29 de febreiro de 2008

IGREXA E CAPELA DA CRUZ EN BROCOS

A parroquia de Brocos tiña o seu templo principal no lugar de O Marquesado. Coa construción do encoro de Portodemouros, a igrexa quedou anegada e Fenosa, a empresa alagadora do val do Arnego, construíu en substitución do orixinal, o edificio de arriba, en ladrillo cara vista.
Da antiga igrexa trasladáronse as campás e a placa de mármore que lembra aos caídos na Guerra Civil. Unha campá está albergada nun casetón que coroa o vértice do tellado con estrutura metálica piramidal.
A segunda campá foi instalada nun soporte metálico sobre a porta do cemiterio, moi próximo a actual igrexa.

Con enorme sorpresa souben que na parroquia, medio oculta entre as últimas casas da aldea, segundo se vai cara a Vila de Cruces, había unha fermosa ermida denominada Capela da Cruz. Sen dúbida trátase dun templo de moito máis atractivo cá igrexa pseudomoderna construída por Fenosa.
Erixida con manpostería de esquistos, recebada por ambas caras, presenta o recerco dos ocos en esmerados bloques labrados na difícil pedra pizarrenta.
Arredor da capela hai un coidado adro presidido por un cruceiro de escasa altura e rudimentaria talla.
A min paréceme un templo suficiente para atender á cada vez máis diminuída poboación e que goza de maior mérito arquitectónico có que se ten por parroquial. Iso si, precisa dunha pequena reforma que o rescate do abandono que xa empeza a prender nalgúns elementos.

4 comentarios:

  1. A pesar da pobreza que se aprecia na Capela dá Cruz, dime moito máis que o ladrillo cara vista de Fenosa. Nos adros das nosas igrexas escribiuse moita da nosa historia...e moitos primeiros bicos o día da festa.

    ResponderEliminar
  2. Uns levan a fama e outros levan a auga...

    ResponderEliminar
  3. Resulta evidente concordar contigo na mellor elección da Capela como templo principal.
    (Non lembro o procedemento para "ascender" de Capela a Igrexa; pero co beneplácito dos veciños seguro que todo iría sobre rodas)

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Si nos para chegar ao poboado tivemos que pasar ao lado de esta igrexa. Non entrei pero... Bicos

    ResponderEliminar