Eu non me vou cinguir exclusivamente a Agolada porque me gusta aportarvos imaxes doutras que me resultaron certamente interesantes.
O dicionario dá tres definicións para o termo BUFARDA. A terceira acepción refírese a unha ventá aberta no teito ou na parte superior dunha parede. Este tipo de ventás é a que máis requeriu a miña atención neste estudo.
Segundo Manuel Caamaño "a bufarda consiste nunha simple fenda feita no muro, que adoita posición vertical ou horizontal (nalgúns casos pode ir redondeada), enmarcada con dúas coidadas pezas de granito. A súa función é a de dar ventilación a espazos destinados a cortes, adegas e almacéns, que nalgunhas ocasións se tapan con fachucos de palla".
Por outra parte aportan luz, son unha solución menos custosa que as ventás, non soen levar madeira nin vidros, colócanse maiormente na planta baixa da casa e danlle maior seguridade á vivenda. Hainas moi elaboradas e outras bastante rudimentarias. Os materiais (pedra e madeira) cos que se solucionan son variados: granito, esquistos, pizarras...
Na imaxe de arriba, tres bufardas graníticas na casa grande de Cabanelas (Borraxeiros).
Granito entre esquistos nunha vivenda do lugar de A Igrexa (Órrea). Senllas bufardas aliñadas verticalmente coas ventás na casa do Santas en Bidueiros (Ferreiroa).Ídem na casa da Tulla (A Igrexa, Órrea). Na foto seguinte detalle da mesma.
O Pazo da Torre de Borraxeiros presenta numerosas bufardas ao longo da planta baixa.
Sete bufardas se observan nesta fachada do Pazo de Vilane (Antas de Ulla).
Casa fidalga en Buxel (Artoño). Dúas bufardas na planta baixa escoltan ambos costados da porta principal. Casa de Licerio (As Trabancas). Na planta baixa, a porta e catro bufardas.
Casa da escola da Aldea do Monte (Ventosa). Á vista tres bufardas.
Bufarda en posición atípica na casa de Sarandeses (Ferreiroa). Bufarda na casa do Asorey (Quintela, Ventosa).
Numerosas bufardas verticais nos muros defensivos da Casa Grande de Eidián (hoxe Pazo de Eidián). En realidade son troneiras, polo tanto a súa función era ben distinta nas súas orixes. Na actualidade son efectivamente bufardas que aportan escasa luz ao comedor do pazo-restaurante.
Na imaxe anterior e posterior dúas vistas da casa reitoral de Ventosa. Presenta abundantes bufardas, unha delas pegada ao tellado.
Bufardas nas igrexas. Esta de Alvidrón (Antas de Ulla) xa a publiquei anteriormente, falando do artístico encintado do muro. O blogueiro Chousa da Alcandra alegrarase ao vela.
Palleira en Agra (Agolada) con tres bufardas monolíticas de granito, colocadas entre os esquistos naturais daquela parroquia.
Traseira da palleira da casa de Outeiro en Ferreiroa. As tres bufardas presentan unha orixinal posición escalonada.
Bufardas verticais nun pendello-palleira en Santiso (Lalín).
Bufarda no muíño da Guillerma (Borraxeiros).
Bufarda nun lateral do muíño do Porto das Vacas (Ventosa).
Bufarda vista desde o interior no muíño da casa das Pedras, na Ponte dos Cabalos.
A primeira acepción que dá o dicionario sobre bufarda alude a unha ventá que sobresae no tellado dunha casa e que serve para dar luz ao faiado ou para saír por ela ao tellado.
Deste significado encontrei varias ventás que poden ilustrar o tema:
Bufarda nun tellado de Quintá (Berredo).
Bufarda nunha casa de Ferreiroa.
Bufarda nunha casa de Outeiro (Artoño).
Bufarda nunha das senlleiras pallozas de Piornedo (Ancares).
Bufardas nos Pendellos de Agolada:
Bufarda na casa de Licerio.
Bufarda nun lateral da Capela das Virtudes antes da restauración.
A mesma bufarda xa restaurada (exterior).
Interior da Capela coa bufarda que proxecta a luz lateralmente sobre o altar.
Bufarda á dereita da Casa da Neves antes de ser restaurada para Museo das Feiras.
Interior da Casa da Neves. No sobrado, derrame abucinado dunha das bufardas. A súa función principal sería a de proxectar luz sobre a escaleira, fronte a cal se sitúa.
Dúas bufardas na parede oeste da Casa da Neves xa restaurada.
Outras bufardas: Bufarda nun caseto de Buxán (Ventosa).
Bufarda na casa de Rodríguez (Quián, Carmoega).
Cando en Carmoega había escola, a mestra vivía no sobrado dunha caseta moi próxima á escola. No baixo da vivenda había unha corte para unha vaca. Nun dos muros da corte estaba esta bufarda.
Bufarda debaixo do corredor duunha casa da Filgueira (Carmoega). Bufarda debaixo da solaina dunha casa de Vilariño.
Rústica bufarda resolta con pedras esquistosas.
Anterior e posterior: dúas bufardas monolíticas de granito entre os esquistos de Vilanova (Brántega).
Parede lateral da casa de Cendoi (Artoño). Bufarda molítica de granito no centro.
Esta rudimentaria bufarda pertence a unha palleira de Santa Baia de Cercio (Lalín). Como a parede dá ao adro da igrexa presenta unha inscrición coa abreviatura de Xesús.
Orixinal bufarda en Moas (Brántega). Debido á súa anchura presenta un ferro central para impedir o acceso.
Rudimentaria bufarda de cachotería encintada.
Bufarda nunha casa fidalga de Vilar (Ventosa).
As bufardas monolíticas como a da imaxe teñen un dobre interese pola súa singularidade e realización.
Bufarda en Cistimil (Rodeiro) cun sinxelo abucinado cara o exterior, cónico na parte superior.
Bufarda de esmerada execución na casa de García (Quián, Carmoega). Bufarda vertical resolta con grandes pedras horizontais nos extremos.
Elemental bufarda en Vilariño.
Bufarda vertical enmarcada por dous grandes bloques centrais.
Bufarda horizontal con esquistos recubertos polas hedras.
Bufarda monolítica na igrexa-santuario de Lamas de Lalín.
Óculos
Outro tipo de bufardas son as redondas, en forma de óculos. Hai algunhas ben fermosas. Este óculo tapiado aparece no sobrado dunha caseta-almacén nos Pendellos de Agolada.
Óculo sobre gran bloque prismático de granito nun pendello da Rúa San Pedro de Agolada.
Óculo monolítico nunha casa de Sesto (Agolada). Óculo octogonal nunha casa de Sesto.
Óculo na igrexa de Santiago de O Sexo.
Curiosísimo óculo-rosetón nunha casa de Galegos (Eidián). Para min trátase dunha elaborada e modesta interpretación doméstica dos rosetóns románicos que aparecen nalgunhas das nosas igrexas. Velaquí a casa, que ademais conta con outra bufarda clásica:
A Terra de Montes foi terra de excelentes canteiros. Nesta casa de O Cotiño (Aciveiro, Forcarei) observei suficientes argumentos para convecerme da calidade canteira. Quede como mostra esta exquisita bufarda-rosetón e véxase a inspiración no rosetón como o da seguinte imaxe:
Eses tumbadas: Bufarda con forma de S tumbada en Borraxeiros.
Outra bufarda semellante en Meixomín (Muimenta, Lalín).
Bufarda con forma de S tumbada en Cristimil (Rodeiro).
Esta foi unha sorpresa recente, en Santiso (Lalín). Incrustada nunha parede desde hai moitos anos, unha moa de muíño coa fenda central en vertical e reutilizada como bufarda.
Tamén hai bufardas que agora mesmo estarán baixo as augas do encoro de Portodemouros. A ellas corresponden estas imaxes obtidas hai dous anos na asolagada aldea de Brocos, que emerxía na ruína tras aquel outono reseco.
Bufardas das terras pizarrosas de Lugo:
En Ribas de Miño (Lugo).
Bufardas na planta baixa da casa de Uxío Novoneyra en Parada do Courel.Bufarda enmarcada en madeira en San Cristovo do Real (Samos).
Curiosísima bufarda resolta con tres lousiñas de pizarra en Escanlar (Samos).
Que as varias horas que botei traballando na elaboración desta entrada vos sirvan aos lectores desta páxima como mostra de afecto e despedida de ano. Coa vontade de continuar con este labor espero e desexo que o vindeiro ano nos depare a serenidade necesaria para continuarmos esta xeira da vida.
Exhaustivo e ben documentado estudo.
ResponderEliminarHainas ben curiosas e magnificamente realizadas; pero eu -como ti ben apuntabas- déixome levar de corazón e quédome coa da Igrexa de Alvidrón. Alí onde me bautizaron con auga da fonte do caño...
Apertas
Pois si que che debeu levar traballo !.
ResponderEliminarCuriosas as bufardas con forma de ese tumbado.
Parabéns. Quedouche redondo.
ResponderEliminarMagnífica a recompilación. Gustáronme moito as de forma de S, eu nunca vin ningunha así. Tamén é ben curiosa a da casa escola de Carmoega.
Apertas e bo ano
Fantástico, Manuel.
ResponderEliminarAgradecerche todo o que nos aportas para o noso coñecemento.
Inma