27 de decembro de 2020

PENDELLOS DA FEIRA E CRUCEIRO DE COTÁ (FRIOL)


A feira de Cotá, parroquia do concello lugués de Friol, celebrouse o día 18 de cada mes desde que se fundara este mercado nos albores do século XIX e a súa historia prolongaríase ata ben avanzado o século XX. 

Para a celebración deste mercado escolleuse un espazo a carón do río Narla, onde se acometería a construción de varios pendellos expositores e bancos fixos para acoller aos feirantes. Paralelamente fóronse erguendo algunhas vivendas. O barrio que conformaron denominaríase con toda lóxica "As Casas da Feira". Este barrio comunícase co núcleo de Cotá por unha ponte sobre o Narla.

O que se conserva do recinto son unha ringleira de pendellos expositores, outros dous pendellos expositores que bordean a actual estrada e un pendello con expositores en ambas caras. E tres ringleiras de bancos pétreos fixos, que se usaban como mostrador e que se adoitaba cubrir con lona sobre estrutura portátil de madeira.

Todas estas construcións están nos arredores dunha fermosa carballeira, sita nunha suave pendente. Imaxinamos que este espazo tamén serviría como campa da feira para albergar o gando.

Na aldea de Cotá queda tamén un pendello expositor que ao mesmo tempo serve como patín ou balcón da construción anexa.

Descoñecemos se existiron máis pendellos de feira neste recinto. Soe ser común na maioría dos recintos a destrución destas construcións para erixir vivendas, dar paso a vías... ou rematan por caer por simple abandono.

Tamén estamos convencidos de que na actualidade existe unha crecente valoración destes espazos feirais. E consideramos que é unha pena velos abandonados e condenados á ruína. Con imaxinación non será difícil buscarlle novos usos. 

Entre os variados produtos que aquí se comerciaban erixiuse o queixo como referente singular, ata o punto de designar a aldea como "Cotá dos Queixos".


Pendello expositor simétrico, situado na pendente que hai onda unha carballeira.



Bancos expositores fixos, que soían contar cunha cuberta portátil.
En primeiro plano banco expositor e detrás unha longa ringleira de pendellos expositores tapiados con bloques na fachada principal. Aínda son visibles entre os bloques varios esteos que soportan o tellado .

Entre estas dúas vivendas, a carón da estrada, un pendello expositor.
Vista lateral do pendello esxpositor citado anteriormente.
A metade dereita deste cobertizo corresponde a un pendello expositor situado entre a estrada e o río Narla.
A aldea de Cotá, xa do outro lado do Narla, tamén foi espazo de feira.
Praciña de Cotá con un singular cruceiro de factura irlandesa ou cruz celta.

Tras o cruceiro pode verse un pendello expositor, cuxo teito de lousa serve como balcón á casa adxacente.

Na parte alta da aldea está a igrexa de San Martiño de Cotá. Un amplo espazo serve de acceso á igrexa. Estamos convencidos de que tamén puido servir para a celebración da feira.
Daquela visita que fixemos á aldea e ao recinto feiral o 24 de maio de 2014 gustounos tamén a arquitectura deste típico hórreo da zona. A traseira e os remates son certamente artísticos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario