29 de marzo de 2011

ENERXÍA NUCLEAR?

A recente catástrofe natural que vén de sufrir o pobo xaponés viuse agravada alarmantemente pola fuga radiactiva na central nuclear de Fukushima. Un problema de difícil solución sobre o país que sufriu nas súas carnes a explosión de dúas bombas atómicas na Segunda Guerra Mundial. Desde a distancia admiramos polas xaneliñas TFT a resignación do pobo xaponés fronte á adversidade e a firme de resolución de repoñérense e superaren tan difícil situación. Este noso primeiro mundo, devorador insaciable de quilovatios, reflexiona sobre o uso da enerxía nuclear. Recúa e repensa a futura construción de novos monstros atómicos. Namentres non se lle ven as fauces radiactiactivas dispostas a engulirnos, compracémonos na non dependencia do petróleo e noutras entelequias. Chernóbil, Fukushima deberían ter sido avisos abondo. Para cambiar de actitude, para aprender a crear un mundo actual (ao mellor sen tanto "benestar") menos consumista, menos dependente da enerxía. Cara adiante, sen retroceder, pero botando unha ollada atrás para aprender como os nosos antepasados sobreviviron (con menos benestar, iso si) sen este consumo desaforado de enerxía que nos fai tan vulnerables. Nesa ollada ao pasado, recupero esta imaxe tomada en maio de 2010 na aldea de Moreda, no Courel, cando andabamos tras os versos da homenaxe a Novoneyra. A balconada da casa labrega captou a miña atención polos enredos tallados con que o carpinteiro quixo lucir as madeiras castañas que ollan a Rogueira. E alí uns símbolos anacrónicos parecían chamar xa á prudencia fronte á enerxía nuclear. Coincidencia premonitoria?

2 comentarios:

  1. Acordámonos de Santa Bárbara durante a tronada. Pero esto vaiche por oleadas. Agora o foco da atención está nesta teima. Mañán será outra cousa coa que distraerán a nosa atención...

    O da foto sí que é ben curioso por certo.

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Un balcón ben curioso.
    Seguro que eses símbolos teñen unha historia detrás.

    ResponderEliminar