A Ponte Vilariño é un deses lugares de referencia que viron e protagonizaron múltiples eventos no decorrer dos séculos. Paso obrigado para vadear o Arnego no traxecto que discorre entre Lalín e Agolada. Camiñantes, feirantes, arrieiros, comerciantes, cabaleiros, vasalos, campesiños, titiriteiros... todo tipo de personaxes pasaron sobre as táboas da ponte medieval do ano 814. Lugar lendario e literario. Temos noticia de tres pontes que foron erguidas sobre as limpas augas balbordantes do Arnego: unha medieval do ano 814, outra de 1920 e outra de 1990. Canto máis recente, máis arriba no curso do río, máis elevada sobre o cauce e máis atallo no camiño.
Eis outras referencias anteriores da ponte neste mesmo caderno:
PONTE MEDIEVAL DE VILARIÑO
INSCRICIÓN FUNDACIONAL DA PONTE VILARIÑO
LENDA DA PONTE VILARIÑO
Na imaxe aérea de arriba pódese observar o lugar onde aínda están os vestixios da ponte medieval e os restos da antiga calzada. Igualmente aparece sinalado o camiño que sae costa arriba ata a aldea de Esperante. Neste traxecto estaba Tribás, lugar desaparecido a principios do século XX, onde as referencias orais dos veciños de Vilariño nos falaron dunha cantina e pousada para os camiñantes. A última propietaria, viúva que vivía soa na cantina, seica fora asaltada e asasinada nunha triste noite de violencia. Un quilómetro máis arriba estaba a cantina de O Coche (Esperante). Tribás é un topónimo característico de vías importantes, deriva do trivium latino, "cruzamento de tres camiños".
Na imaxe anterior, de Ton van Vliet, aparece o Souto tras o mostrador da súa taberna da Ponte Vilariño, construída á beira da segunda ponte pouco despois de ser inaugurada en 1920. A imaxe é de 1978. O local desta taberna é na actualidade un club de alterne, logo dun intento de convertela en establecemento de turismo rural. Vicisitudes dos tempos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario