28 de xaneiro de 2024

MEMORANDO DA CONSTRUCIÓN DA IGREXA DOS SAGRADOS CORAZÓNS DE AGOLADA

 

Vista da cabeceira da igrexa de Agolada, 2021

XUSTIFICACIÓN

A igrexa de Agolada é un  templo convencional, sinxelo, sobrio nas formas e na ornamentación. Arquitectonicamente posúe escasa relevancia e só destaca polo seu recoñecible perfil, case icónico, e pola súa funcionalidade.

Con estas premisas, puidese parecer inxustificada a atención que lle dedico ao elaborar este Memorando da súa construción.

Se a razóns me ateño, quizais estas sexan algunhas das que me decantaron a facer este traballo:

- Merece a miña consideración porque a construción deste edificio representa como poucos a solidariedade e a unión veciñal de Agolada cara a un obxectivo.

- Merece a miña atención neste momento porque recentemente  cumpríronse 60 anos da súa inauguración.

- Merece o meu afecto porque o cura párroco que executou a maior parte do edificio e que o inaugurou, viviu varios anos na miña casa e con el quedaron lazos de amizade ata o día do seu prematuro falecemento. A súa memoria meréceme esta deferencia.

- Merece este meu agarimo e estudo porque o templo de Agolada congregounos  e aínda nos congrega en múltiples ocasións, na cotidianeidade e nos momentos importantes, nas cerimonias felices e nas despedidas tristes de veciños e familiares.

- Merece esta miña benquerenza e está moi xustificado que escriba algo ao respecto para aportalle soporte literario ao extenso arquivo fotográfico que conseguín reunir arredor da construción da igrexa e dos seus protagonistas.

UN TEMPLO PARA UNHA VILA

Capela das Virtudes, Manuel Busto, 1979
Agolada, capital do concello homónimo é un núcleo de poboación pertencente á parroquia de San Pedro de Ferreiroa, aldea que dista dous quilómetros da capital municipal. Alí, a carón do río e da memoria dunha antiga ferrería, radícase o templo románico que preside a feligresía. Ferreiroa, A Costa e Bidueiros foron durante séculos os tres únicos núcleos habitados na parroquia. A finais dos século XVII e nos inicios do XVIII naceron dous novos casais: Agolada e o barrio do Pontillón. Ambos recibiron denominacións relacionadas cunha condución de auga (Agolada) e cunha pontella sobre o rego de Bidueiros (O Pontillón).  A finais dos século XVIII, por mor da importante e concorrida feira que se convocaba cada día 12 en Agolada, viuse a necesidade de construír o primeiro templo deste enclave. Resolveron esta continxencia co traslado da Capela das Virtudes desde as ribeiras do río Ferreiroa ata o campo da feira de Agolada. O 13 de xuño de 1791, festividade de san Antón, inaugurábase a Capela das Virtudes, grazas ás múltiples e decididas xestións do escribán D. Ramón de Barrio e Losada.

Entrada á capela das Virtudes desde os Pendellos. Vicente Risco, 1929

Agolada proseguiu o seu crecemento ao compás da feira, cada vez máis coñecida e frecuentada. E o grande pulo acadaríao  coa construción da estrada de Lalín a Lugo con paso por este lugar. A nova estrada, trazada moi próxima ao campo da feira e dos Pendellos, serviu como catalizador e atractivo para que aquí nacese unha pequena vila. Decenas de veciños, procedentes de poboacións próximas erixiron as súas casas e os seus negocios orientando as súas fachadas á nova estrada. Nos trinta anos seguintes aquela incipiente aldea transformaríase nunha vila dinámica e próspera, cun incremento significativo de habitantes.

O constante crecemento demográfico motivou que en 1946 o párroco de Ferreiroa, D. Manuel Martínez Castro, sentise a urxencia de edificar un novo templo en Agolada, amplo e suficiente para atender a aquela poboación en aumento permanente.

Tiveron que pasar dezaseis longos anos, tres párrocos ao fronte da ardua empresa, múltiples viaxes e entrevistas, solicitudes e xestións burocráticas para conseguir ver realizada aquela necesidade e aquela ilusión por acoller ao pobo de Agolada baixo a bóveda da nova igrexa, congregado coas badaladas  sonoras e potentes da recén estreada campá que chamaba desde a prominente torre do templo.

Vista aérea de Agolada en 1956, coa igrexa sa empezada (Foto do voo americano)


CRONOLOXÍA DAS OBRAS. TRES CREGOS E  UN TEMPLO

D. Manuel Martínez Castro, natural de  Val de Sangorza, era o crego de Ferreiroa-Agolada en

1946. Foi el quen observou a insuficiencia da capela das Virtudes  para atender o culto relixioso da crecente poboación da vila de Agolada. Xulgou necesario poñer solución aos inconvenientes derivados dos desprazamentos  dos numerosos fregueses de Agolada a Ferreiroa para asistir aos servizos litúrxicos e aos enterros. Atendendo a demandas que seguramente escoitaría dos fregueses;  emprendeu, naquela época de posguerra e escaseza económica, a ilusionante e ambiciosa tarefa para erixir un templo novo, amplo e digno en Agolada. Colocouse a primeira pedra o día 4 de maio daquel mesmo ano 1946. 

     El sería o encargado das xestións, permisos e recadación de fondos para acometer a inxente tarefa, que se presentaba longa e complicada. Nunha carta que dirixía en agosto de 1949 ao entón gobernador, D. José Solís Ruíz,  informábao de que en Agolada se estaba a construír unha igrexa por non existir na localidade mais ca unha “pequena e indecente capela”e solicitaba a súa cooperación para conseguir recursos económicos, pois xa recorrera en dúas ocasións ao Ministerio de Xustiza, sen que lle constestasen. O propio Solís xiraría visita ao concello de Agolada en agosto daquel mesmo ano e nela puido observar a necesidade que o crego lle presentara.

D. Manuel Martínez estivo ao fronte da parroquia e das obras ata finais de maio de 1956, e nese período conseguiu un solar amplo, en terreo comunal, entre o campo da feira das vacas e o camiño de Ferreiroa,  nunha posición elevada e con ampla visibilidade. Naquel solar logrou facer as cimentacións  do edificio e erguer as paredes de pedra do presbiterio, do cruceiro e parte da nave, que quedou incompleta e sen tellado. Nese período fíxose un investimento de 79.313,10 pesetas. Ademais contouse cunha importante aportación da poboación da localidade, que colaborou na escavación dos alicerces, na extracción de pedra e na construción dos primeiros muros.

D. José Iglesias Blanco, natural de Losón (Lalín), cura ecónomo da parroquia inmediata de san Mamede das Trabancas,  foi o encargado de relevar a D. Manuel Martínez e atender a parroquia de Ferreiroa desde xuño de 1956 ata agosto de 1958.

No referente ás obras do novo templo, D. José Iglesias só puido investir a cantidade de 500 pesetas, que en ausencia de datos, supoñemos que se destinarían a proseguir co alzamento dos muros da nave.  Neste curto período ao fronte da parroquia a súa maior aportación foi a tramitación e consecución da cantidade de 34.100 pesetas do Fondo do Paro Obreiro do Ministerio de Traballo, que quedarían íntegras para ser executadas polo crego entrante, xuntamente con outras 400 pesetas de donativos.

D. Luís Rodríguez Vázquez, natural de Fondevila – Casadenaia (Antas de Ulla), sucedeu a D.

José Iglesias no cargo de cura-ecónomo da parroquia de Ferreiroa. Chegou a Agolada o 5 de agosto de 1958.  Moi pronto se decataría da responsabilidade de acometer o remate daquel templo do que restaban por facer case dous terzos das obras. Con toda a xuventude e ímpeto dos seus 25 anos,  retomou as numerosas  xestións dos seus predecesores  para conseguir fondos diante do Bispado, do Ministerio de Xustiza, do Ministerio de Traballo, do Ministerio de Vivenda, do Ministerio de Facenda (Dirección Xeral do Tesouro), do Concello, da Deputación Provincial de Pontevedra, a Dirección Xeral de Asuntos Eclesiásticos, a Caixa de Aforros de Vigo e da Hermandad de Labradores. Como resultado tanxible destas xestións obtivo  425.696 pesetas en 13 subvencións diferentes, que detallamos no seguinte cadro:

Data

ORGANISMO

CANTIDADE

11-12-59

Caixa de Aforros de Vigo (oficina de Agolada)

1.500

2-4-60

Ministerio de Traballo

34.300

9-6-60

Hermandad de Labradores

4.000

12-9-60

Ministerio de Traballo

44.100

16-12-60

Ministerio de Xustiza (a través do Bispado)

4.685

10-3-61

Ministerio da Vivenda ( a través do Bispado)

7.500

15-9-61

Ministerio de Facenda. (Dirección Xeral do Tesouro)

240.611

16-9-61

Caixa de Aforros de Vigo (oficina de Agolada)

1.500

20-7-62

Caixa de Aforros de Vigo (oficina de Agolada)

2.500

21-9-62

Bispado de Lugo

25.000

14-12-62

Deputación Provincial de Pontevedra. Servizos Técnicos

20.000

28-1-63

Concello de Agolada

10.000

13-8-64

Dirección Xeral de Asuntos Eclesiásticos

10.000

Todas as xestións conlevaron moitas viaxes, que se multiplicaron cara a Lugo (ata 21 veces, a maioría para ir ao Bispado a tramitar subvencións, cobrar as mesmas, a visar os proxectos, elixir materiais con provedores, etc.), a Pontevedra (en 8 ocasións, para entrevistas con autoridades ou a cobrar subvencións), a Santiago (tres veces, unha para tramitar unha subvención, a segunda para cobrar a subvención e a outra para a compra de imaxes para a igrexa), a Monterroso, a Monforte, a Artoño, a Lalín, a Escairón, a Melide, a Palas de Rei, a Friol, a Santa Cruz de Ribadulla, a Ourense, a Vilagarcía, a Lalín, a Antas de Ulla. Estas últimas viaxes referenciadas estiveron motivadas pola compra de distintos materiais de obra (madeira de piñeiro, madeira de castiñeiro, ladrillo, cemento, area, ferralla..), facer pagos, compra de obxectos litúrxicos e para contratacións de obreiros.

Tamén se aplicou en buscar outras vías de financiamento: organizou petitorios nos días de feira entre os asistentes ao mercado, destinou as colectas dominicais das misas para a construción do novo templo, promoveu varias colectas de donativos entre os fregueses da parroquia, en distintas ocasións e para fins concretos.  Co mesmo obxectivo elevou a diferentes lugares, parroquias, particulares de diferentes zonas de España, cartas solicitando donativos para a construción da igrexa. E, a xulgar polos apuntamentos que figuran no Libro de Fábrica, a campaña tivo bastante éxito, onde uns aportaron diñeiro en metálico e outros poucos doaron material litúrxico de moito valor.

Foron significativos igualmente os donativos que conseguiu de persoas da contorna inmediata á parroquia.

E mesmo houbo que organizar unha última colecta en metálico algún tempo despois da inauguración da igrexa. O motivo fora que un forte temporal rompera os cristais das ventás da igrexa e algúns outros desperfectos. O recadado sería para sufragar todos os danos causados polo temporal.

No reitorado de D. Luís Rodríguez podemos establecer aproximadamente unha cronoloxía das obras, baseándonos nos pagos que ía realizando ou na compra dos materiais que se estaban a empregar na obra:

ANO 1958

 

Nos catro meses que restaban para rematar o ano, D. Luís realiza unha certificación de obras e paga varios xornais aos canteiros, polo que é de supoñer que nese momento proseguían coa construción das paredes laterais da nave.

ANO 1959

 

Seguen a traballar os canteiros nos muros, unha cuadrilla de Agolada, dirixidos por Manuel López, e outra cuadrilla de canteiros de Escairón (Lugo) co mestre Aquilino Sobrado ao fronte. Polos pagos que se realizaron de madeira e pizarra e mesmo por unha reparación no tellado, podemos deducir que parte da igrexa (o presbiterio, o cruceiro)  xa estaba tellada provisionalmente naquel momento.

En novembro daquel ano, Bernabé de Lalín volve facer fotografías das obras para as certificacións pertinentes.

ANO 1960

 

Cremos que aínda se estaban a rematar os últimos traballos de canteiría. Acabados estes, procedía visar os planos da cuberta e da viga perimetral, que serviría de soporte para a bóveda de canón. Execútase esta viga e comézase a bóveda, realizada a base de ladrillo, formigón, catro arcos formeiros e resólvese a cabeceira do presbiterio cunha bóveda de cascarón, tamén executada con ladrillos e formigón. Para conseguir isto último foi preciso colocar unha segunda parede en semicírculo, de ladrillo, deixando unha cámara no fondo do presbiterio. O cascarón apoia nesta parede, deixando a parede traseira, de cantería, sen outra función que a de preservación da de ladrillo fronte á intemperie.

Neste mesmo ano iníciase a cuberta definitiva do templo, colocando pontóns e doela de castiñeiro e sobre esta un lousado de pizarra regular.

Simultaneamente execútase a fundición da plataforma base da torre-campanario. Tamén se van realizando traballos de carpintería e de electricidade no interior do templo. Colócanse tamén os ventanais e os cristais.

ANO 1961

 

Execútanse traballos de albanelería, recébanse os paramentos e a bóveda, as paredes exteriores. Colócase o portal metálico da igrexa, elaborado no taller de Javier Paredes, instálase a pía bautismal de mármore branco.

Colócase un altar provisional para poder celebrar actos litúrxicos, aínda sen rematar as obras. E encárgase a campá.

ANO 1962

 

Execútase a torre-campanario, instálase o pararraios e a campá, remátase a carpintería e os bancos, finalízanse as sancristías laterais e colócase  baldosa en todo o pavimento interior.

Colócase o novo altar de mámore, cun gran crucifixo presidíndoo, sagrario e candelabros e as figuras dos Sagrados Corazóns na parede traseira do presbiterio.

En setembro deste ano inaugúrase o templo despois de acondicionar e urbanizar o adro exterior da igrexa (valado perimetral, escalinatas, cancela de ferro e un mínimo axardinamento).

 Para todos os traballos realizados polos distintos operarios que interviron ao longo dos anos nas obras da igrexa de Agolada, subscribiuse unha póliza de Seguro de Accidentes no Traballo, que se pagou trimestralmente .

PLANIFICACIÓN TÉCNICA DA OBRA

Tendo en conta que nos pagamentos realizados polas obras da igrexa de Agolada non figura

Vicente Torreiro Sarandeses
ningún apartado destinado a honorarios de arquitecto. E que por outra parte, saibamos que en varias ocasións se acudiu a Lugo para visar os planos da obra, só nos cabe deducir que ditos planos fosen artellados conxuntamente polos diferentes mestres de canteiros e albaneis seguindo as directrices do párroco promotor. E que no proceso de construción, cóubolles a estes a resolución dos diferentes problemas técnicos encontrados. Sabemos que na fase de albanelería, desde os inicios de 1960 e ata setembro de 1962, cando se tivo que executar a bóveda de canón e a torre-campanario, ambas tarefas de resolución complicada, foi o albanel da localidade Vicente Torreiro Sarandeses  quen afrontou a parte técnica nas fases de planificación e execución. E á vista do resultado observado nos 60 anos posteriores, con pleno acerto.



CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS DA OBRA

O templo concebiuse como un edificio amplo e luminoso, cunha soa nave e planta de cruz latina. Nos ángulos dos brazos pequenos do cruceiro situaríanse as dúas sancristías. E a fachada principal coroaríase cunha esvelta e elevada torre-campanario.

Todas as paredes do templo foron construídas en cachotería de granito e perpiaño nos ángulos das mesmas e nas ucheiras e linteis das portas e das ventás principais.

Obras de cantería do templo rematadas, Arquivo da Deputación.

A bóveda resolveuse con ladrillo e ferro, así como os arcos formeiros de nervadura que reforzan a bóveda.

Toda a superficie do tellado de pizarra está montada sobre estrutura de madeira de castiñeiro e vai apoiada nas nervaduras da bóveda, anteriormente citadas.

As columnas existentes na entrada da igrexa foron erguidas con pezas de perpiaño e elévanse ata a base da torre-campanario. Sobre elas descansa a metade do peso da torre.

Outras dúas columnas están aos lados da nave central, á entrada do cruceiro. Son de formigón e forman unha soa peza coas cornixas. Ditas cornixas percorren os dous lados da nave e son a parte visible dunha gran viga de formigón, que forma un anel que abrangue todas as fachadas para darlle cohesión aos muros e evitar o emprego de contrafortes. E ao mesmo tempo, con vistas a unha posible futura ampliación da nave central, poder sustentar a bóveda  coa substitución dos muros por dúas ou tres columnas de cada lado.

As demais columnas existentes na igrexa, acaroadas ás paredes, non son máis que elementos decorativos, construídas  con ladrillo. Tan só as que figuran á beira das portas de ambas sancristías desempeñan unha pequena función de descanso do arco que as une.

A parede curva que presenta a traseira do presbiterio, onde están situadas as peanas das imaxes é tamén de ladrillo e deixa unha cámara coas paredes exteriores, que son rectangulares e de cachotería de pedra.

Antonio do Cureixas e Vicente Torreiro tabicando a traseira do presbiterio

A sancristía principal ten as paredes de cachotería de pedra, con cámara de aire, pavimento de baldosa sobre soleira de cachotes e escorias de carbón, empregadas como material illante.

A segunda sancristía ou almacén está construída con ladrillo, tamén con cámara de aire, pavimento de baldosa e nela instalouse un aseo e o cuarto de limpeza, ao igual que un local de usos varios.

O coro da igrexa foi construído en dous niveis para permitir maior altura no vestíbulo da entrada. Na súa construción colocáronse dúas fortes vigas de formigón apoiadas nas paredes e a plataforma fundiuse cunha lousa de ferro, ladrillo e cemento. O pavimento do coro é de baldosa axedrezada.

O pavimento da igrexa colocouse con baldosa branca con manchas negras no presbiterio e no resto do templo, baldosa negra con aplicacións brancas.

O pavimento do vestíbulo da entrada e o chanzo que marca o inicio do presbiterio fíxose con terrazo fundido e puído en obra. Todo o pavimento da igrexa descansa sobre unha capa de pedra machacada e apisoada duns 60 cms de espesor.

No presbiterio, por encima da pedra machacada colocouse unha capa de escorias de carbón para illar e aportar maior resistencia á capa de base.

Vista da igrexa desde o coro alto

Ao longo de toda a nave, baixo a baldosa, polo centro, deixouse un canal de drenaxe que vai desde o altar ata catro metros antes da entrada, onde o canal se bifurca para cada un dos lados. 

A torre-campanario realizouse en formigón. Apóiase nunha forte base soportada por dúas columnas de perpiaño e pola parede da fachada. Sobre esta  base colocouse unha consistente lousa de formigón. A torre consta de tres corpos. O primeiro é un cubo cuadrangular con aberturas en arco de medio punto en cada un dos lados. Na abertura que dá á fachada colocouse a campá. Rematouse este corpo cunha sinxela cornixa de dúas molduras rectas. 

Sobre o cubo do primeiro corpo colocouse outro corpo con forma de prisma hexagonal, que aloxa unha abertura rematada en arco en cada un dos seus lados. Igualmente, coroouse cunha moldura sinxela na cornixa. O terceiro corpo é una pirámide cega de base hexagonal e con gran altura. Sobre esta colocouse unha artística cruz de ferro galvanizado e detrás dela ocúltase o pararraios.

Momento da colocación da cruz
na torre campanario. Foto cedida
por Jesús Negro Pallares.

No exterior, na parte do adro da fachada, construíuse unha escalinata con sete chanzos de pedra granítica e con cinco metros de anchura, a continuación da escalinata fíxose unha rampla de formigón coa mesma anchura ca a escalinata, que leva ata unha plataforma rodeada de tres amplos chanzos de pedra, a cal precede á porta principal do templo.

O espazo do adro é amplo e deixouse previsto para crear un paseo circunvalatorio arredor da igrexa. O adro pechouse cun sólido muro de cachotería granítica e na fachada principal procedeuse a nivelalo  con material extraído da canteira que existiu na parte posterior da igrexa.

O Altar Maior  da igrexa está feito dunha soa peza de mármore negro, apoiado sobre catro columnas do mesmo material. E todo o conxunto descansa  sobre un elevado entarimado de mármore negro e branco con tres chanzos de acceso. Na parte central e traseira do altar ergueuse unha columna de ladrillo e formigón que serve de base e soporte á gran cruz que preside a igrexa ao mesmo tempo que serve de apoio a todo o altar (Este altar foi reformado ao amparo do Concilio Vaticano II. Con ese motivo foi trasladado ao inicio do presbiterio para que o sacerdote se situase detrás do altar mirando aos fregueses. E onde estaba anteriormente o altar construíuse outro para seguir soportando o sagrario e os candelabros).

APORTACIÓNS EN METÁLICO DOS VECIÑOS DA LOCALIDADE

Os veciños de Agolada, Bidueiros e O Pontillón, os verdadeiros interesados en ver construída a igrexa de Agolada, contribuíron co seu esforzo e coa súa ilusión a ver realizada esta aspiración.

Puxeron o seu traballo persoal para realizar a escavación do soar, participaron na extracción e arrastre de pedra desde a canteira ata a obra en repetidas ocasións. Participaron moi activamente nos traballos de fundición das partes construídas con formigón, entre as cales destacaron pola súa dificultade a do anel da nave central e a resolución da torre-campanario. E ademais aportaron os seus cartos en cantidades significativas, tendo en conta  as humildes economías de posguerra da maioría do vecindario. 

Creo que é de xustiza deixar constancia aquí dos nomes de todas as persoas que fixeron algunha aportación voluntaria en metálico ou en doazóns directas de algún elemento para a consecución da esperada igrexa. Quere representar unha sinxela homenaxe a todos os que promoveron e que colaboraron co seu esforzo na obra pública que mellor concentrou a solidariedade veciñal e comunitaria de cantas se realizaron na vila aqualatense. En todo o proceso foi importante a decisión e o emprendemento inicial, o labor animoso dos párrocos, as aportacións orzamentarias das administracións e singularmente, o esforzo cidadán, xeral e solidario, dos naturais e dos foráneos.

Estas aportacións fixéronse repetidas veces e para diferentes momentos e fins: para os bancos da catequese, para a campá, para diferentes etapas das obras, para a torre-campanario, para os bancos da igrexa, para os desperfectos causados por un temporal…

Ademais de recaudar fondos con petitorios persoa a persoa nos días de feira, vendeuse lotería de Nadal con recargo específico, destináronse a este fin as colectas das misas que se fixeron nos anos das obras, etc.

Deixamos a continuación unha relación dos veciños que fixeron donativos para as obras da igrexa por orde alfabética dos nomes, expresando a residencia de cada un entre parénteses:

Alfredo García Diéguez (Agolada), Alfredo Ramos Vázquez (Agolada), Alfredo Vázquez Villanueva (Agolada), Amador Fernández Cajide (Agolada), Amador Vázquez Méndez (Agolada), Andrés Lareu (secretario do xulgado de Agolada), Antucho González García (Agolada), Antonio Sarandeses Costa (Agolada), Antonio Vilariño Calviño (Bidueiros), Antonio Vilariño Soengas (Agolada), Antonino Miguélez Vilar (Agolada), Aquilino García Negro (Agolada) , Aquilino Sarandeses López (Agolada), Argimiro Borrajo  (Agolada), Aurora Meijide (Agolada), Aurorita López Canteli (Agolada), Baldomero Vázquez Val (Agolada), Barbeiro Varela (Agolada), Bautista Sarandeses  González (O Pontillón), Benigno González (Agolada), Benito Negro García (Agolada), Camilo García Méndez (Bidueiros), Camilo Gutiérrez (Agolada), Carlos Couso Pazos (Agolada), Carmen Gil López (Agolada), Celso Vilariño Soengas (Agolada), César Lorenzo Peón (Agolada), César Méndez Vázquez (Agolada), Clemente Blanco (Agolada), Concepción Leiva (Agolada), Constantino García Méndez (Agolada), Daniel Vázquez (Agolada), David Ramos Vázquez (Agolada), Desiderio Varela (Agolada),  Dolores Fontanes Coego (Agolada), Dolores Méndez (Bidueiros), Eduardo García Varela (de Bidueiros), Eduardo Otero Fernández (Agolada), Eladio Roca (Agolada), Eladio Sixto Mosteiro (Agolada), Eloy González Otero (Agolada), Elvira García (Agolada), Emilio Galego (Agolada), Esperanza Ríos Silva (Agolada), Eugenio Blanco Fernández (Bidueiros), Eugenio Otero Fernández (Agolada), Enrique Barcala Loureiro (Agolada), Evaristo Moure (Agolada), Facundo Blanco (Agolada), Fernando Pardo (Agolada), Francisco Fontanes García (Bidueiros), Gumersindo Sarandeses (Bidueiros), Hortensia Barreiro (O Pontillón), Hortensia, Carmela e Rosana García Peleteiro (Agolada), Javier González Paredes (Agolada), Jesús Blanco García (O Pontillón), Jesús Fernández Vilariño (Ferreiroa), Jesús Galego (Agolada), Jesús García Vázquez (Agolada), Jesús Meijide Otero (Agolada), Jesús Sarandeses López (Agolada), Jesús Villaverde (O Pontillón), José Barreiro Martínez (Agolada), José Blanco Cuñarro (Agolada), José Coego de María Manuela (Agolada), José Buján Varela (Agolada), José Coego - Felipe (Agolada), José Currás (Agolada), José Diéguez Calviño (Agolada), José Eiras Val (Agolada), José Ferreiro Jácome (Bidueiros), José Fraga Fernández (Bidueiros), José Fraga Negro (Bidueiros), José García Álvarez (Agolada), José García Cancelo (forestal de Agolada), José García Piñeiro (Agolada), José García Regueira (Agolada), José García Torreiro (A Costa), José González Otero (Bidueiros), José Hermida Guerra (Agolada), José López España (Agolada), José Meijide Blanco (Agolada), José María Barrio Negro (Agolada), José Otero Fernández (Agolada), José Rivas Pardo (Agolada), José Sarandeses López (Agolada), José Tarrío Vázquez (Agolada), Josefa Blanco (Agolada), Josefa Pardo (Agolada), Juan Vilar Quintá (Agolada), Julia Faílde (Agolada), Julio Castro Coego (Agolada), Julio Yebra Pimentel (Agolada), Luís López Novo (Agolada), Luís Reboredo Gómez (Bidueiros), Luís Rodríguez Vázquez (cura de Agolada), Luís Vilar Barrio (Agolada), Manuel Barrio (Agolada), Manuel Blanco, Mutilado,  (Agolada), Manuel Fernández Gallego, Lousa, (Agolada), Manuel Fernández Lamazares (Agolada), Manuel Galego Iglesias (Agolada), Manuel García Costa (A Costa),  Manuel García Torreiro (Agolada), Manuel Méndez García (Agolada), Manuel Peleteiro Pazos (Agolada), Manuel Regueira (Agolada), Manuel Sarandeses López (Agolada), Manuel Sieiro España (Agolada), Manuel Varela Abeledo (Agolada), Manuel Vázquez Amboage (Agolada), Manuel Vence (O Pontillón), Manuel Vilar Seco (Agolada), Manuel Vilariño Millares (Bidueiros), Manuela Diéguez Diéguez (Bidueiros),  María Couso Pazos (Agolada), Maripepa Blanco (Bidueiros), Maruja Rial (Agolada), Nieves Gómez (Agolada), Nieves Pulido (Agolada), Obdulia Pereiro (Agolada), Ofelia Pallares (Agolada), Óscar Coego Seijas (Agolada), Ovidio Galego Pampín (Agolada), Prudencio Vidal Mejuto (Agolada), Ramiro Soengas García (Agolada), Ramiro Barrio Negro (Agolada),  Ramón Barrio Vilar (Bidueiros), Ramona Fraga-Casa do Trabancas (Agolada), Ricardo García Regueira (Agolada), Salustiano Casares (Agolada), Santos Vilar Barrio (Agolada), Secundino Fernández López (Agolada), Segundo Abeledo Vilariño (Agolada), Ulrico Sarandeses (Agolada), Urbano Fernández (Agolada),  Venancio Barreiro (Bidueiros), Vicente Torreiro Sarandeses (Agolada), Víctor Vilariño Taboada (Agolada), Víctor Vilariño Soengas (Bidueiros).

Dolores Fontanes Coego de Agolada fixo doazón da Pía Bautismal.

A maior parte dos 41 bancos da igrexa foron doados por familas da vila.

Dous maceteiros de madeira foron doados por César Lorenzo Peón.

RELACIÓN DE FORÁNEOS QUE FIXERON DONATIVOS EN METÁLICO PARA A CONSTRUCIÓN DA IGREXA

Albino Vilar (Órrea), Antonio Calviño (cura de Parada), Antonio Diéguez (Gurgueiro), Antonio Miguélez (xastre de Esperante), Antonio Santamaría (Barcelona), Avelina Vázquez Vilariño (mestra de Brántega), Concepción Barazón (Barazón-Santiso), D. Daniel Cayón (Jefe de Correos de Santander), Dr. D. Enrique Saez (Madrid), Esther (mestra de Esperante), Esther Vázquez Barrio (mestra de Brántega), Eugenia Iturbe Villaba (Navarra), Florentino Carballude (Palmou-Lalín), Francisco Fernández (Friufe), Isaura Cumplido (O Castelo-Cadrón), Jaime Vilariño (Lalín), Jesús Varela (Paredes), José Coucheiro (mestre de Arzúa), José Elósegui (San Sebastián), José Iglesias Blanco (Cura das Trabancas), José Jacobo (Santa Comba), José Varela (mestre xubilado de Artoño), José Vázquez Vilariño (cura de Adá), Julio Yebra Pimentel (Santiago), Lope Casero Hernández (Cidade Real), Luís (dentista de Ponteareas), Luís Rodríguez,  Manuel Asorey (Órrea), Manuel Castro Castro (cura de Moimenta-Lalín), Manuel Diéguez (cura de Vilariño), María Cortizo (Prado), Margarita e Lurdes, María Patrocinio Vallejo (Bilbao), Pío García Souto (cura de Brántega), Rafael Vilariño (cura de Brántega), Ramón Barba Matas (Tarrasa-Barcelona), Ricardo Herrero Villaverde (San Sebastián), Rosa Fontecha (Logroño), Rosa Fuentes Gómez (Mondariz), Sr. cura de Guillar, Sr. Bispo da Diocese, Señores de Vallejo (Bilbao), Vicente Barneta (Durango-Biscaia), Viúda de Pazos (Vilagarcía)…

DONATIVOS DE ELEMENTOS CONCRETOS

A familia de Blas, de Madrid, doadora do sagrario, 
entre o crego, D. Luís, e a súa irmá, Carmen.
Familia De Blas (Madrid), doazón do sagrario. 

Familia de Olot (Xirona), doazón de casullas e outras vestiduras litúrxicas.

Dous búcaros de cristal doados pola familia Sabariz de Lugo.

O soporte da lámpada de pé, en metal, doado por Mª Asunción Cotón.

Un carrillón de monaguillo doado por Manuel Otero Fernández, residente na Coruña.

Unha custodia de metal dourado doada pola familia Rubio de Valencia. 

REPERCUSIÓN NA ECONOMÍA DA LOCALIDADE

O período de construción da igrexa de Agolada (1946-1962) foi un revulsivo que axudou a dinamizar a economía da localidade e dos arredores. Aos numerosos profesionais (canteiros, albaneis, carpinteiros, electricistas, cerralleiros, madeiristas, campaneiros, transportistas, etc) da zona que interviron no levantamento do novo templo,  houbo que sumarlle un número importante de xornaleiros que encontraron nesta obra unha oportunidade para sumar uns ingresos complementarios ás súas maltreitas economías.  Foi tamén un momento de actividade en auxe para moitos almacéns de materiais, marmolerías, cristalerías, ferraxerías, serradoiros.  E outros comercios da localidade tamén viron como esta actividade repercutía positivamente no seus balances: bares, fondas, casas de comidas, estanco, taxistas, etc. O comercio local tamén deixou ver as súas carencias e varias mercadorías ou material especializado houbo que acudir a cidades próximas para adquirilos (mármores, vidreiras, pararraios, material litúrxico, imaxinería, baldosa…)

RELACIÓN  DE  PERSOAL, OBREIROS E PROFESIONAIS QUE TRABALLARON NA CONSTRUCIÓN DA IGREXA DE AGOLADA 

Canteiros

Cuadrilla de Manuel López: Antonio Sobrado Fernández, Arturo López Val, Francisco Fontanes Sánchez, Jesús Tarrío Vázquez, Eugenio Faílde, Alfonso Faílde, Alfonso López e Jesús Cumplido.

Cuadrilla de Aquilino Sobrado Iglesias: Antonio Sobrado Fernández, Arturo López Val, Fernando Mato Negro, Mario García Méndez, Perfecto Faílde Oro, Eugenio Faílde Fernández, Ricardo García Regueira, Víctor Vilariño Soengas, José Taboada, Virgilio García Piñeiro

Outros: Celso González, Jesús Blanco, Manuel Pereiro, Javier Poceiro, Roberto Méndez, Gumersindo Sieiro…

Canteiros de Friol e de Escairón.

Arrincadores de pedra de San Paio de Bais

Albaneis

Cuadrilla de Vicente Torreiro Sarandeses: Antonio Vilariño Soengas, Virgilio García Piñeiro, Jesús Negro Pallares, Manuel Sarandeses Pallares, Ovidio Vilariño Soengas, Jesús Sarandeses López, Claudio Josenge Leiva, Amador Vázquez García, Francisco Fontanes, Jesús Blanco, José García Regueira, Ricardo García Regueira, José Tarrío, Baldomero Vázquez, Ramón, o Mudo de Borraxeiros; Pepe do Castelo, Sindo do Castelo.

Cuadrilla de Fernando Vidal del Río: Santiago Villaverde, Ismael García

Paleadores de area de Moimenta.

Carpinteiros

César Lorenzo Peón, Aquilino García Negro,  Antonino Miguélez Vilar

Cerrallería

Javier González Paredes

Serradoiro

de madeira

José Benito Negro García

Reparadores do tellado

Dionisio Fernández, Ramiro Sarandeses

Transportes

Fausto García Piñeiro, Jesús Meijide Otero, José Benito Negro, Óscar Coego, Alfonso Vidal Fernández, Jaime Vilariño

Portes de auga de obra

José Castor Diéguez (portes de bidóns de auga, para elaborar o morteiro, desde a fonte da praza ata a igrexa coa carreta tirada polo cabalo).

Marmoleiros

Obreiros de Marmoleira Galega

Instaladores de terrazo

Obreiros de Frando de Lugo

 

Colocación pararraios

Persoal de Electro Radio de Lugo.

Axente de Seguros

Manuel Galego Iglesias

Fotógrafos das obras

Bernabé de Lalín

Manuel Galego Iglesias

Instalador eléctrico

José Santas


PROVEDORES DE MATERIAIS NA CONSTRUCIÓN DA IGREXA 


Pedra de granito

Foi arrincada nas inmediacións polos veciños da parroquia e por unha cuadrilla de obreiros de Bais.

Madeiras de pino e castiñeiro

David Fernández Gallego, José Fraga, Jesús Fernández de Ferreiroa, Darío do Grilo de Amoexa, Sr. de Beloíde, Benito Negro García, Manuel Fernández Lamazares, Ramón Barrio Vilar.

Pizarra

Jesús Meijide, Dositeo Fernández de Lugo

Cemento, area , ladrillo, tella…

Luís Sabariz, Ramonciño de Filgueira, Jesús Meijide, Eduardo Otero, Arias Amedín, Manuel de Segundo de Monterroso, Almacén de Meixide,Telleira do Toxo, Cabrito de Monterroso, Luís Vilar, Manuel Salgado de Monterroso, Lázara de Silleda, Dositeo Fernández de Lugo, José Hermida Guerra.

Ferralla

Javier González Paredes, Severino Martínez de Lugo.

Material de ferraxería

Jesús García Vázquez, Ferretería Asturiana de Lugo.

Pezas de carpintería

Cesar Lorenzo Peón, Antonino Miguélez Vilar e Aquilino García Negro.

Vidros

Vidrería Lara de Lugo,

Mármores

Marmoleira Galega

Material de Droguería

Urbano Fernández

Baldosa

Frando de Lugo

Material Eléctrico

José Santas

Uralita

Alfredo García

 OUTROS PROVEDORES 

Búcaros para flores

Porto de Santiago

Candelabros de madeira

César Lorenzo Peón

Campá

Plácido Taboada de Moneixas

Custodia

Pontevedra

Imaxes dos Sagrados Corazóns e Crucifixo

Hijos de Rivas. Santiago

Bancos de castiñeiro

César Lorenzo Peón

Pía bautismal

Aurelio López de Lugo

Pararraios

Electro Radio de Lugo

Material Litúrxico

Hijas de Tato. Lugo

Candelabros, lámparas e sagrario

Bermello de Ourense

Altar maior

Marmolerías de Santa Cruz de Ribadulla e Vilagarcía

INAUGURACIÓN DA IGREXA. CONSAGRACIÓN DO ALTAR

Superadas todas as dificultades e traballos habidos na construción do flamante templo agoladés, chegou o solemne día da inauguración.

O Sr. Bispo de Lugo, acompañado por un nutrido séquito, diríxese á nova igrexa para a súa inauguración. 
Do arquivo de Manuel Galego Iglesias.

D. Luís Rodríguez, o párroco, quen se sentía “obxecto da especial bendición do Señor ao ver terminadas as obras de dito templo”, convocou para este día tan esperado ao Sr. Bispo de Lugo, D. Antonio Ona de Echave, á Corporación Municipal de Agolada, ao clero da zona de Agolada,  outras autoridades locais e aos seus fregueses.

Aquel  21 de setembro de 1962,  o Sr. Bispo da Diocese é recibido na praza de Agolada e desde alí diríxese á recén construída igrexa dos Sagrados Corazóns de Agolada, acompañado por un nutrido séquito de veciños, membros do Clero e autoridades.  Entra no templo, ilustrado amplamente polas detalladas explicacións do párroco e a continuación iníciase a cerimonia na que se procede  á Consagración do Altar Maior, no cal se depositan as reliquias dos mártires San Espacioso e san Felicísimo, nunha gabeta practicada na mesa do propio altar.  As reliquias foran autenticadas o día anterior no Palacio Episcopal de Lugo e trasladadas solemnemente á nova igrexa de Agolada polo Mestre de Cerimonias da Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo, D. Constantino López  López. Asistiron como testemuñas da cerimonia os canónigos D. Daniel Sarandeses  Rodríguez e D. Abel Vázquez García (ambos canónigos agoladeses, de Borraxeiros e das Trabancas, respectivamente), os capeláns do Sr. Bispo e o clero da zona. 

Consagración do Altar Maior
Seguidamente, o Sr. Bispo declara inaugurado o templo, coa xeral satisfacción e alegría dos presentes.

O acto foi secundado no exterior con toque da campá e lanzamento de fogos artificiais. E remataría cun banquete no bar de Antucho González, con participación dos citados invitados e aqueles veciños que quixeron sumarse, previa retirada dunha tarxeta-invitación. Queremos deixar constancia de que dúas doadoras que aparecen rexistradas como Margarita e Lurdes, aportaron a cantidade de 5.000 pesetas destinadas a sufragar os gastos da inauguración.

EPÍLOGO. REFLEXIÓN

Desde a inauguración da igrexa transcorerron 61 anos. Nese tempo, o templo experimentou algunhas obras de conservación e melloras (pintura, retellado, substitución de algún elemento de carpintería, reforma do altar maior no presbiterio, colocación de novas vidreiras  e lámparas e novo portalón de entrada, que foron doazóns de particulares da vila (Manuel Peleteiro Pazos  e Elia López Barredo, xunto a Jesús Meijide Otero e Hilda España Galego).  Pero, nunha simple inspección ocular, obsérvanse no edificio patoloxías que afectan ao seu correcto estado de conservación.

            Na miña humilde consideración, estimo urxentes obras de mellora na estanqueidade e illamento do tellado, así como a limpeza e consolidación do formigón da torre-campanario.. Igualmente, considero perentorio acometer tarefas para unha mellor drenaxe da soleira e para evitar a humidade por capilaridade nos paramentos verticais.  Tamén procederían tarefas de repintado interior e exterior.

                        Outras melloras son posibles e desexables, como a dotación de calefacción, da que sempre careceu, a construción dun pórtico diante da porta principal, etc. 

            Pero todo isto debería formar parte dun plan integral de restauración e mellora do edificio. Para isto cumpriría novamente apelar aos organismos da Administración, ao Bispado, ao Concello, á iniciativa popular e poñer a andar o proxecto. Cómpre que alguén capitanee a idea.  E con isto creo que estariamos actuando con xustiza e corresponsabilidade  cos nosos devanceiros que, en tempos de maiores necesidades económicas, foron capaces de acometer un edificio digno e ambicioso para aquel momento.

            Dicíame o actual párroco, D. José García Pájaro, que esta igrexa en concreto merece especial atención no concello de Agolada, pois de seguir a escaseza de sacerdotes e a involución poboacional das aldeas, non lle parece aventurado o día en que os servizos relixiosos ordinarios se presten nun único templo de cada concello, que no caso de Agolada, por tamaño e situación, sería o da capital municipal. De aí a conveniencia e necesidade de concentrar esforzos e melloras en conservar en perfecto estado  este edificio.

DOCUMENTACIÓN CONSULTADA:

- Libro de Fábrica da Igrexa dos Sagrados Corazóns de Agolada

- Publicacións “Aedificamus Templum” en Facebook de José Ramón Pérez Salgado, investigador natural da Baíña.

INFORMANTES ORAIS:

- D. José Iglesias Blanco, Manuel Fernández Gallego (Lousa), Fausto García Piñeiro, Raquel Vidal Fernández, Marité Negro Cumplido, Álvaro Negro Cumplido, Jesús Negro Pallares, Panadería da Melchora de Melide, Voos americanos de 1945 e 1956.

FOTOGRAFÍAS

Manuel Galego Iglesias, Arquivo da Deputación de Pontevedra, Ton van Vliet, Paisajes Españoles, arquivo da familia Couso Folgueiras, Jesús Negro Pallares e Manuel Busto Galego.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA:

Fachada da igrexa. Arquivo Deputación de Pontevedra

Obras no interior do templo. Arquivo Deputación

Obras na fachada. Arquivo Deputación.

Agolada en 1945. Foto aérea do voo americano. En vermello o terreo onde se ía construír a igrexa.

Vista de Agolada coas siluetas da igrexa e o monte Farelo. Toma de Ton van Vliet en 1980






D. Luís Rodríguez Vázquez, párroco de Agolada desde 1958 a 1964

Vista do adro da igrexa, aínda en obras.

Bispo, crego, veciños e autoridades o día da inauguración da igrexa.





Escalinata de acceso ao adro da igrexa

Vista da igrexa desde o ángulo suroeste.






Gobernador civil, alcalde e crego nos Pendellos, despois de visitar a capela das Virtudes.

Primeiros nenos que asistiron á catequese na nova igrexa.


Obras da igrexa. Exterior da cabeceira. Arquivo da Deputación.

                

Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras

Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras

Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras

Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras

                       Agolada, novembro de 2022, sesenta anos e dous meses despois de inaugurada a igrexa.
                                                                                                                          Manuel Busto Galego
Artigo publicado no Anuario de Estudos e Investigacións de Deza (DESCUBRINDO), número 16, 16 de novembro de 2023, páxs. 105-130. ISSN 1139-7527

1 comentario:

  1. Espectacular ó resumo da construcción da igresia, pero pa podela acondicionar faría falla que voltara un cura coma D.Luis, foi un verdadeiro "revolucionario" , no bo sentido da parola. Soupo levar a parroquia e os veciños polo sendeiro que quixo, amén de todos os esforzos que tivo que facer pa xuntar os cartos, case que debaixo das pedras

    ResponderEliminar