2 de maio de 2011

NA PROCURA DE SAN SADURNIÑO

Xa case é unha teima. Nesa miña arela de percorrer o territorio aqualatense pescudando na epiderme da historia e a natureza, hai un lugar que se me resiste e ao que non dubido en calificar como o máis inaccesible que coñezo en todo o municipio de Agolada, o solar onde estivo o desaparecido mosteiro de San Sadurniño. A vexetación silvestre adonouse do espazo que lle era propio e do camiño que antano baixaba deica o Arnego. En tres ocasións quixen descender desde Velpellós optando por vías diferentes. Todas con idéntico resultado: quedarme a 300 - 400 metros do obxectivo, prisioneiro de toxeiras e ucedos descomunais.
O mércores pasado abordei o lugar desde a perspectiva da ribeira oposta, en terras de Lalín, no monte de Rodís. Quizais me acercase algo máis (200 m. aproximadamente). A vexetación volveume dificultar o acceso ao río. Pero mereceu a pena comprobar o inextricable da paraxe, a empinadísima costa que hai que rubir ou descender desde Velpellós e as estupendas vistas sobre a ribeira do Arnego.
Sorprendeume na distancia unha enorme rocha na aba de Velpellós. Compárese co tamaño dos piñeiros.
Albisquei a presa dun muíño do que oíra falar e aínda non puiden visitar.O bosque de galería que rodea o Arnego é unha regalía para os sentidos e neste momento da primavera ofrécese cunha esplendorosa policromía. O esforzado ciclista nun momento da ascensión desde o Arnego ata Rodís, minutos antes de que a alegría da tarde rematase mancada no asfalto de Palio.
Esta foi a última toma da tarde, atraído polo canto dos grilos, as marelas que pacían na sombra e a mornura soleada que tinguía de esperanza a natureza.

3 comentarios:

  1. Realmente ten que ser complicado o acceso, e non por elo vai perder fermosura esa solaina de natureza; pero -meu amigo- tentalo na bicicleta...hai que botarlle piñóns ó asunto!
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Un lugar espectacular. Estiven vendo a outra entrada que tes sobre os restos de San Sadurniño e penso que sería moi interesante facer un calco do lintel reempregado que ten a inscrición.

    Por certo ¿que documentación escrita hai sobre o convento? Estaría moi ben facer un estudio mais polo miúdo, seguro que saían cousas interesantes.

    Apertas dende A Ulloa

    ResponderEliminar
  3. Busto, xa vai sendo hora de que consigas entrar en San sadurniño, non é? Non é áfrica nin o Cabo do Mundo!

    Non sei...en 30 anos as cousas abandonadas cambian unha barbaridade...aí había un prado grande...agora quen o diría!

    Paréceme que, se queres chegar un día alí, o mellor é que busques o cotarelo que hai no medio do monte de Velpellós, onde a pista fai unha curva e pasa de baixar con pendente forte (partindo do transformador do Bidueiro dirección Suroeste) a seguir a curva de nivel e que deszas perpendicular ao río ata este e que logo continúes pola beira dereita do río aproximadamente uns 100 m... e por último que teñas sorte. Podes dar cos restos se che deixan as silvas e...o abandono.
    Ten en conta que certas pedras, as mellores, trasladáronse a Velpellós...Máis tarde, O Mendes fixo unha tosta da luz (moi próxima no río ao lugar por onde baixas)que "supoño" que aproveitou pedras menores do antigo mosteiro. Esta tosta, un mal día e moi pronto, levouna unha riada. A presa que ti fotografas penso que pertence a ese intento de explotación eléctrica e non a un antigo muíño. En realidade, non sei certamente, mais paréceme que esta información pode axudarche. Nos últimos 10 anos non creo que ningunha persoa pisara o asentamento do antigo mosteiro nin saiba de certo como está.

    Outra información, Velpellós contou con luz eléctrica por primeira vez grazas a un veciño, o Mendes, que reaproveitou un antigo muíño (aínda existente e lonxe de aí) para esta función. Máis tarde, tentou mellorar e facer unha tosta. Esta resultou un fracaso.

    Levando este tema cara á lingua, fíxate que, teoricamente nunha zona onde non hai seseo, nos apelidos hai un seseo total: Mendes, Fernandes, Vasques... Ten o seu, non é?

    Un saúdo e máis sorte con este sitio. San Sadurniño estate a agardar. É un reto!

    ResponderEliminar