25 de xullo de 2010

OUTRA VOLTA POR BASADRE

Levo catro meses sen rodar na bicicleta polo concello de Agolada. Outros sete, desvinculado da Asociación Amigos dos Pendellos. Dous importantes estímulos que alimentaron este blog durante anos.
Antonte reiniciei as miñas andaduras ciclistas para acercarme ás ribeiras do Ulla aqualatense (Basadre e Ramil) para logo continuar pola Ulloa deica Pambre, Cabana, Podence, Pidre, Chorexe, Vilariño e Santa Mariña. Unha tarde venturosa, de renovados lazos telúricos.
En Basadre parei e observei. Un comentario deixado neste blog invitábame a revisitar a hórrea xa mellor gobernada. Reparei nos hórreos e nos seus pináculos de filigrana.
Cheguei cabo da hórrea e esperaba vela en mellores condicións, como merece. A dobre propiedade da construción parece ser un impedimento para a súa restauración.
Despois parei na praza (campo da festa) que hai diante da igrexa. Vin un palco multiusos. Nunca me gustou a estética destes palcos, por mais que sexan útiles.
Unha fonte estrelada, manufacturada na escola-taller. Algún día terei que reunir nunha entrada estas construcións espalladas por varias parroquias do concello.
A igrexa loce un espléndico e sinxelo barroco rural. O campanario coroado pola cruz de Santiago goza de equilibrio e elegancia. Para o meu modo de ver, sóbranlle a farola e o reloxo tan prominente.
Lembro a primeira vez que cheguei a esta igrexa para asistir á voda de Miro e Amelia, amigos que agora habitan a carón do mar de Cambados e a quen lles mando unha aperta e esta entrada como testemuño de afecto.
Desde a igrexa baixei ao río na procura dos restos da ponte vella. En diferente bibliografía tiña lido que aquí houbera unha ponte que se remonta á Idade Media.
Por esta ponte da imaxe, con plataforma de formigón, xa pasara en dúas ocasións sen determe a reparar que o formigón ocultaba cinco peares pétreos que ben puideran ser os alicerces desa ponte medieval antedita. Trataríase nese caso dunha ponte de catro ollos construída con peares de cachotería e vigas e plataforma de madeira.
Reparei tamén no río que aquí aínda é mozo. Por entre os prados baixaba tranquilo e falador, consciente de crear paisaxes vizosas e evocadoras.
Trinta metros abaixo da ponte sorprendeume un enorme tubo de plástico vertendo no río. Vertía líquido. Que líquido? Se fose o que imaxino, que fan os do Seprona?

1 comentario:

  1. Qué entrada tan entretenida e viaxeira!
    pega gana de recoller as túas pegadas!
    xa que non de outra maneira, sírveme isto para coñecer esa terra, tan perto de min.

    ResponderEliminar