13 de decembro de 2020

MILIARIO ROMANO EN FONFRÍA (ANTAS DE ULLA)


Hai cerca dun ano que fixen esta descuberta, ou iso creo. Reservei a súa publicación en espera do refrendo dun arqueólogo autorizado, pero de momento sigo agardando a visita prometida. En calquera caso, cos datos que posúo, voume atrever a dicir que estamos ante un fragmento de miliario romano anepígrafe, reutilizado como esteo para soportar unha pedra fendida do chan dun hórreo. As razóns nas que me baseo son as seguintes: 

- Trátase dun bloque granítico cilindrado, en posición invertida, cun cepo cúbico, que lle serviría de base na súa colocación orixinal. Este cepo cúbico é quizais o mellor argumento para aseverar a súa orixe romana.

- O cilindro aparece seccionado e adaptado ao novo uso que se lle deu.

- Está situado na aldea de Fonfría (Antas de Ulla), a 500 m. en liña recta do que se cre que foi o trazado da vía romana que unía Agolada e Lugo.

- A toponimia cobra aquí un interese especial. O punto máis baixo da serra Farelo-Picolongo é o lugar de paso desta vía e desde tempos moi remotos coñécese co microtopónimo de "O Marco". Este topónimo, segundo todos os lingüístas e arqueólogos, está sempre asociado a un miliario e a unha vía romana. O Marco está a menos de medio quilómetro da localización actual deste fito pétreo.

- E o último dato que acredita esta teoría é a semellanza que garda co miliario romano que temos nos Pendellos de Agolada, feito bastante lóxico se ambos marcaban a mesma vía. Entre eles só cabían outros dous miliarios, atendendo a lonxitude da milia passum (1.481m) e á distancia aproximada de 5 Kms que os separaban.

E finalmente, un apunte anecdótico pero non carente de interese. Coinciden nesta pequeniña aldea de Antas de Ulla dous fitos relevantes: un clarificador miliario romano (descoñecido ata agora) e o solar paterno da eminente científica aqualatense Marisol Soengas.

Aquí neste punto únense as provincias de Lugo e Pontevedra, lugar de paso natural para cruzar a serra Farelo-Picolongo. Xa na Idade Media este puntos e o cordal da serra marcaron os lindes do condado decense.
Na actualidade os MARCOS que se colocan na estrada son diferentes aos empregados polos romanos. Pero tamén hai suficientes "marcos".
Velaquí outro marco dos empregados para sinalizar a estrada N-640. A vía romana que os arqueólogos sitúan neste punto ten moitas coincidencias con esta estrada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario