de Cabanas.
Pleiteantes de Achicán, (Achacán)
sempre foron e serán.

3 comentarios:

  1. Faltan algúns:
    "Os de Santa Comba, pombos" (curiosa a relación Comba-pombo, casualidade?).

    Eu oín dúas versións distintas da segunda:
    "Palio, Raña e Rodís,
    as tres aldeas peores do país" e "Palio, Raña e Rodís,
    os tres lugares máis ruís do país."

    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Busto, gárdame logo a croca do rabo. Se tes a ben e podes, claro.

    ResponderEliminar
  3. Eu coñezo esta sobre os veciños da parroquia de Santa Mariña (de Pescoso), Camba.

    Uiuiui do Curruliño, (Corroliño)
    Bolborotos os do Coto,
    Manteigheiros de Suíme,
    Lambecazolas de Quintá,
    Ghaliñeiro de Santa Mariña,
    Raposados de Pescoso,
    Matalobos de Paredes,
    Rataraghillada de Sa,(Saa)
    Tastarañas de Cabanas.
    Pleiteantes de Achicán, (Achacán)
    sempre foron e serán.

    Luz Méndez

    ResponderEliminar