12 de xullo de 2024
DEDICATORIA ACRÓSTICA
Xuntos desde A TERRA DO MEDIO,
Onde O ESPERTAR TAMÉN É NOSO,
Soñamos o Farelo NA VERTICAL DA NOITE,
Ensumidos nun periplo fraterno DE IDA E VOLTA.
Viaxamos Á FRAGA ENCANTADA,
Á SOMBRA DA MEMORIA, mentres
Zarzallaba NO CORAZÓN MANCADO,
Queixoso nos BANZADOS tristes dos recordos,
Utópico na ROTACIÓN VIOLETA das arelas,
Enérxico decote, porque A TRIBO SABE
Zafar sempre no proceloso MAR DE BRONCE.
Pendellos nas GÁNDARAS da feira,
Irtos e orgullosos como TERRA E PAN dos ancestros,
NA MEMORIA DO BOI, orgullo da casa,
Tecemos e argallamos moitas MÁIS VIDAS,
OS VELLOS OFICIOS da SEARA,
Rafa e codia NOS ESPAZOS DO SOÑO.
(Para ti, mestre, compañeiro, na lembranza do que nunca deixamos de ser e de sentir e na común devoción pola gándara cernal, corredor de ventos, limpeiro de atmosferas).
3 de febreiro de 2024
A CHEGADA DO TELÉFONO A AGOLADA E A POSTERIOR AUTOMATIZACIÓN
Grupo de veciñas de Agolada diante do locutorio de teléfonos. O banco do interior estaba destinado aos que esperaban turno para falar ou aos que agradaban a resposta dunha conferencia. |
Noticia da solicitude que fai o Concello de Agolada no ano 1895 |
O teléfono, desde que Alexander Garaham Bell o patentara, era un soño acariciado por moitas poboacións. Agolada solicitou a súa primeira liña de teléfono no ano 1895. Aquel soño e aquela solicitude só se farían realidade no ano 1961.
El Pueblo Gallego, 29 de abril de 1961 |
As centraliñas tiñan que ser atendidas por unha persoa, que era a que realizaba as coñexións oportunas entre emisor e receptor da chamada. Entre os da propia vila o asunto era fácil de resolver, cun simple intercambio de clavixas. Pero, cando se trataba dunha chamada a distancia a cousa xa se complicaba e alongábase no tempo. A espera podía superar, algunhas veces, unha hora. Tales chamadas denominábanse conferencias.
- Señorita, quero poñer unha conferencia a Bilbao.
- A que número?
- Ao número 895
- Quede onda o teléfono e a ver se antes dun cuarto de hora consigo a comunicación.
- Grazas, xa espero.
A automatización do teléfono con marcación de roda tardaría 13 anos máis. Daquela os teléfonos tiñan seis cifras, se se chamaba dentro da propia provincia. Se a chamada se realizaba a outra provincia, entón había que marcar os tres números do prefixo provincial, co cal xa chegamos aos nove guarismos actuais.
Actualmente, coa popularización da telefonía móbil, as historias dos teléfonos dunha ou de dúas cifras, resúltanlles incomprensibles e arcaicas ás novas xeracións. Pero, non debería estar de máis saber como foron os inicios da tele-fonía (a distancia-voz).
Setembro de 1974 |
28 de xaneiro de 2024
MEMORANDO DA CONSTRUCIÓN DA IGREXA DOS SAGRADOS CORAZÓNS DE AGOLADA
Vista da cabeceira da igrexa de Agolada, 2021 |
XUSTIFICACIÓN
A
igrexa de Agolada é un templo
convencional, sinxelo, sobrio nas formas e na ornamentación.
Arquitectonicamente posúe escasa relevancia e só destaca polo seu recoñecible
perfil, case icónico, e pola súa funcionalidade.
Con estas premisas, puidese parecer inxustificada a atención que lle dedico ao elaborar este Memorando da súa construción.
Se a razóns me ateño, quizais estas sexan algunhas das que me decantaron a facer este traballo:
-
Merece a miña consideración porque a construción deste edificio representa como
poucos a solidariedade e a unión veciñal de Agolada cara a un obxectivo.
-
Merece a miña atención neste momento porque recentemente cumpríronse 60 anos da súa inauguración.
-
Merece o meu afecto porque o cura párroco que executou a maior parte do
edificio e que o inaugurou, viviu varios anos na miña casa e con el quedaron
lazos de amizade ata o día do seu prematuro falecemento. A súa memoria meréceme
esta deferencia.
-
Merece este meu agarimo e estudo porque o templo de Agolada congregounos e aínda nos congrega en múltiples ocasións,
na cotidianeidade e nos momentos importantes, nas cerimonias felices e nas
despedidas tristes de veciños e familiares.
-
Merece esta miña benquerenza e está moi xustificado que escriba algo ao
respecto para aportalle soporte literario ao extenso arquivo fotográfico que
conseguín reunir arredor da construción da igrexa e dos seus protagonistas.
UN TEMPLO PARA UNHA VILA
Capela das Virtudes, Manuel Busto, 1979 |
Entrada á capela das Virtudes desde os Pendellos. Vicente Risco, 1929 |
Agolada
proseguiu o seu crecemento ao compás da feira, cada vez máis coñecida e
frecuentada. E o grande pulo acadaríao
coa construción da estrada de Lalín a Lugo con paso por este lugar. A
nova estrada, trazada moi próxima ao campo da feira e dos Pendellos, serviu
como catalizador e atractivo para que aquí nacese unha pequena vila. Decenas de
veciños, procedentes de poboacións próximas erixiron as súas casas e os seus
negocios orientando as súas fachadas á nova estrada. Nos trinta anos seguintes
aquela incipiente aldea transformaríase nunha vila dinámica e próspera, cun
incremento significativo de habitantes.
O
constante crecemento demográfico motivou que en 1946 o párroco de Ferreiroa, D.
Manuel Martínez Castro, sentise a urxencia de edificar un novo templo en
Agolada, amplo e suficiente para atender a aquela poboación en aumento
permanente.
Tiveron
que pasar dezaseis longos anos, tres párrocos ao fronte da ardua empresa,
múltiples viaxes e entrevistas, solicitudes e xestións burocráticas para conseguir
ver realizada aquela necesidade e aquela ilusión por acoller ao pobo de Agolada
baixo a bóveda da nova igrexa, congregado coas badaladas sonoras e potentes da recén estreada campá
que chamaba desde a prominente torre do templo.
Vista aérea de Agolada en 1956, coa igrexa sa empezada (Foto do voo americano) |
CRONOLOXÍA DAS OBRAS.
TRES CREGOS E UN TEMPLO
D. Manuel Martínez Castro, natural de Val de Sangorza, era o crego de Ferreiroa-Agolada en
1946. Foi el quen observou a insuficiencia da capela das Virtudes para atender o culto relixioso da crecente poboación da vila de Agolada. Xulgou necesario poñer solución aos inconvenientes derivados dos desprazamentos dos numerosos fregueses de Agolada a Ferreiroa para asistir aos servizos litúrxicos e aos enterros. Atendendo a demandas que seguramente escoitaría dos fregueses; emprendeu, naquela época de posguerra e escaseza económica, a ilusionante e ambiciosa tarefa para erixir un templo novo, amplo e digno en Agolada. Colocouse a primeira pedra o día 4 de maio daquel mesmo ano 1946. El sería o encargado das xestións,
permisos e recadación de fondos para acometer a inxente tarefa, que se
presentaba longa e complicada. Nunha carta que dirixía en agosto de 1949 ao
entón gobernador, D. José Solís Ruíz,
informábao de que en Agolada se estaba a construír unha igrexa por non
existir na localidade mais ca unha “pequena e indecente capela”e solicitaba a
súa cooperación para conseguir recursos económicos, pois xa recorrera en dúas
ocasións ao Ministerio de Xustiza, sen que lle constestasen. O propio Solís
xiraría visita ao concello de Agolada en agosto daquel mesmo ano e nela puido
observar a necesidade que o crego lle presentara.
D.
Manuel Martínez estivo ao fronte da parroquia e das obras ata finais de maio de
1956, e nese período conseguiu un solar amplo, en terreo comunal, entre o campo
da feira das vacas e o camiño de Ferreiroa,
nunha posición elevada e con ampla visibilidade. Naquel
solar logrou facer as cimentacións do
edificio e erguer as paredes de pedra do presbiterio, do cruceiro e parte da
nave, que quedou incompleta e sen tellado. Nese período fíxose un investimento
de 79.313,10 pesetas. Ademais contouse cunha importante aportación da poboación
da localidade, que colaborou na escavación dos alicerces, na extracción de
pedra e na construción dos primeiros muros.
No
referente ás obras do novo templo, D. José Iglesias só puido investir a
cantidade de 500 pesetas, que en ausencia de datos, supoñemos que se
destinarían a proseguir co alzamento dos muros da nave. Neste curto período ao fronte da parroquia a
súa maior aportación foi a tramitación e consecución da cantidade de 34.100
pesetas do Fondo do Paro Obreiro do Ministerio de Traballo, que quedarían
íntegras para ser executadas polo crego entrante, xuntamente con outras 400
pesetas de donativos.
D. Luís Rodríguez Vázquez, natural de Fondevila – Casadenaia (Antas de Ulla), sucedeu a D.
José Iglesias no cargo de cura-ecónomo da parroquia de Ferreiroa. Chegou a Agolada o 5 de agosto de 1958. Moi pronto se decataría da responsabilidade de acometer o remate daquel templo do que restaban por facer case dous terzos das obras. Con toda a xuventude e ímpeto dos seus 25 anos, retomou as numerosas xestións dos seus predecesores para conseguir fondos diante do Bispado, do Ministerio de Xustiza, do Ministerio de Traballo, do Ministerio de Vivenda, do Ministerio de Facenda (Dirección Xeral do Tesouro), do Concello, da Deputación Provincial de Pontevedra, a Dirección Xeral de Asuntos Eclesiásticos, a Caixa de Aforros de Vigo e da Hermandad de Labradores. Como resultado tanxible destas xestións obtivo 425.696 pesetas en 13 subvencións diferentes, que detallamos no seguinte cadro:
Data |
ORGANISMO |
CANTIDADE |
11-12-59 |
Caixa de Aforros de Vigo (oficina de
Agolada) |
1.500 |
2-4-60 |
Ministerio de Traballo |
34.300 |
9-6-60 |
Hermandad de Labradores |
4.000 |
12-9-60 |
Ministerio de Traballo |
44.100 |
16-12-60 |
Ministerio de Xustiza (a través do
Bispado) |
4.685 |
10-3-61 |
Ministerio da Vivenda ( a través do
Bispado) |
7.500 |
15-9-61 |
Ministerio de Facenda. (Dirección
Xeral do Tesouro) |
240.611 |
16-9-61 |
Caixa de Aforros de Vigo (oficina de
Agolada) |
1.500 |
20-7-62 |
Caixa de Aforros de Vigo (oficina de
Agolada) |
2.500 |
21-9-62 |
Bispado de Lugo |
25.000 |
14-12-62 |
Deputación Provincial de Pontevedra.
Servizos Técnicos |
20.000 |
28-1-63 |
Concello de Agolada |
10.000 |
13-8-64 |
Dirección Xeral de Asuntos
Eclesiásticos |
10.000 |
Todas
as xestións conlevaron moitas viaxes, que se multiplicaron cara a Lugo (ata 21
veces, a maioría para ir ao Bispado a tramitar subvencións, cobrar as mesmas, a
visar os proxectos, elixir materiais con provedores, etc.), a Pontevedra (en 8
ocasións, para entrevistas con autoridades ou a cobrar subvencións), a Santiago
(tres veces, unha para tramitar unha subvención, a segunda para cobrar a
subvención e a outra para a compra de imaxes para a igrexa), a Monterroso, a
Monforte, a Artoño, a Lalín, a Escairón, a Melide, a Palas de Rei, a Friol, a
Santa Cruz de Ribadulla, a Ourense, a Vilagarcía, a Lalín, a Antas de Ulla.
Estas últimas viaxes referenciadas estiveron motivadas pola compra de distintos
materiais de obra (madeira de piñeiro, madeira de castiñeiro, ladrillo,
cemento, area, ferralla..), facer pagos, compra de obxectos litúrxicos e para
contratacións de obreiros.
Tamén
se aplicou en buscar outras vías de financiamento: organizou petitorios nos
días de feira entre os asistentes ao mercado, destinou as colectas dominicais
das misas para a construción do novo templo, promoveu varias colectas de
donativos entre os fregueses da parroquia, en distintas ocasións e para fins
concretos. Co mesmo obxectivo elevou a
diferentes lugares, parroquias, particulares de diferentes zonas de España,
cartas solicitando donativos para a construción da igrexa. E, a xulgar polos
apuntamentos que figuran no Libro de Fábrica, a campaña tivo bastante éxito,
onde uns aportaron diñeiro en metálico e outros poucos doaron material
litúrxico de moito valor.
Foron
significativos igualmente os donativos que conseguiu de persoas da contorna
inmediata á parroquia.
E
mesmo houbo que organizar unha última colecta en metálico algún tempo despois
da inauguración da igrexa. O motivo fora que un forte temporal rompera os
cristais das ventás da igrexa e algúns outros desperfectos. O recadado sería
para sufragar todos os danos causados polo temporal.
No
reitorado de D. Luís Rodríguez podemos establecer aproximadamente unha
cronoloxía das obras, baseándonos nos pagos que ía realizando ou
na compra dos materiais que se estaban a empregar na obra:
ANO 1958
|
Nos catro meses que restaban para rematar o ano, D. Luís realiza unha certificación de obras e paga varios xornais aos canteiros, polo que é de supoñer que nese momento proseguían coa construción das paredes laterais da nave. |
ANO 1959
|
Seguen a traballar os canteiros nos
muros, unha cuadrilla de Agolada, dirixidos por Manuel López, e outra
cuadrilla de canteiros de Escairón (Lugo) co mestre Aquilino Sobrado ao
fronte. Polos pagos que se realizaron de madeira e pizarra e mesmo por unha
reparación no tellado, podemos deducir que parte da igrexa (o presbiterio, o
cruceiro) xa estaba tellada
provisionalmente naquel momento. En novembro daquel ano, Bernabé de
Lalín volve facer fotografías das obras para as certificacións pertinentes. |
ANO 1960
|
Cremos que aínda se estaban a rematar
os últimos traballos de canteiría. Acabados estes, procedía visar os planos
da cuberta e da viga perimetral, que serviría de soporte para a bóveda de
canón. Execútase esta viga e comézase a bóveda, realizada a base de ladrillo,
formigón, catro arcos formeiros e resólvese a cabeceira do presbiterio cunha
bóveda de cascarón, tamén executada con ladrillos e formigón. Para conseguir
isto último foi preciso colocar unha segunda parede en semicírculo, de
ladrillo, deixando unha cámara no fondo do presbiterio. O cascarón apoia
nesta parede, deixando a parede traseira, de cantería, sen outra función que
a de preservación da de ladrillo fronte á intemperie. Neste mesmo ano iníciase a cuberta
definitiva do templo, colocando pontóns e doela de castiñeiro e sobre esta un
lousado de pizarra regular. Simultaneamente execútase a fundición
da plataforma base da torre-campanario. Tamén se van realizando traballos de
carpintería e de electricidade no interior do templo. Colócanse tamén os ventanais
e os cristais. |
ANO 1961
|
Execútanse traballos de albanelería,
recébanse os paramentos e a bóveda, as paredes exteriores. Colócase o portal
metálico da igrexa, elaborado no taller de Javier Paredes, instálase a pía
bautismal de mármore branco. Colócase un altar provisional para
poder celebrar actos litúrxicos, aínda sen rematar as obras. E encárgase a
campá. |
ANO 1962
|
Execútase a torre-campanario,
instálase o pararraios e a campá, remátase a carpintería e os bancos,
finalízanse as sancristías laterais e colócase baldosa en todo o pavimento interior. Colócase o novo altar de mámore, cun
gran crucifixo presidíndoo, sagrario e candelabros e as figuras dos Sagrados
Corazóns na parede traseira do presbiterio. En setembro deste ano inaugúrase o
templo despois de acondicionar e urbanizar o adro exterior da igrexa (valado
perimetral, escalinatas, cancela de ferro e un mínimo axardinamento). |
Para todos os traballos realizados polos distintos operarios que interviron ao longo dos anos nas obras da igrexa de Agolada, subscribiuse unha póliza de Seguro de Accidentes no Traballo, que se pagou trimestralmente .
PLANIFICACIÓN TÉCNICA
DA OBRA
Tendo en conta que nos pagamentos realizados polas obras da igrexa de Agolada non figura
Vicente Torreiro Sarandeses |
CARACTERÍSTICAS
TÉCNICAS DA OBRA
O
templo concebiuse como un edificio amplo e luminoso, cunha soa nave e planta de
cruz latina. Nos ángulos dos brazos pequenos do cruceiro situaríanse as dúas
sancristías. E a fachada principal coroaríase cunha esvelta e elevada
torre-campanario.
Todas
as paredes do templo foron construídas en cachotería de granito e perpiaño nos
ángulos das mesmas e nas ucheiras e linteis das portas e das ventás
principais.
Obras de cantería do templo rematadas, Arquivo da Deputación. |
A
bóveda resolveuse con ladrillo e ferro, así como os arcos formeiros de nervadura
que reforzan a bóveda.
Toda
a superficie do tellado de pizarra está montada sobre estrutura de madeira de
castiñeiro e vai apoiada nas nervaduras da bóveda, anteriormente citadas.
As
columnas existentes na entrada da igrexa foron erguidas con pezas de perpiaño e
elévanse ata a base da torre-campanario. Sobre elas descansa a metade do peso
da torre.
Outras
dúas columnas están aos lados da nave central, á entrada do cruceiro. Son de
formigón e forman unha soa peza coas cornixas. Ditas cornixas percorren os dous
lados da nave e son a parte visible dunha gran viga de formigón, que forma un
anel que abrangue todas as fachadas para darlle cohesión aos muros e evitar o
emprego de contrafortes. E ao mesmo tempo, con vistas a unha posible futura
ampliación da nave central, poder sustentar a bóveda coa substitución dos muros por dúas ou tres
columnas de cada lado.
As
demais columnas existentes na igrexa, acaroadas ás paredes, non son máis que
elementos decorativos, construídas con
ladrillo. Tan só as que figuran á beira das portas de ambas sancristías
desempeñan unha pequena función de descanso do arco que as une.
A
parede curva que presenta a traseira do presbiterio, onde están situadas as
peanas das imaxes é tamén de ladrillo e deixa unha cámara coas paredes
exteriores, que son rectangulares e de cachotería de pedra.
Antonio do Cureixas e Vicente Torreiro tabicando a traseira do presbiterio |
A
sancristía principal ten as paredes de cachotería de pedra, con cámara de aire,
pavimento de baldosa sobre soleira de cachotes e escorias de carbón, empregadas
como material illante.
A segunda sancristía ou almacén está construída con ladrillo, tamén con cámara de aire, pavimento de baldosa e nela instalouse un aseo e o cuarto de limpeza, ao igual que un local de usos varios.
O
coro da igrexa foi construído en dous niveis para permitir maior altura no
vestíbulo da entrada. Na súa construción colocáronse dúas fortes vigas de
formigón apoiadas nas paredes e a plataforma fundiuse cunha lousa de ferro,
ladrillo e cemento. O pavimento do coro é de baldosa axedrezada.
O
pavimento da igrexa colocouse con baldosa branca con manchas negras no
presbiterio e no resto do templo, baldosa negra con aplicacións brancas.
O
pavimento do vestíbulo da entrada e o chanzo que marca o inicio do presbiterio
fíxose con terrazo fundido e puído en obra. Todo o pavimento da igrexa descansa
sobre unha capa de pedra machacada e apisoada duns 60 cms de espesor.
No
presbiterio, por encima da pedra machacada colocouse unha capa de escorias de
carbón para illar e aportar maior resistencia á capa de base.
Vista da igrexa desde o coro alto |
Ao
longo de toda a nave, baixo a baldosa, polo centro, deixouse un canal de
drenaxe que vai desde o altar ata catro metros antes da entrada, onde o canal
se bifurca para cada un dos lados.
A
torre-campanario realizouse en formigón. Apóiase nunha forte base soportada por
dúas columnas de perpiaño e pola parede da fachada. Sobre esta base colocouse unha consistente lousa de
formigón. A torre consta de tres corpos. O primeiro é un cubo cuadrangular con
aberturas en arco de medio punto en cada un dos lados. Na abertura que dá á
fachada colocouse a campá. Rematouse este corpo cunha sinxela cornixa de dúas
molduras rectas.
Sobre o cubo do primeiro corpo colocouse outro corpo con forma de prisma hexagonal, que aloxa unha abertura rematada en arco en cada un dos seus lados. Igualmente, coroouse cunha moldura sinxela na cornixa. O terceiro corpo é una pirámide cega de base hexagonal e con gran altura. Sobre esta colocouse unha artística cruz de ferro galvanizado e detrás dela ocúltase o pararraios.
Momento da colocación da cruz na torre campanario. Foto cedida por Jesús Negro Pallares. |
No
exterior, na parte do adro da fachada, construíuse unha escalinata con sete
chanzos de pedra granítica e con cinco metros de anchura, a continuación da
escalinata fíxose unha rampla de formigón coa mesma anchura ca a escalinata,
que leva ata unha plataforma rodeada de tres amplos chanzos de pedra, a cal
precede á porta principal do templo.
O
espazo do adro é amplo e deixouse previsto para crear un paseo circunvalatorio
arredor da igrexa. O adro pechouse cun sólido muro de cachotería granítica e na
fachada principal procedeuse a nivelalo
con material extraído da canteira que existiu na parte posterior da
igrexa.
O
Altar Maior da igrexa está feito dunha
soa peza de mármore negro, apoiado sobre catro columnas do mesmo material. E
todo o conxunto descansa sobre un
elevado entarimado de mármore negro e branco con tres chanzos de acceso. Na
parte central e traseira do altar ergueuse unha columna de ladrillo e formigón
que serve de base e soporte á gran cruz que preside a igrexa ao mesmo tempo que
serve de apoio a todo o altar (Este altar foi reformado ao
amparo do Concilio Vaticano II. Con ese motivo foi trasladado ao inicio do
presbiterio para que o sacerdote se situase detrás do altar mirando aos
fregueses. E onde estaba anteriormente o altar construíuse outro para seguir
soportando o sagrario e os candelabros).
APORTACIÓNS EN METÁLICO DOS VECIÑOS
DA LOCALIDADE
Os
veciños de Agolada, Bidueiros e O Pontillón, os verdadeiros interesados en ver
construída a igrexa de Agolada, contribuíron co seu esforzo e coa súa ilusión a
ver realizada esta aspiración.
Puxeron
o seu traballo persoal para realizar a escavación do soar, participaron na
extracción e arrastre de pedra desde a canteira ata a obra en repetidas
ocasións. Participaron moi activamente nos traballos de fundición das partes
construídas con formigón, entre as cales destacaron pola súa dificultade a do
anel da nave central e a resolución da torre-campanario. E ademais aportaron os
seus cartos en cantidades significativas, tendo en conta as humildes economías de posguerra da maioría
do vecindario.
Creo
que é de xustiza deixar constancia aquí dos nomes de todas as persoas que
fixeron algunha aportación voluntaria en metálico ou en doazóns directas de
algún elemento para a consecución da esperada igrexa. Quere representar unha
sinxela homenaxe a todos os que promoveron e que colaboraron co seu esforzo na
obra pública que mellor concentrou a solidariedade veciñal e comunitaria de
cantas se realizaron na vila aqualatense. En todo o proceso foi importante a
decisión e o emprendemento inicial, o labor animoso dos párrocos, as
aportacións orzamentarias das administracións e singularmente, o esforzo
cidadán, xeral e solidario, dos naturais e dos foráneos.
Estas
aportacións fixéronse repetidas veces e para diferentes momentos e fins: para
os bancos da catequese, para a campá, para diferentes etapas das obras, para a
torre-campanario, para os bancos da igrexa, para os desperfectos causados por
un temporal…
Ademais
de recaudar fondos con petitorios persoa a persoa nos días de feira, vendeuse
lotería de Nadal con recargo específico, destináronse a este fin as colectas
das misas que se fixeron nos anos das obras, etc.
Deixamos
a continuación unha relación dos veciños que fixeron donativos para as obras da
igrexa por orde alfabética dos nomes, expresando a residencia de cada un entre
parénteses:
Alfredo
García Diéguez (Agolada), Alfredo Ramos Vázquez (Agolada), Alfredo Vázquez
Villanueva (Agolada), Amador Fernández Cajide (Agolada), Amador Vázquez Méndez
(Agolada), Andrés Lareu (secretario do xulgado de Agolada), Antucho González
García (Agolada), Antonio Sarandeses Costa (Agolada), Antonio Vilariño Calviño
(Bidueiros), Antonio Vilariño Soengas (Agolada), Antonino Miguélez Vilar
(Agolada), Aquilino García Negro (Agolada) , Aquilino Sarandeses López
(Agolada), Argimiro Borrajo (Agolada),
Aurora Meijide (Agolada), Aurorita López Canteli (Agolada), Baldomero Vázquez
Val (Agolada), Barbeiro Varela (Agolada), Bautista Sarandeses González (O Pontillón), Benigno González
(Agolada), Benito Negro García (Agolada), Camilo García Méndez (Bidueiros),
Camilo Gutiérrez (Agolada), Carlos Couso Pazos (Agolada), Carmen Gil López
(Agolada), Celso Vilariño Soengas (Agolada), César Lorenzo Peón (Agolada),
César Méndez Vázquez (Agolada), Clemente Blanco (Agolada), Concepción Leiva
(Agolada), Constantino García Méndez (Agolada), Daniel Vázquez (Agolada), David
Ramos Vázquez (Agolada), Desiderio Varela (Agolada), Dolores Fontanes Coego (Agolada), Dolores
Méndez (Bidueiros), Eduardo García Varela (de Bidueiros), Eduardo Otero Fernández
(Agolada), Eladio Roca (Agolada), Eladio Sixto Mosteiro (Agolada), Eloy
González Otero (Agolada), Elvira García (Agolada), Emilio Galego (Agolada),
Esperanza Ríos Silva (Agolada), Eugenio Blanco Fernández (Bidueiros), Eugenio
Otero Fernández (Agolada), Enrique Barcala Loureiro (Agolada), Evaristo Moure
(Agolada), Facundo Blanco (Agolada), Fernando Pardo (Agolada), Francisco
Fontanes García (Bidueiros), Gumersindo Sarandeses (Bidueiros), Hortensia
Barreiro (O Pontillón), Hortensia, Carmela e Rosana García Peleteiro (Agolada),
Javier González Paredes (Agolada), Jesús Blanco García (O Pontillón), Jesús
Fernández Vilariño (Ferreiroa), Jesús Galego (Agolada), Jesús García Vázquez
(Agolada), Jesús Meijide Otero (Agolada), Jesús Sarandeses López (Agolada),
Jesús Villaverde (O Pontillón), José Barreiro Martínez (Agolada), José Blanco
Cuñarro (Agolada), José Coego de María Manuela (Agolada), José Buján Varela
(Agolada), José Coego - Felipe (Agolada), José Currás (Agolada), José Diéguez
Calviño (Agolada), José Eiras Val (Agolada), José Ferreiro Jácome (Bidueiros),
José Fraga Fernández (Bidueiros), José Fraga Negro (Bidueiros), José García
Álvarez (Agolada), José García Cancelo (forestal de Agolada), José García
Piñeiro (Agolada), José García Regueira (Agolada), José García Torreiro (A
Costa), José González Otero (Bidueiros), José Hermida Guerra (Agolada), José
López España (Agolada), José Meijide Blanco (Agolada), José María Barrio Negro
(Agolada), José Otero Fernández (Agolada), José Rivas Pardo (Agolada), José
Sarandeses López (Agolada), José Tarrío Vázquez (Agolada), Josefa Blanco
(Agolada), Josefa Pardo (Agolada), Juan Vilar Quintá (Agolada), Julia Faílde
(Agolada), Julio Castro Coego (Agolada), Julio Yebra Pimentel (Agolada), Luís
López Novo (Agolada), Luís Reboredo Gómez (Bidueiros), Luís Rodríguez Vázquez
(cura de Agolada), Luís Vilar Barrio (Agolada), Manuel Barrio (Agolada), Manuel
Blanco, Mutilado, (Agolada), Manuel
Fernández Gallego, Lousa, (Agolada), Manuel Fernández Lamazares (Agolada),
Manuel Galego Iglesias (Agolada), Manuel García Costa (A Costa), Manuel García Torreiro (Agolada), Manuel
Méndez García (Agolada), Manuel Peleteiro Pazos (Agolada), Manuel Regueira
(Agolada), Manuel Sarandeses López (Agolada), Manuel Sieiro España (Agolada),
Manuel Varela Abeledo (Agolada), Manuel Vázquez Amboage (Agolada), Manuel Vence
(O Pontillón), Manuel Vilar Seco (Agolada), Manuel Vilariño Millares
(Bidueiros), Manuela Diéguez Diéguez (Bidueiros), María Couso Pazos (Agolada), Maripepa Blanco
(Bidueiros), Maruja Rial (Agolada), Nieves Gómez (Agolada), Nieves Pulido
(Agolada), Obdulia Pereiro (Agolada), Ofelia Pallares (Agolada), Óscar Coego
Seijas (Agolada), Ovidio Galego Pampín (Agolada), Prudencio Vidal Mejuto
(Agolada), Ramiro Soengas García (Agolada), Ramiro Barrio Negro (Agolada), Ramón Barrio Vilar (Bidueiros), Ramona
Fraga-Casa do Trabancas (Agolada), Ricardo García Regueira (Agolada),
Salustiano Casares (Agolada), Santos Vilar Barrio (Agolada), Secundino
Fernández López (Agolada), Segundo Abeledo Vilariño (Agolada), Ulrico
Sarandeses (Agolada), Urbano Fernández (Agolada), Venancio Barreiro (Bidueiros), Vicente
Torreiro Sarandeses (Agolada), Víctor Vilariño Taboada (Agolada), Víctor
Vilariño Soengas (Bidueiros).
Dolores
Fontanes Coego de Agolada fixo doazón da Pía Bautismal.
A
maior parte dos 41 bancos da igrexa foron doados por familas da vila.
Dous
maceteiros de madeira foron doados por César Lorenzo Peón.
RELACIÓN DE FORÁNEOS QUE FIXERON
DONATIVOS EN METÁLICO PARA A CONSTRUCIÓN DA IGREXA
Albino
Vilar (Órrea), Antonio Calviño (cura de Parada), Antonio Diéguez (Gurgueiro),
Antonio Miguélez (xastre de Esperante), Antonio Santamaría (Barcelona), Avelina
Vázquez Vilariño (mestra de Brántega), Concepción Barazón (Barazón-Santiso), D.
Daniel Cayón (Jefe de Correos de Santander), Dr. D. Enrique Saez (Madrid),
Esther (mestra de Esperante), Esther Vázquez Barrio (mestra de Brántega),
Eugenia Iturbe Villaba (Navarra), Florentino Carballude (Palmou-Lalín),
Francisco Fernández (Friufe), Isaura Cumplido (O Castelo-Cadrón), Jaime
Vilariño (Lalín), Jesús Varela (Paredes), José Coucheiro (mestre de Arzúa),
José Elósegui (San Sebastián), José Iglesias Blanco (Cura das Trabancas), José
Jacobo (Santa Comba), José Varela (mestre xubilado de Artoño), José Vázquez
Vilariño (cura de Adá), Julio Yebra Pimentel (Santiago), Lope Casero Hernández
(Cidade Real), Luís (dentista de Ponteareas), Luís Rodríguez, Manuel Asorey (Órrea), Manuel Castro Castro
(cura de Moimenta-Lalín), Manuel Diéguez (cura de Vilariño), María Cortizo
(Prado), Margarita e Lurdes, María Patrocinio Vallejo (Bilbao), Pío García
Souto (cura de Brántega), Rafael Vilariño (cura de Brántega), Ramón Barba Matas
(Tarrasa-Barcelona), Ricardo Herrero Villaverde (San Sebastián), Rosa Fontecha
(Logroño), Rosa Fuentes Gómez (Mondariz), Sr. cura de Guillar, Sr. Bispo da Diocese,
Señores de Vallejo (Bilbao), Vicente Barneta (Durango-Biscaia), Viúda de Pazos
(Vilagarcía)…
DONATIVOS DE ELEMENTOS CONCRETOS
A familia de Blas, de Madrid, doadora do sagrario, entre o crego, D. Luís, e a súa irmá, Carmen. |
Familia
de Olot (Xirona), doazón de casullas e outras vestiduras litúrxicas.
Dous
búcaros de cristal doados pola familia Sabariz de Lugo.
O
soporte da lámpada de pé, en metal, doado por Mª Asunción Cotón.
Un
carrillón de monaguillo doado por Manuel Otero Fernández, residente na Coruña.
Unha custodia de metal dourado doada pola familia Rubio de Valencia.
REPERCUSIÓN NA ECONOMÍA DA
LOCALIDADE
O
período de construción da igrexa de Agolada (1946-1962) foi un revulsivo que
axudou a dinamizar a economía da localidade e dos arredores. Aos numerosos
profesionais (canteiros, albaneis, carpinteiros, electricistas, cerralleiros,
madeiristas, campaneiros, transportistas, etc) da zona que interviron no
levantamento do novo templo, houbo que
sumarlle un número importante de xornaleiros que encontraron nesta obra unha
oportunidade para sumar uns ingresos complementarios ás súas maltreitas
economías. Foi tamén un momento de
actividade en auxe para moitos almacéns de materiais, marmolerías,
cristalerías, ferraxerías, serradoiros.
E outros comercios da localidade tamén viron como esta actividade
repercutía positivamente no seus balances: bares, fondas, casas de comidas,
estanco, taxistas, etc. O comercio local tamén deixou ver as súas carencias e
varias mercadorías ou material especializado houbo que acudir a cidades
próximas para adquirilos (mármores, vidreiras, pararraios, material litúrxico,
imaxinería, baldosa…)
RELACIÓN DE PERSOAL, OBREIROS E PROFESIONAIS QUE TRABALLARON NA CONSTRUCIÓN DA IGREXA DE AGOLADA
Canteiros |
Cuadrilla
de Manuel López: Antonio Sobrado Fernández, Arturo
López Val, Francisco Fontanes Sánchez, Jesús Tarrío Vázquez, Eugenio Faílde,
Alfonso Faílde, Alfonso López e Jesús Cumplido. Cuadrilla
de Aquilino Sobrado Iglesias: Antonio Sobrado
Fernández, Arturo López Val, Fernando Mato Negro, Mario García Méndez,
Perfecto Faílde Oro, Eugenio Faílde Fernández, Ricardo García Regueira,
Víctor Vilariño Soengas, José Taboada, Virgilio García Piñeiro Outros:
Celso González, Jesús Blanco, Manuel Pereiro, Javier Poceiro, Roberto Méndez,
Gumersindo Sieiro… Canteiros de Friol e de Escairón. Arrincadores de pedra de San Paio de
Bais |
Albaneis
|
Cuadrilla
de Vicente Torreiro Sarandeses: Antonio Vilariño
Soengas, Virgilio García Piñeiro, Jesús Negro Pallares, Manuel Sarandeses
Pallares, Ovidio Vilariño Soengas, Jesús Sarandeses López, Claudio Josenge
Leiva, Amador Vázquez García, Francisco Fontanes, Jesús Blanco, José García
Regueira, Ricardo García Regueira, José Tarrío, Baldomero Vázquez, Ramón, o
Mudo de Borraxeiros; Pepe do Castelo, Sindo do Castelo. Cuadrilla
de Fernando Vidal del Río: Santiago Villaverde,
Ismael García Paleadores de area de Moimenta. |
Carpinteiros |
César Lorenzo Peón, Aquilino García
Negro, Antonino Miguélez Vilar |
Cerrallería |
Javier González Paredes |
Serradoiro de
madeira |
José Benito Negro García |
Reparadores
do tellado |
Dionisio Fernández, Ramiro Sarandeses |
Transportes |
Fausto García Piñeiro, Jesús Meijide
Otero, José Benito Negro, Óscar Coego, Alfonso Vidal Fernández, Jaime
Vilariño |
Portes
de auga de obra |
José Castor Diéguez (portes de bidóns
de auga, para elaborar o morteiro, desde a fonte da praza ata a igrexa coa
carreta tirada polo cabalo). |
Marmoleiros |
Obreiros de Marmoleira Galega |
Instaladores
de terrazo |
Obreiros de Frando de Lugo
|
Colocación
pararraios |
Persoal de Electro Radio de Lugo. |
Axente
de Seguros |
Manuel Galego Iglesias |
Fotógrafos
das obras |
Bernabé de Lalín Manuel Galego Iglesias |
Instalador
eléctrico |
José Santas |
Pedra
de granito |
Foi arrincada nas inmediacións polos
veciños da parroquia e por unha cuadrilla de obreiros de Bais. |
Madeiras
de pino e castiñeiro |
David Fernández Gallego, José Fraga,
Jesús Fernández de Ferreiroa, Darío do Grilo de Amoexa, Sr. de Beloíde,
Benito Negro García, Manuel Fernández Lamazares, Ramón Barrio Vilar. |
Pizarra |
Jesús Meijide, Dositeo Fernández de
Lugo |
Cemento,
area , ladrillo, tella… |
Luís Sabariz, Ramonciño de Filgueira,
Jesús Meijide, Eduardo Otero, Arias Amedín, Manuel de Segundo de Monterroso,
Almacén de Meixide,Telleira do Toxo, Cabrito de Monterroso, Luís Vilar,
Manuel Salgado de Monterroso, Lázara de Silleda, Dositeo Fernández de Lugo,
José Hermida Guerra. |
Ferralla |
Javier González Paredes, Severino
Martínez de Lugo. |
Material
de ferraxería |
Jesús García Vázquez, Ferretería
Asturiana de Lugo. |
Pezas
de carpintería |
Cesar Lorenzo Peón, Antonino Miguélez
Vilar e Aquilino García Negro. |
Vidros |
Vidrería Lara de Lugo, |
Mármores |
Marmoleira Galega |
Material
de Droguería |
Urbano Fernández |
Baldosa |
Frando de Lugo |
Material
Eléctrico |
José Santas |
Uralita |
Alfredo García |
Búcaros
para flores |
Porto de Santiago |
Candelabros
de madeira |
César Lorenzo Peón |
Campá |
Plácido Taboada de Moneixas |
Custodia |
Pontevedra |
Imaxes
dos Sagrados Corazóns e Crucifixo |
Hijos de Rivas. Santiago |
Bancos
de castiñeiro |
César Lorenzo Peón |
Pía
bautismal |
Aurelio López de Lugo |
Pararraios |
Electro Radio de Lugo |
Material
Litúrxico |
Hijas de Tato. Lugo |
Candelabros,
lámparas e sagrario |
Bermello de Ourense |
Altar
maior |
Marmolerías de Santa Cruz de Ribadulla
e Vilagarcía |
INAUGURACIÓN
DA IGREXA. CONSAGRACIÓN DO ALTAR
Superadas
todas as dificultades e traballos habidos na construción do flamante templo
agoladés, chegou o solemne día da inauguración.
O Sr. Bispo de Lugo, acompañado por un nutrido séquito, diríxese á nova igrexa para a súa inauguración. Do arquivo de Manuel Galego Iglesias. |
D.
Luís Rodríguez, o párroco, quen se sentía “obxecto da especial bendición do
Señor ao ver terminadas as obras de dito templo”, convocou para este día tan
esperado ao Sr. Bispo de Lugo, D. Antonio Ona de Echave, á Corporación
Municipal de Agolada, ao clero da zona de Agolada, outras autoridades locais e aos seus
fregueses.
Aquel 21 de setembro de 1962, o Sr. Bispo da Diocese é recibido na praza de
Agolada e desde alí diríxese á recén construída igrexa dos Sagrados Corazóns de
Agolada, acompañado por un nutrido séquito de veciños, membros do Clero e
autoridades. Entra no templo, ilustrado
amplamente polas detalladas explicacións do párroco e a continuación iníciase a
cerimonia na que se procede á
Consagración do Altar Maior, no cal se depositan as reliquias dos mártires San
Espacioso e san Felicísimo, nunha gabeta practicada na mesa do propio
altar. As reliquias foran autenticadas o
día anterior no Palacio Episcopal de Lugo e trasladadas solemnemente á nova
igrexa de Agolada polo Mestre de Cerimonias da Santa Igrexa Catedral Basílica
de Lugo, D. Constantino López López.
Asistiron como testemuñas da cerimonia os canónigos D. Daniel Sarandeses Rodríguez e D. Abel Vázquez García (ambos
canónigos agoladeses, de Borraxeiros e das Trabancas, respectivamente), os
capeláns do Sr. Bispo e o clero da zona.
Consagración do Altar Maior |
O
acto foi secundado no exterior con toque da campá e lanzamento de fogos
artificiais. E remataría cun banquete no bar de Antucho González, con
participación dos citados invitados e aqueles veciños que quixeron sumarse,
previa retirada dunha tarxeta-invitación. Queremos deixar constancia de que
dúas doadoras que aparecen rexistradas como Margarita e Lurdes, aportaron a
cantidade de 5.000 pesetas destinadas a sufragar os gastos da inauguración.
EPÍLOGO. REFLEXIÓN
Desde
a inauguración da igrexa transcorerron 61 anos. Nese tempo, o templo
experimentou algunhas obras de conservación e melloras (pintura, retellado,
substitución de algún elemento de carpintería, reforma do altar maior no
presbiterio, colocación de novas vidreiras
e lámparas e novo portalón de entrada, que foron doazóns de particulares
da vila (Manuel Peleteiro Pazos e Elia
López Barredo, xunto a Jesús Meijide Otero e Hilda España Galego). Pero, nunha simple inspección ocular,
obsérvanse no edificio patoloxías que afectan ao seu correcto estado de conservación.
Na miña humilde consideración,
estimo urxentes obras de mellora na estanqueidade e illamento do tellado, así
como a limpeza e consolidación do formigón da torre-campanario.. Igualmente,
considero perentorio acometer tarefas para unha mellor drenaxe da soleira e
para evitar a humidade por capilaridade nos paramentos verticais. Tamén procederían tarefas de repintado
interior e exterior.
Outras melloras son
posibles e desexables, como a dotación de calefacción, da que sempre careceu, a
construción dun pórtico diante da porta principal, etc.
Pero todo isto debería formar parte
dun plan integral de restauración e mellora do edificio. Para isto cumpriría
novamente apelar aos organismos da Administración, ao Bispado, ao Concello, á
iniciativa popular e poñer a andar o proxecto. Cómpre que alguén capitanee a idea. E con isto creo que estariamos actuando con
xustiza e corresponsabilidade cos nosos
devanceiros que, en tempos de maiores necesidades económicas, foron capaces de acometer
un edificio digno e ambicioso para aquel momento.
Dicíame o actual párroco, D. José
García Pájaro, que esta igrexa en concreto merece especial atención no concello
de Agolada, pois de seguir a
escaseza
de sacerdotes e a involución poboacional das aldeas, non lle parece aventurado
o día en que os servizos relixiosos ordinarios se presten nun único templo de
cada concello, que no caso de Agolada, por tamaño e situación, sería o da
capital municipal. De aí a conveniencia e necesidade de concentrar esforzos e
melloras en conservar en perfecto estado
este edificio.
DOCUMENTACIÓN CONSULTADA:
-
Libro de Fábrica da Igrexa dos Sagrados Corazóns de Agolada
-
Publicacións “Aedificamus Templum” en Facebook de José Ramón Pérez Salgado,
investigador natural da Baíña.
INFORMANTES ORAIS:
-
D. José Iglesias Blanco, Manuel Fernández Gallego (Lousa), Fausto García
Piñeiro, Raquel Vidal Fernández, Marité Negro Cumplido, Álvaro Negro Cumplido, Jesús
Negro Pallares, Panadería da Melchora de Melide, Voos americanos de 1945 e 1956.
FOTOGRAFÍAS
Manuel Galego Iglesias, Arquivo da Deputación de Pontevedra, Ton van Vliet, Paisajes Españoles, arquivo da familia Couso Folgueiras, Jesús Negro Pallares e Manuel Busto Galego.
REPORTAXE FOTOGRÁFICA:
Fachada da igrexa. Arquivo Deputación de Pontevedra |
Obras no interior do templo. Arquivo Deputación |
Obras na fachada. Arquivo Deputación. |
Agolada en 1945. Foto aérea do voo americano. En vermello o terreo onde se ía construír a igrexa. |
Vista de Agolada coas siluetas da igrexa e o monte Farelo. Toma de Ton van Vliet en 1980 |
D. Luís Rodríguez Vázquez, párroco de Agolada desde 1958 a 1964 |
Vista do adro da igrexa, aínda en obras. |
Bispo, crego, veciños e autoridades o día da inauguración da igrexa. |
Escalinata de acceso ao adro da igrexa |
Vista da igrexa desde o ángulo suroeste. |
Gobernador civil, alcalde e crego nos Pendellos, despois de visitar a capela das Virtudes. |
Primeiros nenos que asistiron á catequese na nova igrexa. |
Obras da igrexa. Exterior da cabeceira. Arquivo da Deputación. |
Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras |
Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras |
Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras |
Traslación das imaxes ao templo, Arquivo Couso Folgueiras |