5 de febreiro de 2021

O ALTO PREZO QUE TIVO QUE PAGAR A ABELEDA (LALÍN) AO FERROCARRIL

A Abeleda é unha aldea da parroquia de Vilanova, no concello de Lalín, situada a medio quilómetro da marxe dereita da estrada que vai desde Lalín ao Irixo. É quizais a aldea máis distante da cabeceira parroquial. O casal aséntase nunha pendente que baixa desde o Foxo do Cabrito ata o Rego da Abeleda e  oriéntase cara o suroeste. Samprizón queda nese horizonte. San Martiño e A Xesta albíscanse ollando ao noroeste e ao norte respectivamente.

A historia da Abeleda e a súa paz virxiliana mudaron notoriamente desde o día que en 1927 proxectaran construír o ferrocarril O Carballiño-Santiago. A vía estaba trazada a menos de douscentos metros da aldea, a carón do Rego da Abeleda. As obras tardaron 31 anos en completarse, pois a Guerra Civil foi un obstáculo intermedio que as prolongou  ata 1958, ano no que se inaugurou. Entre as dificultades da obra figuraban pontes e túneles. A Abeleda tocoulle o túnel máis longo (2610 m.) e difícil. 

Naqueles tempos a maquinaria tuneladora era inexistente e o túnel foi realizado a man e na súa perforación participaron centos de obreiros das aldeas limítrofes. Obreiros de Cusanca e arredores no concello do Irixo e da Abeleda, Vilanova, Doade e A Xesta no concello de Lalín. Bastantes morreron en accidentes de obra e posteriormente houbo un alto número de afectados de silicose, que os levou a unha morte prematura. O número de viúvas na zona evidenciaba aquela traxedia derivada da obra do túnel.

No concello do Irixo quixeron homenaxear a aqueles sufridos obreiros e ás súas familias e dedicáronlles o monumento que vemos á esquerda (fotografía enviada por Eva Lamas), colocado no adro da igrexa de San Cosme de Cusanca.
Calculan que naquela zona, entre os accidentados e os que morrerían posteriormente de silicose a cifra superou os oitenta afectados.

A Abeleda foi unha aldea altamente mermada pola mesma causa e porque foron moitos os  veciños que  participaron na construción do túnel.
Recordábame o lalinés Fernando López que mesmo se chegou a denominar como "o lugar das Viúvas".

Pero non sería este o único prezo que a aldea habería de pagar. O paso do tren polo fondo da aldea sempre é un aporte de contaminación acústica, que poría fin ao acougo do pequeno val do rego da Abeleda.

Outro  elemento perturbador do medio ambiente foron as escombreiras onde se depositou a pedra extraída do túnel. Toneladas de pedrugallo esquistoso ocupan aínda agora un amplo espazo entre a vía e o curso do río. Imaxino que naquel momento o río baixaría denso de contaminación polas filtracións das escombreiras.

Neste imaxe aérea de 1945 comprobamos que as obras xa se iniciaran. A zona branca máis ancha corresponde á escombreira de maiores dimensións.
Imaxe aérea de 1956. Os asteriscos vermellos marcan a situación das escombreiras. Tamén podemos ver indicadas as bocas dos túneles.

Hai un dito que asevera que os problemas case nunca veñen sós. E aquí cúmprese á perfección. Se non tivesen bastante cunha vía férrea  tallando o val, medio século máis tarde reciben a impactante sorpresa de ter que soportar a vía do AVE. A aldea quedou entalada entre as dúas vías. E só unha franxa de terra para respirar,  franxa que acada a cota mínima de 325 metros. Estrondo por arriba e barafunda polo fondo, que se repiten con frecuencias inexorables. 

Sei que o xénero humano é capaz de adaptarse a dificultades diversas, sei que o progreso é necesario e que esa é unha peaxe que hai que pagar, pero que lle tocasen tantas a esta sufrida aldeíña, cáusame certa mágoa.


Distancia entre a aldea e a vía do AVE. 


A distancia entre ambas vías no tramo máis curto é de só 325 metros. Nesa franxa estreita desenrólase a vida dos escasos habitantes da aldea (no censo de 2020 figuraban dez persoas). 


Escombreira asentada desde a vía ata o río Abeleda.
Outra escombreira na parte dereita do río.


Nun prado que hai alén da vía do ferrocarril, o pastoreo de ovellas, foi unha das escasas actividades que puiden observar.
Entrada do túnel do Foxo do Cabrito nas inmediacións da Abeleda. 
Nas proximidades do gran túnel as escombreiras acadan volumes colosais, creando unha meseta e un barranco de case 20 metros de altura sobre o nivel do río.




 



1 comentario: