Na arquitectura tradicional galega era costume revestir os paramentos de cachotería das casas cunha argamasa e calear de branco ditos paramentos. Deixábanse á vista os lenzos de perpiaño, os remarcados das fiestras e das portas e os encontros das esquinas. Non se trataba dunha moda, senón dunha técnica de preservación dos muros fronte á chuvia e a humidade. Podémolo observar nas dúas seguintes fotografías, onde dous barrios de Santiago locen as súas casas típicas revestidas e pintadas de branco:
|
Barrio de San Lourenzo - Santiago |
|
Cruceiro do Galo - Santiago |
"Cada día é máis
habitual a rehabilitación de edificacións nas que se deixa a fachada de pedra
granítica á vista. Vamos a intentar marcar unhas pautas para a súa correcta execución.Como primeira medida hai que preguntarse se realmente a fachada que imos tratar foi concibida para ser deixada coa pedra
vista ou se polo contrario estivo no seu día revestida e pintada.
De feito, moitos
dos edificios tradicionais de pedra estaban recebados, o que mellorou claramente
a súa protección contra a choiva, especialmente en climas húmidos. Os muros de
cachotería, é dicir, feitos de pedra pequena e redondeada, adoitaban estar
revestidos precisamente para mellorar a unión entre as pezas e sobre todo para
protexerse mellor da choiva.
Un indicativo de
que unha fachada estivo recebada é cando atopamos un paramento de cachotería,
feito con pedras irregulares e redondeadas, e arredor dos ocos das fiestras e
portas, pedras de mellor cualidade e corte máis regular con saíntes que forman
o revestimento.
Hoxe en día está moi de moda deixar a pedra á vista, pero hai que
pensar que en realidade nun gran número de casos, especialmente en climas
húmidos, é máis tradicional e respectuoso cos sistemas de construción
tradicionais (e se se quere coa propia
estética do lugar) o revoco das superficies pétreas, e hai que ter en conta que
as fachadas con pedra vista, sen recebos, son superficies heteroxéneas e
porosas con xuntas de morteiro que as fan máis sensibles ás posibles infiltracións
de auga".
Traducido de LA URBANA, ARQUITECTURA Y REHABILITACIÓN
|
Fachada orixinal
|
FACULTADE DE FILOSOFÍA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O edificio da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (antiga Casa de Exercitantes dos Xesuítas) é un claro expoñente da evolución, ao longo do tempo, dos gustos e acabados da fachada. Na súa orixe estivo recebada e caleada. Andando os anos, aquela fachada, necesitada de tarefas de mantemento, foi repicada e encintada, deixando a cahotería vista. Recentemente volveuse recuperar a súa fisionomía primitiva. Deixamos constancia das tres etapas nestas fotografías.
|
Fachada de pedra vista e encintada |
|
Fachada actual |
CONVENTO DE SAN DOMINGOS DE BONAVAL
O vello convento de San Domingos de Bonaval acaba de ser restaurado nun dos seus pavillóns para ampliación do Museo do Pobo Galego. Nas fotografías de antes e de agora podemos ver como se optou por revestir os paramentos de cachotería da fachada situada á dereita da igrexa.
CASA DA BOTICA (SAMOS - LUGO)
|
Á esquerda, a Casa da Botica, 2006 |
A vila de Samos, ademais do seu magnífico mosteiro, conta con algúns edificios significados. Tal é o caso da Casa da Botica. Neste edificio radicouse a antiga botica do mosteiro, despois da exclaustración e nela permaneceu a farmacia ata non hai moitos anos. Actualmente foi vendido o edificio e déuselle un novo destino, agora é un pequeno hotel con moito encanto.
O edificio someteuse a unha profunda restauración e a fachada revestida e caleada inicial semella que se quixo deixar coa pedra vista, mais finalmente optouse por volver a revestila. O resultado queda expresado nas seguintes imaxes:
|
A Casa da Botica, 2006 |
|
A Casa da Botica , abril de 2009 |
Manuel, interesante artigo e moi ben traídos os exemplos que mostras, ese afán de ennobrecer determinadas construcións deixando a pedra vista, incluso naqueles casos en que se trata de pedra tipo cachotería, coido que foi unha moda que a día de hoxe está sendo superada. Caeron nela moitos arquitectos e aparelladores, pero sobre todo particulares que erroneamente pretendían dar un aire de solidez e elegancia ás súas casas.
ResponderEliminarAlgúns pensamos que outro dos lugares onde se abusou desta práctica foi na renovación e restauración nas nosas igrexas e capelas, e frecuente ver un retablo superposto sobre pedra vista cando orixinariamente destacaba sobre un fondo encalado. Neses casos a medida da luz que se proxecta dentro dos templos, sobre o altar e os retablos, altera o deseño orixinal.
Tal vez o erro, na miña opinión, sexa entender que hai materiais nobres e materiais secundarios cando na practica os diferentes materiais teñen maridanza formando un conxunto e potenciándose nesa combinación.