Levo xa algúns meses publicando aos poucos algunhas imaxes do extenso arquivo do finado amigo Manuel Galego Iglesias. Publicar as imaxes sen ilustralas alomenos cun sinxelo texto non me parece elegante nin respectuoso. Non é que teña eu moitos datos para tecer unha historia darredor de cada imaxe. Case sempre, antes de publicar unha imaxe, doulle un vistazo ao arquivo para decidir en cada momento que é o que me motiva para disertar sobre a fotografía e os elementos que nesta aparecen.
Hoxe, escollo esta imaxe das primeiras comuñóns na Feira Nova, na capela da Cruz, alá nos primeiros anos 60 do pasado século. Alí acudiu Manuel Galego para facer a reportaxe da cerimonia, concretamente da postcerimonia, pois ao non ter flash, a toma de fotografías só era posible no exterior cando xa a cerimonia rematara. E comprendo o apuro do fotógrafo para tratar de escoller un fondo para as súas instantáneas. O fondo desta imaxe é, sen dúbida, digno de comentario. A uniformidade das liñas inclinadas paralelas é certamente orixinal. O recurso estaba alí á man, no aserradoiro contiguo á capela da Cruz. As táboas de castiñeiro, perfectamente colocadas para o secado case vertical, serviron nesta ocasión para un retrato colectivo de cerimonia infantil.
Dos nenos que recibiron a primeira comuñón só acerto a identificar ao da dereita, da casa do Eiras da Feira Nova. Dos demais sóanme as súas caras, pero non logro identificalos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario