27 de marzo de 2010

MÁMOA DE PENA MAZOCA

Na primavera de 1994, acompañado polos meus alumnos e varios compañeiros profesores, percorremos a parroquia de O Sisto (Dozón) nunha viaxe de carácter cultural e multidisciplinar. A xeografía, a historia, a arqueoloxía, a etnografía centraron a nosa atención. Visitamos o castro, convertido en leira e mutilado por construcións recentes, a igrexa cos seus símbolos templarios e as interesantísimas pinturas do século XVI, atribuídas ao pintor de Banga; as casas labregas, os cruceiros, os hórreos, as mámoas, o río, as paisaxes...
Hai uns días, nunha saída ciclista, pasei preto do lugar e obtiven estas imaxes onde destaca, sobranceira, a mámoa de Pena Mazoca, que xa me impresionara naquela data. Desde hai máis de 5.000 anos está alí, no cabo do agro da Bouzoa presidindo a parroquia desde unha posición central. Era lugar visible onde os nosos antepasados neolíticos situaban os seus túmulos funerarios como referente da tribo e da habitación daquel territorio.
Daquelas datas é este poema que lle compuxen ao monumento megalítico:

Alá no curuto
está a medorra
marcando a paisaxe,
envolta en queiroas,
fitando de lonxe
os cumes da Rocha.
Presidindo o agro,
cabo da Bouzoa,
epicentro lóxico
das miradas todas,
a mámoa calada
seu perfil amosa.
Morea de terra
de agreste coroa,
dolménico peito
no horizonte asoma,
como fito antigo
desta aldea nosa.
Garda no seu ventre
funeraria cova,
ósos e caveiras
de época remota,
machadas e frechas,
colares e doas.
"Ciprianillo" en man,
con cobiza tola,
en abrirche boca
e tesouro agarda,
a saber se o atopa!
Coa lúa da noite
a sombra aleivosa
feriute de morte,
cal dentes de loba...
Teus laios vagaron
da Ruza á Retorta!
Outeiro esquecido
de Pena Mazoca,
vértice central
desde idade ignota,
dos ataques do home
protexerte toca.
Outeiro dos "mouros",
que O Sisto colmas,
nos lombos garridos
da longa parroquia,
lévote comigo
en feliz memoria!

5 comentarios:

  1. Alegrome moito de ver como alguén compon versos en honor a unha mámoa, pero se eses versos foran de Curros Enriquez (como é o poema de O Ciprianillo) seguro que estarían nalgunha escolma literaria ou nos manuais de texto do triste ENSINO que temos. Versos excelentes que cantan a soidade dunha anacrónica mámoa, dunha sobranceira mámoa situada fronte a aldea de Barrio (O Sixto).
    Dixéronme que un escritor "castelanito" nacido en Galicia e lapidariamente casado con Marina Castaño, nunha das súas novelas citaba esta Mámoa (a obra á que me refiro pode ser "El gallego y su cuadrilla" ou outra pareceida). A cuestión é que tampoco sei se esa referencia é corecta.
    Polo demáis esta mámoa foi violada varias veces e a última en tempos relativamente recentes (alá polo ano 1934), porque os veciños crian que alí había enterrado un grandioos tesouro.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. Como alumno seu nunca me olvidarei do seu modo de facernos ver o valiosa e rica paisaxe que nos rodea en Dozón. A historia e cultura que trae cada pedra e pintura deste lugar é un libro aberto que poucos se atreven a ler.

    ResponderEliminar
  4. ¿E sería nesa saída que fixemos unha foto todos collidos das mans para percibir cómo subía e baixaba o terreo? Lémbrome de haber feito iso sendo rapaza e seguro foi contigo, pero cando... Eso xa non me lembro. Quedaronme apenas recordos « a medias ».

    ResponderEliminar
  5. Iso fora na desaparecida mámoa do Ceparro. Saúdos, Ana.

    ResponderEliminar