24 de outubro de 2014

OS PENDELLOS DE AGOLADA EN DESDE GALICIA PARA EL MUNDO



En setembro de 2013 acudían a Agolada Adriano Rivera e Fran Marcote, guionista e cámara respectivamente da empresa "Pórtico Audiovisuales" para gravar un programa monográfico sobre o Concello de Agolada. Pediron a miña colaboración para falar de Os Pendellos. E alí estiven ofrecendo a miña modesta contribución. O programa foi gravado nas dúas linguas nas que se emite: en galego para a TVG e en castelán para o canal internacional de TVE. Velaquí a razón de que neste vídeo me exprese en castelán, na versión para TVE. O programa emitiuse hai agora un ano. O vídeo que ilustra esta entrada é un fragmento dun programa que ocupa un 45 minutos. Destaca pola calidade e definición das imaxes, que non é pouco.
 Isto é o que toca facer, entre outras miudezas, para manter viva aquela empresa de darlle vida á arquitectura humilde, singular e fermosa de Os Pendellos.
 Lamento profundamente a liquidación da Asociación Amigos dos Pendellos, non polo que me afecta no plano persoal, senón porque Os Pendellos quedaron orfos, no desamparo civil, carentes da ilusión que nos animou e nos congregou antano. Rota aquela unión e sintonía xa nada foi igual, coma quen rompe un vidro, non hai esparadrapo nin remedio que cicatrice a ferida. Mais sinto que aínda non é tempo de falar deste asunto. Aínda necesito máis pouso e serenidade. Pero falarei algún día, porque a sociedade debe saber por que se perdeu algo que foi moi importante e que se truncou cando aínda quedaban pasos fundamentais por dar.
E namentres, na actualidade, seguimos á espera dunha prometida actuación nalgunhas casetas e pendellos, nas portas, nos tellados, na eliminación de determinados elementos discordantes, na restauración de 6 pendellos de titularidade privada e na compra dalgunha construción máis.
En calquera caso, sempre a título particular, seguirei colaborando con quen mo pida na procura dunha íntegra restauración do recinto e unha necesaria posta en uso dos diferentes espazos.

1 comentario:

  1. Dende que os coñecín, gustáronme os pendellos e daría un ano da miña vida para volver á Galicia de hai cen anos e a Agolada, por suposto; e con cámara dixital e xigabites de memoria.
    Sinto muito a disolución da Asociación pero o tempo curará muitas feridas.
    Unha aperta dende o sur.

    ResponderEliminar