9 de maio de 2011

XENTE DE AGOLADA NA ÓPTICA DE XESÚS FAÍLDE

Tío e sobriño, Pepito e Gonzalo Barrio, a finais dos anos 50. Chan de xabre e beirarrúas de pedra gra, tal como lembramos aquela praza das feiras multitudinarias. Como decorado de fondo, a presenza maxestosa dos rexos e desaparecidos carballos.

Na imaxe de grupo aparecen os nenos e adolescentes da parroquia de Santa Comba. Practicamente está representada toda a parroquia. Son os nenos do catecismo cos seus catequistas. Retratáronse na festa da Saleta das Trabancas, á beira da parede da escola (hoxe local social).

A maioría dos retratados andan na sesentena na actualidade.

O carro de vacas era o único "castromil" que facía o percorrido entre Agolada e Friufe. Sempre había algún no camiño. O motivo principal era o muíño de Benito, pero ao mesmo tempo transportábase viño para a festa ou o que fixese falta. Antes de existir o muíño de Agolada, iamos ao da Ponte Vilariño, onde tamén había un mazadeiro de liño despois da ponte. Teño estado alí en máis dunha ocasión. Logo, por un problema de maquía cambiamos para Carmoega, onde había outro muíño no mesmo río Arnego. A "maquía" era unha medida que os muiñeiros cobraban en especie por cada ferrado moído. Naquel tempo comentouse que o de Vilariño aumentara a capacidade da medida e por iso se dicía que "os muiñeiros rouban todos, pero o de Carmoega só o razonable". Desde Friufe a Carmoega era pouco menos que o París-Dakar, subir a costa de Paradela co carro facíase interminable.

Na foto distínguese a Ovidio de Laparte e Francisco de Cambote, diante do bar de Aurelio e a casa de María de Bermés, onde paraban os coches de liña.


Pepita Fraga, da droguería Central, en cuxa porta se retrataron, con dona Celia, mestra de As Trabancas e veciña de Agolada.

Tres mozos de Agolada: Félix Vidal, José García (Pepe de Sidorio) e ....?

Nos zapatos de Pepe descóbrese un feito moi socorrido naquela época, as "tachuelas" que se poñían na sola para protexer a punteira.


Álvaro de Benito e Tarrío pasean pola estrada, diante da casa do Santas.

Darredor da moto componse esta escena na praza. Nela só recoñezo a Chichita de Ricardo, á esquerda.

Catro distinguidas mozas posan na entrada da vivenda do centro de saúde: a sobriña do cura de Vilariño, Teresa do Pardo de Esperante e as dúas da dereita veciñas de Ventosa.

Os textos desta entrada recollen a información que me aportou o propio Xesús Faílde, traducida e lixeiramente ampliada por min naqueles casos en que eu souben de máis información.

As imaxes de Jesús Faílde Oro, impagables, seguen a alimentar este acervo gráfico que xa é historia. Con elas imos formando un cadro preciso dunha época e simultaneamente imos removendo lembranzas e sentimentos.

3 comentarios:

  1. Boísima a do carro. Iso si que eran rubias galegas!!

    ResponderEliminar
  2. Preciosas as fotos.
    Quen me dera poder levar a miña cámara dixital á Galicia de hai cen anos e retratala !.

    ResponderEliminar
  3. Fermosas imaxes, o carro coas vacas era unha imaxe moi abondosa en Galicia, o son chirriante que facían as tardiñas no verán parecían cantos chorosos de tempos moi duros, a comparación co catromil é moi lograda, pero hoxe tamén desapareceu o Castromil, empresa familiar que o erdeiro vendeulla a Monmbús, isto indica que o tempo segue paseniño e velozmente. A maquía todos a metían máis de unha vez, sobre todo na fariña de trigo que era a que máis aumentaba de volume ao facer a moenda.
    As pequenas ferraduras nos zapatos, era moi curioso, facía que duraran un pouco máis as solas dos zapatos, de noite facían chispas contra as pedras das corredoiras; había algún rapazote que os poñía poucas veces para que lle duraran máis e logo atopábase que xa non lle servían os zapatos, o seu pe medrara de golpe o que non medrara nos anos pasados.
    Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar