10 de decembro de 2010

PENDELLOS DE FEIRA EN RODEIRO, LALIN E VILATUXE

A Galicia dos anos vinte do pasado século era un fervedoiro de feiras. A dificultade dos camiños e os rudimentarios medios de transporte impoñían a necesidade de mercados periódicos próximos aos labregos para que estes puidesen comerciar os excedentes das colleitas e o gando. Igualmente servirían para se abastecer de aveños, roupas, cacharros..., produtos manufacturados ou artesanais. A cantidade de feiras era inxente en espazos e datas. As circunstancias meteorolóxicas adversas demandaban construcións permanentes ou portátiles para poñer as mercadorías a cuberto e dar abeiro a compradores e tendeiros. En moitos lugares houbo construcións permanentes, que co paso dos anos foron desaparecendo por razóns varias (a propia desaparición da feira, a expansión urbanística dos núcleos que acollían as feiras, o desuso da construción, etc). Tal pode ser o caso das tres feiras dezás que hoxe citamos e recollemos en imaxes obtidas por D. Vicente Risco e polo Seminario de Estudos Galegos arredor de 1920 e publicadas na Historia de Galicia de D. Ramón Otero Pedrayo, na sección de Etnografía.
PENDELLOS DE RODEIRO:
Pendello expositor en Rodeiro, anexo a unha vivenda con soportais. Diante da casa tamén se observan as bancadas de pedra que servían de mostradores e que se cubrían con toldos de lona portátiles.
A casa da imaxe de arriba ben pode ser a que recollo na seguinte foto, restaurada e sen o pendello anexo, que sería derrubado para dar paso á estrada que sae da praza principal de Rodeiro cara a Oseira.
PENDELLOS DE LALÍN:
Ofrecín noutra entrada anterior tres imaxes de Ruth Matilda Anderson onde se recollían os pendellos de Lalín. Estoutra de D. Vicente Risco vén a completar aquelas escenas e a testemuñar o interese plástico e etnográfico que suscitaban as feiras e os recintos con pendellos nos fotógrafos da época.
PENDELLOS DE VILATUXE:
CAMPO DA FEIRA DE VILATUXE: FEIRA DOS CARBALLIÑOS.
O campo da feira de Vilatuxe (Lalín) está na actualidade cruzado pola estrada que comunica Vilatuxe co Irixo. Vilatuxe era encrucillada de camiños. De aí a idoneidade para acoller unha feira. Ademais da súa situación céntrica para congregar ás parroquias bañadas polo Deza e polo Asneiros. O Campo era/é unha carballeira denominada "Os Carballiños". A feira desapareceu a mediados do século pasado e os pendellos desapareceron paulatinamente. Hoxe só podemos observar o muro que circundaba o recinto e a carón do cal estaban situados os pendellos (imaxe seguinte).
Vilatuxe. Rúa e estrada de saída cara o Alto da Grade e O Irixo. A feira celebrábase nesta rúa e na carballeira que se estendía a ambos lados dela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario