Introdución
A miña primeira imaxe de Oseira é a do viaxeiro que chega a aquel frondoso e agreste val abeirado na serra Martiñá na procura dun mosteiro cuxas referencias lle eran sumamente atraentes. Arribei a Oseira por unha maltreita estrada que desde Rodeiro ascendía por Riobó, Senra, Asperelo e Couso para seguir a continuación en descenso pronunciado desde Pobadura, pasaba Confurco e Covelo e alá no fondo, aparecía a impoñente presenza do mosteiro cisterciense para suscitar variados sentimentos, que ían desde a admiración pola arquitectura do monumento, a consciencia da relevancia histórica do enclave, o asombro pola grandiosidade dos edificios ata a serenidade que emanaba daquel contexto histórico, ascético e paisaxístico.
As vastas dimensións do cenobio ofrecíanse románicas, góticas e barrocas. A restauración, en proceso naquel momento, amosaba zonas xa recuperadas felizmente. A igrexa e a sala capitular, sempre maxestosas, parecían aletargadas nunha espera de humidade, friaxe e verdello. Coñecín e gocei daquela excelsa arquitectura, dos tres elegantes claustros, dos refectorios, provisorio un e derrubado o outro; souben da escaleira dos bispos, da atalaia, da hospedería, do pavillón dos anciáns, da escaleira de honor, da portería con arrecendo a eucalipto...
Aquel día puiden atisbar moi parcialmente outra colosal construción monástica, da que tardaría bastantes anos en ser consciente da súa magnitude. Creo que aínda hoxe non se lle está a conceder o interese que posúe. Refírome ao gran cercado que rodea a finca de clausura do mosteiro, unha obra que polas súas dimensións (3.070 metros de lonxitude aproximadamente que pechan unha superficie de 52 hectáreas) e polo enorme custo que supuxo a súa construción, ben merece algo de atención e un detido estudo. Unha construción que axuda a entender a monumentalidade e poderío económico do mosteiro de Oseira.
Referencias bibliográficas
52 hectáreas de finca |
Se temos en conta as datas nas que se construíu a gran cerca de clausura do mosteiro de Samos, duns 2.100 metros de lonxitude e construída en cachotería de pizarra; que fora iniciada no mandato do abade P. Antonio Arias (1729-1733) e que se rematou no abadiato do P. Eladio de Nóboa (1769-1773). E sabendo que a construción desta muralla monástica se prolongou durante uns corenta anos; todo nos fai pensar que a muralla de clausura de Oseira, de maior lonxitude (3.070 metros) e de máis elaborada factura, tería polo menos unha duración de decenios.
O cercado de clausura de Oseira aparece referenciado no Dicionario Xeográfico Estatístico e Histórico de España, de Pascual Madoz, un documento indispensable para coñecer o estado do noso país a mediados do século XIX. Neste Dicionario descríbense con profusión os terreos situados no interior do cercado monástico: “Las fincas rústicas pertenecientes al monasterio eran un bosque continuo cercado de muralla cuyo circuito es de ¾ de legua, donde se cuentan (cerca de) 40.000 árboles entre robles, pinos, castaños, nogales, algunas praderas y tierras de cultivo, una extensa huerta con árboles frutales de todas clases, dos hermosas escaleras para la comunicación de la parte alta y baja de dicha huerta, distintos cuadros dispuestos para el cultivo de hortalizas y legumbres...”
Estado actual
Da descrición que fai Madoz daquela Oseira de 1840, que queda na actualidade da finca e da muralla? Os terreos foron vendidos despois da Exclaustración e só en parte foron recuperados para o mosteiro polos monxes restauradores. A muralla que rodeaba toda aquela gran finca de clausura do mosteiro, conserva un estado aceptable malia que presenta varios derrubamentos nalgúns dos seus tramos e que en moitas zonas, a vexetación de hedras colonizou o valado de maneira lesiva.
Fragmento de muralla cun derrube a carón do camiño de San Martiño. |
Muralla á beira do camiño que vai a Cea, preto da Ventela. |
Durante a época da Exclaustración, a carón da porta principal do cercado, construíronse algunhas casas sobre a mesma muralla, co cal é difícil imaxinar actualmente, e moito menos recuperar, a configuración antiga do cercado neste punto.
Por outra parte, a cerca foi seccionada en tres puntos para dar acceso aos novos camiños e estradas construídos nos séculos XIX e XX.
Da finca consérvase o bosque caducifolio, formado maioritariamente por carballos, bidueiros, castiñeiros e ameneiros na marxe esquerda do río Oseira. O resto da finca son pradeiras naturais ou artificiais nas que se aloxa, entre outras propiedades, a granxa do mosteiro.
A muralla, os camiños e as aldeas
A muralla, construída ao longo do século XVIII, rodea integramente a finca monástica e deixa fóra dos seus muros as aldeas contiguas, o campo da feira e os camiños. A cerca aparece delimitada polas aldeas da Ventela, Casledo, Oseira, San Martiño e Río.
Dous camiños bordeaban o gran polígono amurallado dos monxes. Por unha parte, o camiño que procedía de Cea (quizais un Camiño Real) e que pasaba pola Ventela. Desde aquí vai practicamente adosado ao cercado de clausura polo flanco leste e surleste. Preto da Ventela transcorre a escasos metros dos muros e ao chegar ao rego que xungue as augas do regato dos Campos e do regato de Pandelos, vai mesmo á beira da gran parede pétrea da muralla. Este camiño chega ao campo da feira do Casledo (actualmente convertido nun espazo de lecer), cruza a ponte existente sobre o río Oseira e prosegue en ascensión ata a porta principal de acceso ao mosteiro, baixo arco de medio punto. Un pouco antes da porta principal bifurcábase pola dereita para dirixirse ás outras aldeas da contorna e ás terras de Camba e Chantada.
O segundo camiño procedería das terras de Piñor e, xa na parroquia de Oseira, pasaría polas aldeas de Betar, Río e San Martiño. Desde a aldea de Río iría cara a San Martiño e Oseira, practicamente adosado á cerca de clausura ata a mesma entrada do mosteiro.
Características construtivas da muralla de clausura de Oseira
Os 3.070 metros lineais da muralla están realizados integramente en cachotería de granito local. Presenta unha altura bastante homoxénea, con algunhas irregularidades, pois varía entre os tres e os catro metros e vaise adaptando aos desniveis do terreo. Observando atentamente os tramos de menor altura, advírtese que curiosamente se lle concedeu prioridade a garantir unha maior altura desde o interior, aproveitando algún desnivel do terreo. Isto sucede, por exemplo, na saída do mosteiro cara a San Martiño a uns cen metros da porta principal, aínda que hoxe non poidamos ver o estado orixinal do camiño que vai adosado á muralla, que agora aparece asfaltado e no que puido haber algún recheo importante. A anchura do muro tamén varía entre os 60 e os 70 centímetros. En todo o seu perímetro, o muro aparece coroado con pezas graníticas labradas, que presentan unha sección triangular isóscele obtusángula. Estas pezas son maiormente monolíticas e noutros casos están formadas por dúas pedras. A anchura destas pezas excede en varios centímetros o grosor do muro e aséntase sobre el a modo de capiado ou sombreiriño verteaugas. Apórtalle á muralla maior solidez, protección fronte aos meteoros e remate estético.Nalgunhas zonas, quizais as máis sensibles, adosadas ás murallas aparecen uns sólidos cubos cilíndricos e rematados por elegantes e sólidos conos. Cilindros e conos aparecen unidos por colaríns pétreos moldurados. Tales cubos reforzan os muros e procúranlles unha consistencia engadida nas esquinas, nos paramentos máis longos e naqueles lugares onde o terreo ofrece menor estabilidade.
A muralla era un recinto continuo pechado, só interrompido por cinco aberturas. A primeira destas era a porta da fachada do mosteiro, a principal vía de acceso franco na gran parcela monástica de clausura. Unha segunda porta, de menor tamaño e de uso menos frecuente e restrinxido, aparecía a carón da aldea de San Martiño (as referencias orais sobre esta porta indicaron que era antiga, pero puido terse aberto con posterioridade á construción do gran cercado). As outras tres aberturas corresponden á entrada e á saída do río Oseira e á entrada dun arroio que xunta as augas do regato dos Campos, que baixa desde A Boulla, e as augas do rego de Pandelos, que baixa desde os penedos da Boulla Grande, na serra Martiñá. Como a finalidade da cerca era preservar a clausura do mosteiro, é dicir, mantelo pechado cara a fóra e cara a dentro, resolveron a infranqueabilidade da muralla nos pasos dos ríos cun sistema enxeñoso, consistente en elevar os cursos dos ríos mediante a construción de senllas presas que encoraban suficientemente a auga para deixala caer en vertical nunha fervenza ou salto que imposibilitase o paso por estes tramos onde se interrompía a muralla. Ao mesmo tempo, as paredes da muralla contiguas ás fervenzas curvábanse en L cara adentro e reforzábanse dándolles máis grosor.
Muralla vista desde o interior. |
Muralla vista desde o exterior. |
Todos estes elementos contribuían a imposibilitar toda forma de acceso. O salto do Casledo no río Oseira, cunha caída aproximada de tres metros; o salto do rego dos Campos-Pandelos, cunha caída de preto de 4 metros; e o salto do Fondo, preto da aldea de Río, derrubado nunha enchente de hai moitos anos e que tiña unha caída superior á do salto do Casledo, segundo os informantes da zona. O rego de San Martiño cruza a muralla mediante un oco practicado no muro con pouco máis de 80 cm de abertura. É de supoñer que unha simple reixa metálica reforzase antano a seguridade do muro neste oco.
Atendendo a este capítulo, moitos cenobios procuraron reservar para sí as terras inmediatas ao mosteiro e destinalas a horta para a provisión de hortalizas, prados onde apacentar o gando e bosque para obter leña e madeira. Construíron presas, pesqueiras, muíños, talleres, cortes, cabalerizas, etc. Nestas fincas de clausura os monxes podían levar a cabo diversos tipos de traballos necesarios e diferentes aos que se exercían dentro das dependencias monásticas. O obxectivo era lograr a vida autosuficiente que a Regra de san Bieito esixe, evitando no posible todo contacto co exterior.
Este espazo, por onde adoitaba pasar un río ou un regato (así sucede en Oseira co río homónimo, en Samos co río Oribio, en Sobrado co río Tambre, en Montederramo co río Mao, en Melón co río da Cortella, en Carboeiro co río Deza...), na maioría dos casos pechouse cun cercado ou muralla, delimitando a zona de clausura en torno ao mosteiro e creando unha barreira impermeable entre o espazo de vida monástica e o exterior secularizado.
Oseira, nome derivado do étimo Ursaria, terra onde abundaban os osos, viu erguer (ou refacer) no século XVIII un monumental valado arredor da finca do mosteiro. Nesta terra, con alta presenza de plantígrados, aquel longo muro case podería interpretarse como unha enorme “alvariza” que no canto de protexer colmeas, defendería aquí as celas monacais, trasunto das celas dos panais das colmeas.
Fragmento da muralla á beira do camiño que vén de San Martiño. |
Estes grandes valados monacais non son murallas convencionais, as cales sempre protexeron das ameazas do exterior a quen habitaban no recinto fortificado; estas son murallas que tamén exercen unha función disuasoria para que quen estea no seu interior non poida abandonar facilmente o recinto e ao mesmo tempo imperdirlle o contacto co mundo externo, "pois de ningún xeito lles convén ás súas almas".
Reflexión final Temos aínda en pé unha grande parte da importante cerca de clausura do mosteiro de Oseira.Presenta bastantes derrubamentos, totais ou parciais, pero sempre recuperables. Non sei se procede a pregunta de se convén actuar nela, porque son consciente de que só ten sentido restaurar se se pretende usar. E non é este o caso, porque tal muralla perdeu o significado co que foi construída. Quizais, recuperala para ter a testemuña daqueles recintos de clausura? Preservala porque é un xeito de amosar o respecto histórico polos que puxeron o seu esforzo en levantala? Restaurala porque forma parte da historia dun gran mosteiro con ascendencia medieval? Responder a estas cuestións pode orientarnos sobre qué convén facer ou non facer con ela.
Parabens Manolo...pracer coñecer a nosa historia da tua man...agradecido
ResponderEliminarFascinante e enriquecedor relato. Anacos de vida relatados baixo unha escusa extraordinaria
ResponderEliminarMoi bon e interesante relato. Grazas
ResponderEliminarDebería ser restaurada por mNtener la historia de un monumento unico
ResponderEliminar➖