17 de marzo de 2018

A PONTE VILARIÑO (1920) ENTRE AGOLADA E LALÍN


 Nos primeiros anos 60, Manuel Galego Iglesias fixo esta pequena reportaxe fotográfica  na Ponte Vilariño, sempre tomando como elemento de atención a construción da ponte, a que naquel momento era a única e a principal. E o Arnego fluíndo permanente baixo o seu arco.
A Ponte Vilariño coñeceu tres pontes, das que hoxe están en pé dúas: esta da imaxe, que fora rematada en 1920 e outra máis moderna do Plan Redia de finais do século XX. A ponte medieval, construída no ano 814 estivo en uso ata ben avanzado o século XX. Desque unha enchente a levou, non volveu a ser recuperada, tarefa posible e desexable xa que  aínda conserva os peares de ambas marxes e conta con máis de un quilómetro de camiño antigo nos dous lados. Este camiño cobra cada vez máis visos de ter sido unha calzada romana, iso é o que testemuñan diferentes vestixios que van xurdindo aos poucos.
 A ponte de 1920 está resolta cun grande ollo de arco de medio punto, para o que se empregou perpiaño perfectamente labrado  e asentado sobre leito granítico. A plataforma sempre a lembro asfaltada, mais nas súas orixes cabe pensar que fose de xabre. O peitoril de media altura tamén está labrado en pedra. Reformas de finais dos 80 anchearon e peraltaron a plataforma e colocáronlle beirarrúas con barreiras quitamedos de metal galvanizado. Ata o punto de desfigurala.

O vello autobús de liña da empresa Gómez de Castro cruzaba diariamente este paso obrigado para transportar viaxeiros entre Lugo e Vigo, con paso por Guntín, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Lalín, Cerdedo, Pontevedra, Redondela... Tantas viaxes e tantas historias...

Ningún comentario:

Publicar un comentario